Barrios sen sucursais e perda de servizos financeiros: o peche de oficinas impacta tamén nas cidades

Mobilización contra o peche da oficina do BBVA na Zona Vella de Santiago CC-BY-NC-SA BNG-Santiago

Ás protestas en moitas vilas do rural polo peche de oficinas únense tamén agora barrios de cidade, como a Zona Vella de Santiago

A última vaga de peches de sucursais por parte de Abanca, especialmente no rural, fixeron erguer as protestas de veciñanza e gobernos locais contra a exclusión financeira que sofren os habitantes de moitas localidades de Galicia e da que xa alertara o Banco de España. A entidade herdeira da fracasada fusión das caixas uníase á masiva redución de oficinas que outros bancos levaron e seguen levando a cabo desde hai anos. As dificultades da poboación máis envellecida para operar no mundo dixital, a dispersión xeográfica, a distancia e difícil acceso ao efectivo ou o golpe económico que o peche dun banco supón en concellos xa carentes de moitos servizos fixo agromar as mobilizacións en pequenas vilas e municipios que, no entanto, non están sós. 

Ás importantes protestas en Campo Lameiro, Portas, Cerdido, A Baña, Vimianzo ou Zas únense agora as que se dan en barrios dalgunhas cidades, afectadas tamén polo peche masivo de oficinas nos últimos anos. A última delas na Zona Vella de Santiago, onde BBVA e Banco Sabadell teñen previsto pechar neste mes de outubro senllas sucursais na Rúa do Vilar e na Rúa do Preguntoiro, entre críticas de veciñanza, comerciantes e hostaleiros. 

Mobilización contra o peche da oficina do BBVA na Zona Vella de Santiago © Hostalaría Compostela

A asociación Hostalaría Compostela foi unha das participantes na concentración que o pasado día 8 exixiu "que se manteña un servizo fundamental tanto para a cidadanía como para os negocios da zona". A entidade considera que os peches de sucursais supoñen "un golpe máis para unha xa moi castigada Zona Vella, que continúa perdendo poboación e na que resulta difícil manter os negocios sen un servizo bancario próximo para poder atender tanto as necesidades das empresas como da súa clientela". 

"É un golpe máis para unha xa moi castigada Zona Vella, que continúa perdendo poboación e na que é difícil manter os negocios sen un servizo bancario próximo"

Tamén a asociación de veciños Fonseca amosou o seu malestar coa decisión do BBVA e lembrou que non hai tanto pechou outra oficina no barrio e mantén a da Rúa da Senra saturada de clientela. Ademais, desde a asociación de comerciantes, empresarias e profesionais Compostela Monumental tamén rexeitan os peches, tal e como reiteraron nunha concentración na que se pediu unha lei de reforma do sistema financeiro que "evite, entre outras cousas, que os bancos, da noite para a mañá, pechen sucursais en zonas estratéxicas, deixando tirados veciños, comerciantes, empresarios e profesionais, con todo o que isto supón para o centro histórico". 

Novo Mesoiro, barrio coruñés de recente construción, quedou sen oficinas bancarias cando hai pouco contaba con tres

Mentres estes peches impactan na Zona Vella de Compostela, cuxo goberno local busca a marcha atrás das entidades, outros fano en barrios novos de cidades como A Coruña. Alí, en Novo Mesoiro, erguéronse nos últimos vinte anos máis de 3.300 vivendas onde viven sobre 7.500 persoas. Con continuas reivindicacións por falta de servizos nunha zona xa afastada da urbe, a asociación veciñal advirte agora da falta de sucursais bancarias. A última que quedaba, a do Santander, pechou hai meses logo de que antes o fixeran xa Caixabank e a antiga Caixanova. O temor é que a máis achegada agora, a do Sabadell-Gallego en Vello Mesoiro, acabe tamén clausurada de ser incluída no ERE anunciado pola entidade. 

Porque os continuos recortes de oficinas e persoal seguen activos na banca. O BBVA está inmerso nun novo peche de sucursais e o Sabadell nun ERE que prevé a clausura do 40% da súa rede en Galicia, un total de 38 sucursais menos nun proceso que se une ao que antes realizaron o Santander e Caixabank ou o que está a levar a cabo Abanca. 

A vaga de fusións no sector, a crecente dixitalización e os recortes marcan a estratexia dun sector que dá cada vez máis pulo aos seus servizos dixitais e á banca electrónica, manexada dende o ordenador ou o teléfono móbil. Mentres, os sindicatos denuncian que é esa escasa actividade presencial -mesmo restrinxida en horario- a que serve ás entidades para "xustificar" os ERE. 

Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais bancarias desde 2008 e xa supera o medio cento de concellos sen oficina

Sexa como for, desde 2008, Galicia perdeu máis da metade das súas sucursais bancarias, pasando das 2.534 ás 1.234 a finais de 2020, segundo os datos do Banco de España, que certificaban daquela que había xa 45 concellos sen oficina. E a situación non mellora. No estudo A Economía Galega. Informe 2020-2021, elaborado polo Idega da USC xunto ao Centro de Investigacións Abanca de Ieside, advírtese de que a finais de marzo de 2021 eran 1.190 as oficinas bancarias en Galicia, 44 menos que ao remate do pasado ano. A un ritmo de 15 peches ao mes. Os municipios sen sucursal, tras as últimas clausuras, pasa xa do medio cento. 

Tan só nos dous últimos anos pecharon 140 oficinas bancarias nas sete cidades galegas

Nas cidades, malia o maior impacto que sofre o rural, son moitos os barrios que van quedando xa sen sucursais. En global, só nos dous últimos anos -desde xuño de 2019 e ata o mesmo mes de 2021, os últimos datos feitos públicos polo Banco de España- nas sete urbes galegas pecharon 140 oficinas, pasando das 583 ás 443 da actualidade. Un descenso do 24% en só 24 meses que continúa. 

Así, Vigo e A Coruña contan, segundo estes últimos datos, cos mesmos números de sucursais, 126, cando hai dous anos tiñan 165 e 161 respectivamente. O Santander, neste período, pechou máis dunha ducia en cada cidade, mentres que Abanca, por exemplo, clausurou dez na cidade olívica e seis na urbe coruñesa. 

En Santiago, e sen ter en conta os últimos peches previstos, quedan menos de medio cento de sucursais fronte ás 66 de hai dous anos, unha cifra semellante á que tiña Ourense, que tamén queda roldando as 50. En Lugo, pola súa banda, non se chega a 40 e en Pontevedra supérase por puco a trintena, mentres que en Ferrol xa só quedan 21 sucursais, nove menos que no verán de 2019. 

Antiga oficina de Novagalicia Banco -despois Abanca- nas proximidades do complexo administrativo de San Caetano, sede central da Xunta, tamén pechada recentemente CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.