Ribadeo e Cangas acollen este sábado senllas manifestacións convocadas polo Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos
Os pensionistas galegos volverán mobilizarse esta fin de semana, con senllas manifestacións convocadas o sábado 12 polo Movemento Galego en Defensa das Pensións e os Servizos Públicos (MODEPEN) en Ribadeo e Cangas. As marchas, que coincidirán con outras convocadas en todo o Estado, pulan pola defensa do sistema público de pensións, demandan contías mínimas dignas e denuncian algúns aspectos da nova reforma das pensións, aprobada recentemente.
En especial, a mobilización busca garantir que en 2022 e anos sucesivos o poder adquisitivo das pensións "se revalorice en función do incremento do IPC Medio, tal como se viña facendo antes da reforma de 2011" e non do IPC Acumulado Anual e reclámase "compensar a perda do 3% do poder adquisitivo das pensións do ano 2021", como se pode ler no manifesto apoiado por MODEPEN.
As marchas defenden do sistema público de pensións, demandan contías mínimas dignas e denuncian algúns aspectos da nova reforma das pensións, aprobada recentemente
Tamén se pide que non haxa pensións por debaixo do limiar da pobreza, eliminando a fenda de xénero en salarios e pensións e incrementando a pensión mínima ata equipararse ao salario mínimo (SMI), e que este se sitúe no 60% do salario medio, como recomenda a Carta Social Europea. Finalmente, faise un chamamento a "garantir pensións públicas dignas xustas e suficientes e o carácter público do Sistema de Pensións, derrogando os recortes das reformas de 2011, 2013 e 2021 e rexeitando a privatización total ou parcial do mesmo, baixo calquera fórmula".
As dúas manifestacións comezarán ás 12 do mediodía, dende a estación de autobuses de Ribadeo e dende a Praza do Concello de Cangas. Ata as dúas vilas desprazaranse pensionistas de toda Galicia e son varias as localidades que están a organizar servizos de transporte para dirixirse alí.
O SLG chama a atención sobre a situación das persoas xubiladas dos sectores agrarios e gandeiros galegos, "que veñen percibindo pensións que na maior parte dos casos non superan o importe mínimo"
As marchas están apoiadas por entidades coma o Sindicato Labrego Galego, que comparte todas as súas reivindicacións e demanda "un compromiso político explícito co sistema público de pensións para o futuro". Así mesmo, chama a atención sobre a situación das persoas xubiladas dos sectores agrarios e gandeiros galegos, "que veñen percibindo pensións que na maior parte dos casos non superan o importe mínimo" e para os que reclaman unha "actualización das contías" que "resulta imprescindíbel". Así mesmo, lembra que "as dificultades engadidas para o acceso aos servizos públicos, a cada paso máis precarizados, que teñen as persoas xubiladas que viven no medio rural galego, agrava aínda mais a situación".
Aínda que o movemento pensionista "conseguiu parar o máis duro da ofensiva neo-liberal", esa ofensiva "mantense no fundamental", buscando "apropiarse do público depreciando as pensións o máximo posíbel para conseguir a súa privatización, esta vez mediante os plans de empresa, ante o fracaso dos plans individuais"
Nun artigo de opinión publicado hai uns días en Praza.gal por Bieito Lorenzo Penela no que destacaba os éxitos acadados nos últimos anos polas mobilizacións dos pensionistas, lembrando que "no 2015, en plena ofensiva contra as pensións públicas, o goberno de Rajoy pretendeu reducir a súa revalorización anual a só un 0,25%" e engadindo que "este ataque sen precedentes aos pensionistas ergueu un potente movemento" que acadou varias vitorias e parte dos seus obxectivos. Con todo, indica, aínda que o movemento pensionista "conseguiu parar o máis duro da ofensiva neo-liberal", esa ofensiva "mantense no fundamental", buscando "apropiarse do público depreciando as pensións o máximo posíbel para conseguir a súa privatización, esta vez mediante os plans de empresa, ante o fracaso dos plans individuais".
Colectivos de pensionistas coma o de Compostela veñen mobilizándose de forma constante dende hai tempo, con concentracións que se celebran cada primeiro luns de mes na Praza do Obradoiro e que reivindican "un Sistema Público de Pensións xusto e solidario que non estea permanentemente ameazado, mais uns Servizos Públicos que cubran de maneira universal as necesidades de todas as persoas maiores", como subliñaba Paco Castro neste artigo.
Colectivos de pensionistas coma o de Compostela veñen mobilizándose de forma constante dende hai tempo, con concentracións que se celebran cada primeiro luns de mes na Praza do Obradoiro
Nese texto destacábase que "o Movemento de Pensionistas foi capaz de conseguir algúns avances e, sobre todo, evitar retrocesos. A reforma acordada no Pacto de Toledo foi resultado da presión do propio Movemento de Pensionistas contraposto a presión dos mercados implícita nas condicións de Europa para liberar os fondos". E demandaba que "a suba das Pensións Mínimas até igualalas co Salario Mínimo Interprofesional representa un paso fundamental para ir pechando a fenda de xénero e para mitigar a altísima taxa de pobreza que existe na poboación de maiores e resulta dunha lóxica tan incuestionable que sorprenden as reticencias".
O pasado 27 de xaneiro tamén centos de persoas xubiladas convocadas pola CIG concentráronse contra a nova reforma das pensións
O pasado xoves 27 de xaneiro tamén centos de persoas xubiladas convocadas pola CIG concentráronse en varias cidades galegas contra a nova reforma das pensións. O Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG anuncia que seguirá a mobilizarse mentres non se derroguen as reformas das pensións: a do 2011, a do 2013 e esta nova reforma.