O Banco de España alerta da exclusión financeira en Galicia, con 300.000 persoas con difícil acceso a efectivo

Mobilización contra o peche dunha oficina bancaria en Ourense CC-BY-NC-SA CIG

O Banco de España sitúa Galicia como unha das autonomías máis afectada pola exclusión financeira e a tres das súas provincias (Ourense, Lugo e A Coruña) como as que xuntan máis poboación con dificultades para acceder a cartos en efectivo e, xa que logo, a oficinas bancarias e caixeiros. 

O Banco de España sinala Lugo e Ourense como dúas das provincias con máis poboación con atrancos para acceder a caixeiros ou sucursais

En plena vaga de peches de sucursais e protestas en numerosos municipios, un informe do banco central estatal trata de determinar o grao de vulnerabilidade en España no acceso ao efectivo, cuxa dispoñibilidade axustada á demanda, di, "é un principio básico de garantía de inclusión financeira". 

Para identificar aquelas zonas máis vulnerables aos atrancos para o acceso ao efectivo, o informe constrúe un índice que ten en conta catro factores: o número de caixeiros e oficinas bancarias por cada 1.000 habitantes para cada municipio, a distancia a eles, a renda media dispoñible por persoa e a proporción de persoas maiores de 60 anos en cada localidade. 

Mobilización en Portas contra os peches de sucursais de Abanca © Concello de Portas

"As persoas de maior idade, menor renda e menor nivel educativo usan o efectivo como medio de pago con maior frecuencia que o resto da poboación", di Diana Posada Restrepo, autora do estudo publicado en agosto, onde se aclara que a distancia ao punto de acceso máis próximo é o factor máis relevante para determinar o grao de vulnerabilidade, seguido da proporción de poboación de máis de 60. 

O estudo determina a vulnerabilidade no acceso a efectivo segundo o número de caixeiros e oficinas, a distancia, a renda media e a proporción de xente maior

É a través destas diferentes variables como o informe constrúe o Índice de Vulnerabilidade no Acceso ao Efectivo (IVAE) para determinar os diferentes graos, agrupando os concellos do Estado en catro categorías de vulnerabilidade: moi baixa, baixa, media e alta, considerando a poboación dos municipios situados nestas dúas últimas nunha "situación que pode considerarse vulnerable" e, xa que logo, "cun maior risco de quedar financeiramente excluídos" no que ten que ver co acceso a caixeiros e sucursais bancarias. 

Así, e aínda que só un 3% dos cidadáns do Estado se atopan nunha situación de vulnerabilidade media ou alta, supoñen un total de arredor de 1,3 milóns, dos que aproximadamente 300.000 (o 23%) viven en Galicia

1,3 millóns de persoas atópanse nunha situación vulnerable no acceso a oficinas bancarias ou caixeiros, o 23% delas (sobre 300.000) en Galicia

O caso máis grave é o de 340.000 persoas que no conxunto do Estado viven en municipios con vulnerabilidade alta, aqueles que non teñen puntos tradicionais de acceso a efectivo, onde a distancia media ao máis próximo é de 9,4 km, onde a poboación maior de 60 anos supera o 40% do total e a renda dispoñible está por baixo da media estatal. Son concellos pequenos, unha media de 400 habitantes e que se concentran, sobre todo, nas provincias de León, Salamanca e Zamora. 

No entanto, de ter en conta os municipios con vulnerabilidade media, as provincias de Ourense e Lugo sitúanse nas partes máis altas do ránking e supoñen, sumada á da Coruña, o 24% da poboación dos municipios de todo o Estado considerados de vulnerabilidade media. Estes concellos son aqueles nos que, de media, teñen 0,6 puntos de acceso a efectivo por cada 1.000 habitantes, a distancia media entre eles é de 3 km, a porcentaxe de poboación de máis de 60% supera o 35% e a renda dispoñible está por baixo da media estatal. 

Máis do 30% da poboación de Ourense e  do 25% de Lugo ten dificultade para acceder a bancos ou caixeiros, porcentaxe só superada por Zamora

En total, tal e como destaca a Fegamp no seu informe sobre exclusión financeira en Galicia facendo referencia ao estudo do Banco de España, son "aproximadamente uns 240.000 galegos e galegas os que viven en concellos cunha vulnerabilidade media no acceso a efectivo". A cifra, de ter en conta tamén os concellos con alta vulnerabilidade, indica que arredor de 300.000 persoas en Galicia teñen dificultades para acceder a oficinas bancarias e caixeiros, máis do 11% da poboación total. 

Así, o estudo do Banco de España sinala que a porcentaxe de poboación cun grao de vulnerabilidade media na provincia de Ourense sitúase no 27,2% (32,1% de sumarlle a de vulnerabilidade alta), seguida de Lugo con 26,4% (27%), unhas cifras que só supera Zamora (17,1% pero 35,8% en total) e ás que se achegan pero xa lonxe Ávila (10,2 e 23,8), Salamanca (8,9 e 19,5) ou Cáceres (11,5 e 19,2). 

A Coruña, pola súa banda, suma un 7,5% de poboación nun grao de vulnerabilidade de acceso ao efectivo alto ou baixo, fronte ao 3,1% de Pontevedra. 

"As características sociodemográficas da poboación (idade, renda, nivel de estudos) agravan o problema en Galicia", aclara a Fegamp, en referencia a un informe do Banco de España que non só ten en conta o número de oficinas e caixeiros en cada localidade, senón as peculiaridades de cada poboación e a facilidade para acceder a unha alternativa.

Candeas nunha sucursal bancaria pechada en Campo Lameiro © Concello de Campo Lameiro

"O uso de diñeiro efectivo segue a ser importante para moitos cidadáns, en particular para aqueles que teñen dificultades no acceso a determinados servizos financeiros convencionais ou escasos coñecementos dixitais", aclara o Banco de España, que considera "fundamental asegurar que os cidadáns que desexen usar este medio de pago teñan acceso a el". 

O Banco de España considera "fundamental" que "se asegure que a cidadanía que desexe usar o efectivo como medio de pago teña acceso a el"

Algo que, en Galicia, non está asegurado en moitos municipios, unha situación que se viu agravada tras a fracasada fusión das caixas e a perda de oficinas que, unida aos peches doutros bancos, provocou que desde 2008 se perdesen máis da metade das sucursais. O propio Banco de España avalara a fusión de Caixa Galicia e Caixanova para logo despachar a súa autopsia en dúas páxinas nas que non sinala culpables

Agora, neste informe, o banco central estatal alerta de que é "previsible" que a redución de oficinas e caixeiros automáticos "continúe nos vindeiros anos ante o incremento da dixitalización e a busca dunha maior eficiencia por parte das entidades de crédito". Por iso, di, o "impulso de solucións alternativas ás canles tradicionais pode ser un importante complemento que permita garantir o acceso ao efectivo ao conxunto da poboación" aínda que, aclara, polas súas "limitacións actuais non poidan substituír completamente o abano de servizos que prestan as devanditas canles". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.