Que son os Plans de Pensións de Emprego?
Na xerga do pacto de Toledo, no sistema de pensións hai tres pilares: Primeiro, as Pensións públicas. Segundo, estes Plans de pensións de emprego. Terceiro os Plans individuais actuais.
Este segundo pilar consiste nun sistema privado de capitalización financiado a partir de cotas dos traballadores e da patronal e xestionados, en última instancia, por entidades privadas coa finalidade de “mellorar” e/ou substituír aos actuais plans privados individuais.
Foron aprobados no Consello de Ministros o pasado 22 de febreiro e actualmente están en fase de ponencia, tendo o goberno o 30 de xuño como prazo máximo para a aprobación definitiva por mor do compromiso acadado coa Unión Europea nos Fondos europeos do plan de recuperación.
Cales son as razóns para estar en contra?
As principais razóns que vexo eu para oporse a estes Plans, son as seguintes:
1.- Porque supoñen un primeiro paso para o debilitamento do Sistema Público de Pensións. De feito a súa posta en marcha será financiada por toda a cidadanía mediante tres mecanismos:
-Achegas iniciais públicas (descoñécese a contía neste momento),
-Desgravacións fiscais para os que subscriban o plan fixadas en 1.500 euros e para as empresas, 8.500 euros, se ven recentes negociacións publicas coa dereita incrementarían estas cantidades e ampliaríaas ao imposto de sociedades. i
-E para min o máis grave, descontos ás empresas nas cotizacións á Seguridade Social, debilitando o Sistema Público de Pensións con estes novos “gastos impropios” nunha contía que, nas propias previsións do goberno, non van ser pequenos.
2.- Porque non vai estar ao alcance de todos os traballadores, senón unicamente de aqueles que poidan facer achegas durante a súa vida laboral. Cun emprego precario nin se pode aforrar nin hai nada que desgravar.
3.- Porque van favorecer unicamente aos grupos financeiros, que aumentarán o seu negocio en miles de millóns de euros e porque estes produtos financeiros van estar sometidos aos antollos e ás crises dos mercados (lembremos o sucedido en Chile, por exemplo ii )
Cales son as necesidades do actual sistema de pensións público?
Creo que o que necesitamos é manter e mellorar o Sistema público de pensións e os dereitos acadados polos/as traballadores/as, reforzando, por unha banda, todas as pensións e, especialmente, as pensións mínimas, as non contributivas e as de viuvez e, pola outra, incrementando os seus ingresos.
Neste último sentido, se o que se pretende é que algúns/unhas traballadores/as poidan ter pensións complementarias, non sería mellor romper o teito de cotización, (4.140 euros mensuais)? Deste xeito quen quixese cotizar máis percibiría unha pensión superior, mantendo un criterio de solidariedade co resto dos/as traballadores/as ao aumentar tamén os ingresos do sistema.
Cales son as perspectivas de aprobación?
Neste momento o Proxecto de Lei continúa a súa tramitación parlamentaria grazas o apoio do goberno e do PP, Ciudadanos e Vox tras ser rexeitada a emenda á totalidade presentada polo BNG malia obter os apoios de Esquerra Republicana, EH-Bildu, Más País-Equo, a CUP e Compromís.
As últimas información dan a entender que o grupo do PSOE está tratando de chegar a acordos coa dereita cedendo maiores desgravacións e menores (ou incluso ningunha) limitación aos investimentos que interesen aos xestores (privados) dos fondos.
Estes Plans teñen relación cos Entidades de Previsión Social Voluntaria (EPSV) ?
As EPSV que funcionan no País Vasco son un antecedente inmediato dos Plans de Emprego (ver a súa páxina publicitaria aquí iii)
Precisamente o 25 de marzo deste ano o sindicato vasco LAB, tras un debate interno coa súa militancia, concluíu que as EPSV desenvolvéronse nunha dirección contraria ao modelo defendido por LAB. As razóns son varias e reprodúzoas, polo seu interese neste debate, nesta nota iv:
Mobilizacións:
Ante esta situación o Movemento de Pensionistas v, nesta nota que achegamos, chama á mobilización contra o Proxecto de Lei para o Fomento dos Plans de Pensións de Emprego e esixindo a súa retirada.
Notas
i Escrivá cede ante PP y Cs e incluirá más deducciones para los planes de empresa (lainformacion.com)
ii https://economistasfrentealacrisis.com/lecciones-del-fracaso-del-modelo-chileno-de-pensiones-privadas/
iii https://epsv.org/que-es-una-epsv/
iv LAB: “Porque as prestacións non son universais, non se basean na solidariedade entre traballadores e traballadoras, aumentan as desigualdades entre traballadores e traballadoras, dan cobertura a unha minoría de traballadores e traballadoras, non conseguiron complementar o sistema de pensións ou ofrecer complementos dignos, os investimentos carecen en xeral de ambición e capacidade para influír estratexicamente no propio tecido económico e non serviron para dar pasos cara á creación dun sistema público propio. Aínda que non dubidamos de que supuxo beneficios individuais a algunhas persoas, non serviron de ferramenta colectiva”. Fonte: https://www.lab.eus/es/suspenderemos-nuestra-participacion-en-las-entidades-de-prevision-social-voluntaria-de-empleo/
v Asociación Xubilación Anticipada sen penalizar, COESPE (Coordinadora Estatal en Defensa do Sistema Público de Pensións), EHPM- MPEH: Movementoo de Pensionistas de Euskal Herria, MADPP: Movemento Andaluz en Defensa das Pensións Públicas, MODEPEN: Movemento pola Defensa das Pensións Públicas. UNIDADE- COESPE e Plataformas de Pensionistas de Badaxoz e Móstoles. Fontes: https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2022/05/Nota-de-prensa-en-galego.pdf e https://www.facebook.com/photo?fbid=3470711683069188&set=a.1369029296570781