Catro anos de movemento

Manifestación da Plataforma de Pensionistas de Compostela © Plataforma de Pensionistas de Compostela

O Movemento de Pensionistas foi capaz de conseguir algúns avances e, sobre todo, evitar retrocesos. A reforma acordada no Pacto de Toledo foi resultado da presión do propio Movemento de Pensionistas contraposto a presión dos mercados implícita nas condicións de Europa para liberar os fondos

A Plataforma de Pensionistas de Compostela é parte do “Movemento de Pensionistas” desde febreiro de 2018. Catro anos de activismo, participando das mobilizacións unitarias e concentrándose cada primeiro luns de mes na Praza do Obradoiro, agás os que a pandemia obrigou a suspender. Catro anos reivindicando un Sistema Público de Pensións xusto e solidario que non estea permanentemente ameazado, mais uns Servizos Públicos que cubran de maneira universal as necesidades de todas as persoas maiores. Un longo camiño no que o movemento tivo atrancos e inimigos. Cuestións que toda loita social ten que aprender a identificar e superar. Malia a todo, o Movemento de Pensionistas foi capaz de conseguir algúns avances e, sobre todo, evitar retrocesos.

A reforma acordada no Pacto de Toledo foi resultado da presión do propio Movemento de Pensionistas contraposto a presión dos mercados implícita nas condicións de Europa para liberar os fondos. Aínda que asinara a representación social máis sistémica escoitada no Pato de Toledo: os sindicatos estatais CCOO e UGT, se realmente houbo algún avance debeuse a latente ameaza da mobilización das persoas pensionistas organizadas nas plataformas. Por suposto, hai que ter en conta o contexto político que permitiu matizar o neoliberalismo salvaxe: a estratexia europea para afrontar esta crise con políticas algo máis sociais e coincidir no Estado un goberno progresista. 

Manifestación da Plataforma de Pensionistas de Compostela © Plataforma de Pensionistas de Compostela

O Sistema Público de Pensións é a parte central do benestar das persoas maiores e, por tanto das reivindicacións da Movemento. Nese sentido, a suba das Pensións Mínimas até igualalas co Salario Mínimo Interprofesional representa: un paso fundamental para ir pechando a fenda de xénero e para mitigar a altísima taxa de pobreza que existe na poboación de maiores e resulta dunha lóxica tan incuestionable que sorprenden as reticencias. Mais o benestar das persoas pensionistas depende tamén, de maneira fundamental, de ter Servizos Públicos que garantan a saúde, a capacidade de autonomía e o máximo benestar posible cando chega a dependencia. Unha sociedade non é digna se non garante a dignidade das persoas maiores. Estes dias está na actualidade o trato indigno que reciben das entidades bancarias. Eu pregunto: é aceptable que o Estado non interveña fronte a escandaloso trato que dispensan? en especial ás persoas maiores! 

A suba das Pensións Mínimas até igualalas co Salario Mínimo Interprofesional representa: un paso fundamental para ir pechando a fenda de xénero e para mitigar a altísima taxa de pobreza que existe na poboación de maiores e resulta dunha lóxica tan incuestionable que sorprenden as reticencias

No que atinxe ás Pensións, os novos Orzamentos do Estado supoñen un pequeno avance, conteñen compromisos que asumira o Goberno nesa materia e expresan as recentes Medidas aprobadas no Primeiro Bloque da Reforma das Pensións, recollidas na lei 2022 de Garantía do poder adquisitivo e outras medidas para a sustentabilidade do sistema, que entrou en vigor o pasado día 1/01/2022, aínda que parcialmente. O Movemento ten que seguir reivindicando: o mantemento do poder adquisitivo real; a suba das Pensións Mínimas igualándoas cando menos ao Salario Mínimo, algo que debería caer polo seu propio peso; a blindaxe do Sistema Público de Pensións na Constitución como dereito fundamental para que deixe de estar permanentemente ameazado; aplicar criterios redistributivos e de reparto do traballo, a nova idade de xubilación prevista en 70 anos é un contrasentido nunha sociedade na que o paro é un problema fundamental, especialmente na mocidade, etc.

As persoas pensionistas temos memoria, mais non podemos caer na trampa da nostalxia, a nosa loita é polo futuro: por unha saciedade máis xusta na que os avances tecnolóxicos contribúan a mellorar a vida da humanidade; repartindo a riqueza, o traballo e o ocio. A nosa loita é pola liberdade de ter acceso ao benestar social, á educación, á sanidade, a unha pensión e uns servizos que garantan o benestar de todas as persoas, principalmente para a mocidade de hoxe e de maña.

Manifestación da Plataforma de Pensionistas de Compostela © Plataforma de Pensionistas de Compostela

Dámoslle a benvida con esperanza a todos os avances tecnolóxicos e científicos, mais se estes están no ámbito privado e non no público, nas mans dos poderosos, serán armas para escravizar. A única solución é a do reparto; o reforzamento do público fronte ao privado, do común fronte ao individual

Diariamente se queren instalar discursos contraditorios, tan falsos como interesados: Contrapoñer a mellora das pensións de hoxe coas pensións do futuro, formular a sustentabilidade do Sistema Público de Pensións recortando gasto en vez de incrementar os ingresos cun sistema impositivo xusto e redistributivo, vender o pleno emprego ao mesmo tempo que os avances tecnolóxicos, alongar a período laboral até os 70 anos mentres a mocidade está en paro, o crecemento infinito como solución mentres se venden plans para frear o cambio climático. Dámoslle a benvida con esperanza a todos os avances tecnolóxicos e científicos, mais se estes están no ámbito privado e non no público, nas mans dos poderosos, serán armas para escravizar. A única solución é a do reparto; o reforzamento do público fronte ao privado, do común fronte ao individual.

Acostumamos a pensar que todo se resolve cun grande golpe efectista, mais os cambios veñen pola permanencia de voces graves e constantes, como son as do Movemento de Pensionistas. Aí estamos e aí seguiremos. Temos constancia, resistencia, tempo, experiencia, paciencia e somos moitas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.