Abanca recúa nalgúns concellos e xa ofrece alternativas aos peches de sucursais que ergueron unha vaga de protestas por parte de gobernos locais e veciñanza en varias comarcas galegas.
En Portas e Campo Lameiro, dous dos concellos máis belixerantes contra Abanca, a entidade abrirá algún día á semana a oficina ou levará unha unidade móbil
Os Concellos de Portas e Campo Lameiro, dous dos máis críticos con Abanca e impulsores dalgunhas mobilizacións máis multitudinarias, anunciaron nestes últimos días a decisión da entidade financeira de paliar, en parte, o peche das súas sucursais.
En Portas, segundo anunciou o propio alcalde, Ricardo Martínez, tras unha xuntanza con responsables territoriais de Abanca, a entidade manterá aberta a oficina que tiña previsto clausurar dous días á semana: os martes e xoves de 8:15 a 14:15 horas. En Campo Lameiro, tras conversa co rexedor, Carlos Costa, directivos do banco prometeron a presenza a partir de outubro dunha unidade bancaria móbil todos os martes, mércores e xoves, en distintos horarios, ademais dos días 4 e 20 de cada mes, coincidindo coa feira na localidade, desde novembro.
O Concello gábase de que Abanca "se comprometa tamén a manter operativo un caixeiro automático de última xeración con todas as súas funcións actividas e un sistema operativo intuitivo de fácil manexo para persoas maiores e menos familiarizadas coa tecnoloxía".
A entidade que preside Juan Carlos Escotet aposta tamén por esta tecnoloxía para as máquinas que colocará naqueles municipios do rural que queden sen oficina bancaria a través dunha subvención da Xunta de case 3 millóns de euros durante os vindeiros catro anos. Unha adxudicación criticada con dureza pola oposición e algún dos concellos afectados polos peches de sucursais.
A marcha atrás, parcial, de Abanca afecta polo momento a dous concellos onde goberna con maioría absoluta o PP, formación da que moitos rexedores e cargos locais se puxeron á fronte das mobilizacións contra o peche de oficinas. Deputados no Parlamento de Galicia, como Lupe Murillo, ou no Congreso, como Diego Gago, chegaron a acudir a algunha das manifestacións, que no caso de Campo Lameiro incluíron un velorio e un enterro simbólico ou en Portas unha marcha que xuntou centos de persoas.
Abanca recúa, parcialmente, en dous concellos onde goberna o PP, formación da que moitos cargos locais lideraron e impulsaron protestas contra o banco
Tamén en Campo Lameiro manifestouse a intención de declarar persoa non grata a Juan Carlos Escotet, mentres que desde o Concello de Portas -onde a corporación decidiu declarar loito oficial o día no que se confirmase o peche- acusárono nunha carta de "desleal" coa poboación rural de Galicia.
Non foron as únicas medidas que levaron e levan a cabo algunhas administracións locais. Logo da retirada dos fondos propios do Concello por parte dos gobernos de Vimianzo en Abanca, e de Cee e Camariñas no Banco Sabadell --en todos os casos en protesta polo anuncio do peche de oficinas nos seus municipios--, a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, foi máis aló ao anunciar que establecerá unha taxa polos caixeiros automáticos.
O Concello de Vimianzo decidiu retirar os fondos municipais de Abanca e o de Cee establecer unha taxa aos bancos que teñan caixeiros sen atención presencial
O Concello, a través dunha ordenanza municipal, obrigará as entidades financeiras que só dispoñan de caixeiro sen atención presencial ao pagamento dunha taxa no caso de que a máquina estea na liña da fachada dos inmobles e de que a cidadanía precise ocupar a vía pública para usala.
Ademais, na Baña -outros dos municipios que quedou sen oficina tras o peche da que tiña Abanca- o Concello contactou con catro entidades financeiras para lles solicitar que abran unha oficina no municipio, asumindo o compromiso de pasar todas as contas de titularidade municipal ao banco que acepte instalarse na localidade.
Precisamente, os gobernos locais da Baña, Vimianzo e Zas levan tempo mobilizándose conxuntamente ante o peche de sucursais bancarias que Abanca levou a cabo nos seus concellos. Malia a solución parcial que a entidade financeira deu xa a Campo Lameiro ou Portas, non hai noticias do banco en ningún destes tres municipios. "Nos dous nos que si houbo algunha resposta goberna o PP. Será casualidade", ironiza un dos alcaldes. "Seguimos sen ser novidade ningunha", engade outro.
Todos, no entanto, advirten de que as mobilizacións "non van parar" e agardan xa o resultado dun estudo sobre a exclusión financeira nos concellos galegos encargado á Fegamp para implicar máis municipios "en protestas conxuntas e a nivel galego".
Precisamente, este xoves, CIG-Banca concentrouse ante as instalacións da Xunta en San Caetano, fronte á consellaría de Facenda, para manifestar a súa oposición ás subvencións que o Goberno galego aprobou dar a Abanca "para a instalación e mantemento de caixeiros automáticos e a contratación de axentes, en lugares onde Abanca pecha oficinas e destrúe emprego". O sindicato lembra que a entidade "tivo, desde a súa privatización, en 2014, máis de 3.500 millóns de beneficios".