A diferenza entre as pensións medias nos concellos agrarios e industriais supera os 400 euros mensuais

O importe medio das pensións de xubilación en Galicia situouse no ano 2021 nos 1.011 euros mensuais, superando por vez primeira ese límite simbólico dos mil euros CC-BY-NC-ND Xosé Castro Roig

O importe medio das pensións de xubilación en Galicia situouse no ano 2021 nos 1.011 euros mensuais, superando por vez primeira ese límite simbólico dos mil euros. Porén, este indicador agocha grandes diferenzas por sexo, cunha fenda entre homes e mulleres que se mantén inalterable dende hai anos, e tamén entre territorios. As pensións son máis elevadas nos concellos urbanos e sobre todo naqueles nas que o emprego industrial é máis importante e o seu importe redúcese nas zonas rurais e onde o sector primario ocupa a máis poboación.

As pensións son máis elevadas nos concellos urbanos e sobre todo naqueles nas que o emprego industrial é máis importante e o seu importe redúcese nas zonas rurais e onde o sector primario ocupa a máis poboación

O mapa amosa claramente estas diferenzas, con pensións máis elevadas en concellos como As Pontes (1.526 euros de media), Fene (1.343), Cervo (1.300) ou Ferrol (1.278) e tamén en cidades (A Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra...), así coma noutras localidades das comarcas de Ferrolterra (Mugardos, Ares, Neda...), Eume (Pontedeume, Cabanas, A Capela...) ou das áreas metropolitanas das grandes urbes (Oleiros, Nigrán, Marín, Bueu...). E, igualmente, noutros concellos nos que a industria ten un gran peso, como Carballeda de Valdeorras ou Xove.

A diferenza entre os concellos con pensións máis altas (As Pontes) e máis baixas (Avión) achégase aos 900 euros.  Descartando estas cifras extremas, a fenda entre os 50 concellos con importes maiores e menores rolda os 400 euros

Pola contra, as zonas rurais, especialmente na provincia de Ourense e na Costa da Morte, son as que presentan as pensións medias máis reducidas. As pensións máis baixas corresponden a Avión (627 euros) e Santa Comba (681 euros). Padrenda, Tordoia, Baltar, O Irixo, Mazaricos, Vimianzo, Sarreaus e Quintela de Leirado teñen tamén importes medios inferiores aos 700 euros mensuais.

Así, a diferenza entre os concellos con pensións máis altas (As Pontes) e máis baixas (Avión) achégase aos 900 euros. Descartando estas cifras extremas e seleccionando as 50 localidades con pensións máis elevadas e as 50 con pensións máis reducidas atopamos que a diferenza entre os dous grupos se sitúa ao redor dos 400 euros mensuais, unha gran marxe que establece a fenda entre a Galicia urbana e industrial e a agraria e rural neste ámbito.

En moitos casos esta fenda ampliouse nos últimos anos. Entre os concellos nos que as pensións medraron máis están aqueles nos que os importes eran xa máis elevados previamente 

En moitos casos esta fenda ampliouse nos últimos anos. Entre o 2011 e o 2021 o importe medio das pensións en Galicia incrementouse un 28,73%. En 77 concellos o incremento relativo moi superior e no resto (237 localidades) as pensións subiron por debaixo da media. Entre os concellos nos que as pensións medraron máis están aqueles nos que os importes eran xa máis elevados previamente, encabezados por As Pontes (+43,7%), seguido de Teo (+41,2%), As Somozas (+39,8%), Carballeda de Valdeorras (+39,6%) e A Capela (+36,8%).

En cidades como Santiago (+34%), Pontevedra (32%), Lugo (+31%), Ourense (30%), A Coruña (29%) o incremento tamén se situou por riba da media e en Vigo e Ferrol foi lixeiramente inferior ao dato global de Galicia. 

En cambio, en moitos concellos rurais, encabezados precisamente por Avión (+7,97%), o aumento estivo moi por debaixo da media galega. Nun total de 39 localidades as pensións subiron menos dun 20% nestes dez anos.

A outra gran fenda é a que se segue a establecer entre homes e mulleres. O importe medio das pensións masculinas (1.156 euros mensuais) é case 287 euros superior ao das femininas (869 euros). Nas novas altas de pensionistas que se produciron no ano 2021 a fenda é lixeiramente superior, uns 295 euros (1.301 euros os homes e 1.006 as mulleres).

O baixo importe das pensións nas zonas rurais acada valores moito máis reducidos no caso das mulleres, especialmente naquelas dedicadas ao traballo agrogandeiro, que seguen a atopar obstáculos para converterse en titulares das súas explotacións

O baixo importe das pensións nas zonas rurais acada valores moito máis reducidos no caso das mulleres, especialmente naquelas dedicadas ao traballo agrogandeiro, que seguen a atopar obstáculos para converterse en titulares das súas explotacións ou para ver recoñecido o conxunto das súas achegas laborais. De feito, en 240 concellos (case oito de cada dez) o importe medio das pensións cobradas por mulleres non chega aos 800 euros mensuais. E en 70 localidades a media non acada os 700 euros mensuais. O sur da provincia de Ourense, o interior da de Pontevedra e a Costa da Morte son as zonas as que rexistran as pensións femininas máis baixas.

As cidades e as zonas industriais presentan as pensións máis elevadas cobradas por mulleres (Santiago, A Coruña, As Pontes, Ferrol...), pero tamén as maiores diferenzas entre homes e mulleres, que chegan a ser de máis de 800 euros mensuais nas Pontes e de máis de 600 en Cervo, Fene e Xove.

No 2014 o importe das pensións femininas representaban o 72,9% das masculinas, mentres que na actualidade o seu valor acada o 75,2%. Nas novas altas si que se reduciu de forma máis clara a fenda, mesmo en termos absolutos

Nestes datos chama a atención a ausencia de avances nos últimos anos no obxectivo de reducir esta fenda por sexo. No ano 2014 a diferenza entre a pensión media de homes e de mulleres era de 265,8 euros e no 2021 esta marxe mesmo se incrementou en termos absolutos, ata acadar os 286,8 euros. En termos relativos si se produciu unha aproximación entre as pensións cobradas por homes e mulleres, pero moi pequena: no 2014 o importe das pensións femininas representaba o 72,9% das masculinas, mentres que na actualidade o seu valor acada o 75,2%.

No 2014 a diferenza entre a pensión media de homes e de mulleres era de 266 euros e no 2021 esta marxe incrementouse en termos absolutos, ata acadar os 287

No caso das novas altas de pensionistas, que abranguen unicamente os datos de persoas que veñen de xubilarse, a diferenza absoluta si que se foi reducindo un chisco, pasando dos 368 euros de 2014 ata os 295 actuais. En termos relativos a mellora é máis clara: no 2014 o importe medio das novas altas de pensións cobradas por mulleres representaba o 68,7% das cobradas polos homes, mentres que no 2021 a cifra acada o 77,3%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.