Abanca di que instalar caixeiros no rural coa subvención da Xunta non lle é rendible: "É compromiso social"

Oficina bancaria de Abanca clausurada, en Zas © Concello de Zas

Abanca asegura que a intalación de caixeiros en concellos onde non hai sucursais bancarias con subvención da Xunta non lle é rendible. Así o asegurou o director da Rede Comercial do banco, Gabriel González Eiroa, que di que este servizo "é deficitario" e que supón "un esforzo económico" para o Executivo galego pero "tamén" para a entidade financeira. 

Abanca asegura que, aínda coa subvención, a colocación de caixeiros no rural "é deficitaria" e "un esforzo económico" para a Xunta e para o banco

"É unha iniciativa que apoiamos e aplaudimos", dixo González Eiroa, durante un debate n'A Coruña opina en Radio Coruña-Cadena SER. "Falamos de compromiso social, de dar servizo á poboación, pero non o faríamos baixo ningún criterio económico; non ten rendibilidade económica, nin responde a criterios económicos, senón sociais", engadiu ao ser preguntado polas críticas de oposición e algún Concello á subvención da Xunta gañada por Abanca, xusto cando leva a cabo unha nova vaga de recortes de oficinas entre críticas de veciñanza e gobernos locais

González Eiroa, en primeiro plano, director da Rede Comercial de Abanca © Abanca

Abanca foi a gañadora da subvención da Xunta para instalar caixeiros en concellos onde xa non hai sucursais bancarias, incluíndo municipios onde o banco herdeiro das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova pechase ou vaia pechar oficinas. As axudas, convocadas formalmente en xuño, están dotadas con ata 2,8 millóns de euros, 16.000 euros por máquina instalada. 

"É un servizo deficitario que vai cubrir a Xunta cun esforzo económico, pero que tamén supón un esforzo de Abanca", insistiu González Eiroa sobre o que considera unha "colaboración público-privada, polas dúas bandas". 

"Non abandonamos ningún municipio galego; se pechamos a oficina, queda un caixeiro", di González Eiroa, director da Rede Comercial de Abanca

Respecto aos peches de oficinas e as mobilizacións en numerosos concellos afectados, o directivo de Abanca asegura que a decisión é "unha razón de servizo, aínda que poida parecer o contrario". "Non abandonamos ningún municipio galego; se pechamos a oficina, queda un caixeiro", dixo, ademais de advertir de que as sucursais que o banco deixa nas capitais de comarca "son máis grandes e máis especializadas" e con "máis asesoramento". 

"No rural hai cun compoñente emocional cara a Abanca que nos axuda en moitas cousas, pero cando reduces o servizo, pasas a un caixeiro e non tes unha persoa alí, iso afecta a cantina, o ultramarinos ou a farmacia... Somos conscientes, pero para iso deixamos caixeiros, banca móbil e un programa de formación para os clientes centrado nas novas tecnoloxías", explicou. 

Mobilización contra o peche da oficina de Abanca en Celeiro (Viveiro) CC-BY-NC-SA CIG

González Eiroa xustifciou o peche de oficinas nun proceso "que non afecta só a Galicia ou a España" e que supón unha "dixitalización acelerada". "Hai un cambio social e hoxe a xente de máis de 65 anos é un autónomo dixital que se move perfectamente no pagamento con tarxeta, nos caixeiros, ademais de na banca móbil, que usan a maior parte deles", argumentou, nun debate no que Abanca recibiu críticas e na que organizacións de consumidores e alcaldes como o de Fene, Juventino Trigo, advertiron de que esa "dixitalización" era "forzada" pola falta de atención nas oficinas ou o seu peche.

"Adaptamos os caixeiros, cun menú moi sinxelo, precisamente para a xente maior; agora é todo menos complexo", engadiu González Eiroa sobre a "accesibilidade" destas máquinas. 

"Abanca forma máis parte da solución que do problema", di o directivo da entidade

O directivo de Abanca dixo "entender" a preocupación de moitos concellos pero asegura que a entidade "forma máis parte da solución que do problema". Ademais, presumiu de que a entidade é a única presente en 115 concellos galegos e que o 35% da súa rede atópase en localides de menos de 5.000 habitantes. "Galicia ten bos datos en comparación co conxunto do Estado", dixo respecto da accesibilidade ás oficinas físicas. 

"Temos 900 caixeiros e 450 oficinas: 1.350 puntos para sacar efectivo en Galicia", dixo, tras asegurar que "Abanca segue a ser moi importante para o rural". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.