"Parece que cando abandonas o mercado laboral comezas a ser 'maior' e invisibilízase a achega que podes facer á sociedade"

Galicia ten cada vez máis poboación maior, con mellor sáude e máis activa CC-BY pixnio

As persoas maiores sofren discriminacións laborais e económicas, mais tamén exclusións de determinados servizos en función da utilización das novas tecnoloxías. Estas situacións de desigualdade parten dunha minusvaloración das súas capacidades e da negación do papel que ocupan na sociedade. A pesar de que a proporción de poboación de máis de 65 anos anos é cada vez máis importante (de forma especial en Galicia), semella que aínda non se levou a cabo unha reflexión profunda sobre o que estas persoas poden achegar á sociedade, sobre todo tendo en conta que na actualidade esta terceira idade cada vez se vive con mellor saúde e de xeito máis activo.

Rosa Arcos Caamaño e María Xosé Porteiro coordinan a xornada de debate sobre o idadismo e a discriminación por razón da idade

O Consello da Cultura e a Oficina da Valedora do Pobo queren afondar nestas cuestións a través dunha xornada de debate sobre o idadismo e a discriminación por razón da idade. O encontro desenvolverase o vindeiro martes 8 de febreiro no Auditorio Manuel María do Carballiño coa intervención de varias voces expertas. Rosa Arcos Caamaño e María Xosé Porteiro son as coordinadoras dunha cita que pretende concienciar na necesidade de entender o avellentamento como "un proceso digno e saudable" e, ademais, abrir un debate sobre as discriminacións existentes e sobre a necesidade de lexislar ao redor da vida das persoas maiores.

Rosa Arcos Caamaño © FADEMUR

"Parece que dende que abandonas o mercado laboral comezas a ser 'maior'. A partir de aí hai unha certa invisibilización da achega que podes facer á sociedade e tamén dos problemas que sofres por estar neses rangos de idade"

Na xornada trataranse cuestións como "en que momento se considera que unha persoa é maior", unha pregunta que -explican- "non é baladí, xa que afecta a moitas normas xurídicas e interpretación xudiciais, como as que determinan a tutela ou a xubilación forzosa". Neste senso Rosa Arcos comenta en conversa con Praza.gal que "é importante falar máis deste tema, comezando por discutir en que momento se lle considera 'maior' ou 'vella' a unha persoa". "Parece que dende que abandonas o mercado laboral entras nesa idade de ser 'maior'", destaca, engadindo que "a partir de aí hai unha certa invisibilización da achega que esas persoas poden facer á sociedade e tamén dos problemas que sofren por estar neses rangos de idade".

Rosa Arcos explica que "hoxe hai unha poboación maior moi numerosa e cunhas capacidades moi importantes que non existía en xeracións anteriores. Hoxe vivimos moitos máis anos, partimos dunha calidade de vida maior, estamos máis e mellor formados. Porén, non temos encaixe para estas persoas, non buscamos como facelas parte desta sociedade". E alerta de que "se non falamos de todos estes temas, invisibilizámonos e polo tanto non somos quen de abordalos. O que non se fala non existe". 

"Hoxe hai unha poboación maior moi numerosa e cunhas capacidades moi importantes que non existía en xeracións anteriores. Hoxe vivimos moitos máis anos, partimos dunha calidade de vida maior, estamos máis e mellor formados. Porén, non temos encaixe para estas persoas, non buscamos como facelas parte desta sociedade"

Tanto a discriminación económica das persoas maiores, presente nas baixa contía dalgunhas pensións, como as discriminacións polo uso das novas tecnoloxías (por exemplo á hora de realizar determinados trámites administrativos ou bancarios) forman parte desas discriminacións por idade, "unhas discriminacións que construímos en conxunto como sociedade", di Rosa Arcos.

Arcos, coordinadora das xornadas, pon como exemplo "esas ofertas de emprego que especifican que non se dirixen a persoas a partir dunha idade determinada, dando por sentado que as persoas por riba dunha idade non están capacitadas para desenvolver un determinado tipo de traballo". E, igualmente, "os estereotipos que se ven na publicidade, onde as persoas maiores case nunca aparecen como persoas activas ou participativas, senón máis ben persoas que xa non son protagonistas na sociedade".

Cartel das xornadas sobre idadismo © CCG

"Os estereotipos son a porta de entrada do estigma, do etiquetado e da conduta discriminatoria a respecto das persoas maiores", destácase dende a organización, sinalando que "os prexuízos socioculturais asociados a certas idades asúmense como normais, coa conseguinte invisibilidade de situacións derivadas, entre as que hai que destacar a xurídica, xa que a idade non se viu recoñecida como causa de discriminación até hai moi pouco". "A idade semella ser a causa de discriminación máis degradada por mor das súas excepcións, ou a irmá pobre de todas as causas de discriminación e a que recibe, xa que logo, unha menor protección", conclúese.

"A idade semella ser a causa de discriminación máis degradada por mor das súas excepcións, ou a irmá pobre de todas as causas de discriminación e a que recibe, xa que logo, unha menor protección"

Rosa Arcos explica neste senso que "todas as normas que se aplican a unha persoa a partir de que é considerada 'maior' teñen que ver coa protección dos seus dereitos en situacións de discapacidade. Porén, non temos unha lexislación que fale das persoas maiores que están perfectamente capacitadas, que poden vivir con independencia e poden participar socialmente. Non hai un enfoque máis aló das cuestións relativas á tutela ou ás situacións que viven as persoas que van perdendo as súas capacidades".

As xornadas queren falar dos estereotipos que hai ao redor das persoas maiores. Hai diferentes relatorios nos que interveñen varias voces expertas para falar dos dereitos das persoas maiores no aspecto legal e xurídico e que incidirán na necesidade de que a sociedade sexa máis proactiva á hora de protexer máis e darlle máis valor a eses dereitos.

"Todos, como sociedade temos que aprender a aceptar o envellecemento, aprender a envellecer sen discriminacións, sen estereotipos e sen penalizar as persoas que están nese rango de idade"

A sesión de traballo arrinca cunha conferencia marco a cargo da Valedora do Pobo, arredor da discriminación por idade. Tamén intervirán Andrés Vázquez García, estudante de Dereito da USC, que falará dos dereitos das persoas maiores; Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo da Uvigo, que tratará a "discriminación interseccional" poñendo o foco nas mulleres maiores; Federico Armenteros, presidente da Fundación 26 de Decembro, que abordará este asunto desde a perspectiva do colectivo LGTBI; e Xaime Fandiño, promotor do proxecto de Innovación Social Interxeracional Deteriorados, que afondará na cuestión de "aprender a avellentar".

As xornadas centraranse tamén en cuestións relativas á saúde. "Temos que aprender a avellentar e o enfoque ten moito que ver con iso que estamos denominando 'envellecemento activo'", di Rosa Arcos. "Temos que aprender a envellecer durante toda a nosa vida e esa aprendizaxe non pode ser puntual, apuntarnos a unha actividade cando somos maiores, senón que todos, como sociedade temos que aprender a aceptar o envellecemento, aprender a envellecer sen discriminacións, sen estereotipos e sen penalizar as persoas que están nese rango de idade", sinala.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.