No 2015, en plena ofensiva contra as pensións públicas, o goberno de Rajoy pretendeu reducir a súa revalorización anual a só un 0,25%. Este ataque sen precedentes aos pensionistas ergueu un potente movemento, como podemos lembrar, por exemplo, neste enlace da manifestación do 17 de marzo de 20181 que bloqueou eficazmente a aplicación desa mísera suba. De paso, acelerou a caída do goberno de Rajoy.
No 2015, en plena ofensiva contra as pensións públicas, o goberno de Rajoy pretendeu reducir a súa revalorización anual a só un 0,25%. Este ataque sen precedentes aos pensionistas ergueu un potente movemento
Coa loita conseguiuse ese obxectivo e tamén outros, como nos lembraba o Movemento pensionista pouco antes da aprobación da Reforma “Escrivá” (Lei 121/000066, de garantía do poder adquisitivo das pensións e de outras medidas de reforzo da sostibilidade financeira e social do sistema público de pensións) 2.
1. Os chamados gastos impropios da Seguridade Social serán asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado. En adiante as cotizacións sociais destinaranse ao financiamento das pensións contributivas.
2. Realizarase unha auditoría de ingresos e gastos do sistema desde 1967 a 2020, o que permitirá demostrar que a SS asumiu durante décadas gastos que non lle correspondían, o que facilitou que os partidarios da privatización argumentasen a existencia dunha débeda ficticia.
Mesmo houbo vitorias estratéxicas que, malia todo, están por concretar como: A referencia a que se debe asegurar o actual nivel das prestacións públicas medida pola taxa de substitución da pensión inicial en relación co salario. O recoñecemento do dereito ás pensións de viuvez das parellas de feito, acabando así cunha discriminación que prexudicaba a centos milleiros de persoas. Tamén se abriu a porta á existencia dun complemento ás pensións das persoas con longas carreiras de cotizacións e a relacionar o importe das pensións co SMI.
O Movemento pensionista conseguiu parar o máis duro da ofensiva neo-liberal. Mais a outra cara desa realidade é que esa ofensiva mantense no fundamental
Estes éxitos son unha cara da realidade: O Movemento pensionista conseguiu parar o máis duro da ofensiva neo-liberal. Mais a outra cara desa realidade é que esa ofensiva mantense no fundamental. Esta primeira reforma deixa pendentes os seguintes problemas 3:
• O IPC empregado non é o interanual acumulado, senón “o IPC medio”, polo que, lonxe de garantir nada, este ano redúcese un 3% o poder adquisitivo das pensións.
• Non eleva as pensións mínimas a niveis de dignidade para eliminar as pensións de miseria e a brecha de xénero.
• Aparece unha nova figura: o Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI) que pretende derrogar o anterior factor de sustentabilidade. Porén, fala de permitir os recortes das pensións cando o consideren necesario. E non se fai nin unha mención á reposición das cantidades que se desviaron da caixa da Seguridade Social para gastos distintos das pensións (gastos impropios).
• Afondan nos recortes das anteriores reformas das pensións: o atraso da idade de xubilación e a ampliación do prazo de cómputo para o cálculo da base reguladora,…
• E moi importante, déixase o terreo preparado para a privatización, para que outra parte do sector público, neste caso as pensións, vaia a ampliar o campo do negocio privado e financeiro.
Os pensionistas vense obrigados a convocar unha xornada de mobilizacións o vindeiro 12 de febreiro. Mobilizacións que na Galiza esta vez serán descentralizadas: En Ribadeo e en Cangas
Non son reivindicacións menores. E haberá que sumarlle as que aparezan na segunda reforma que vai vir. De feito, como vemos, os problemas máis importantes están aínda pendentes. Non nos enganemos, a ofensiva neo-liberal mantense no fundamental: Apropiarse do público depreciando as pensións o máximo posíbel para conseguir a súa privatización, esta vez mediante os plans de empresa, ante o fracaso dos plans individuais.
Por iso os pensionistas vense obrigados a convocar unha xornada de mobilizacións o vindeiro 12 de febreiro. Mobilizacións que na Galiza esta vez serán descentralizadas: En Ribadeo e en Cangas 4.
Goberne quen goberne, as pensións públicas deféndense.
Notas
1https://praza.gal/movementos-sociais/milleiros-de-persoas-secundan-as-protestas-polas-pensions-publicas-estamos-xubilados-non-aparvados
2https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2021/12/Primeira-valoracion-nova-lei-pensions.pdf
3https://www.modepen.org/wp-content/uploads/2021/12/211217_COMUNICADO-DE-PRENSA-Pensionistas.pdf
4https://www.modepen.org/index.php/2022/02/01/manifesto-da-xornada-de-mobilizacion-estatal-de-pensionistas-do-12-de-febreiro-2022/