Cargos locais do PP póñense á fronte das mobilizacións contra o peche de sucursais de Abanca

Mobilización en Portas contra os peches de sucursais de Abanca © Concello de Portas

Cargos locais do PP impulsan e lideran as mobilizacións contra a vaga de peches que está a levar a cabo Abanca en numerosas localidades do rural galego. Alcaldes e concelleiros populares --tamén deputados no Congreso e no Parlamento autonómico-- póñense á fronte dunhas protestas que abranguen todo o arco político pero que se erguen con forza en feudos tradicionais do partido que lidera Núñez Feijóo en Galicia. 

Os alcaldes populares de Portas, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro lideraron este venres outra marcha "contra a exclusión financeira e o abandono do rural"

Ocorreu este venres en Portas, onde centos de persoas percorreron as rúas da localidade, desde o Consistorio ata a sede da única oficina bancaria do municipio, para protestar contra o seu peche, previsto para o vindeiro 22 de setembro. Convocadas unanimamente por todos os grupos da corporación, a marcha foi encabezada polo rexedor portense, Ricardo Martínez, xunto aos alcaldes doutras localidades afectadas por peches de sucursais: o de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o de Campo Lameiro, Carlos Costa. Todos eles do PP, partido que nestes concellos rolda ou supera o 50% dos votos e goberna con maioría absoluta. 

'Cortexo fúnebre' en Campo Lameiro polo peche da sucursal de Abanca © Concello de Campo Lameiro

Tamén na cabeceira da marcha, concelleiros destes concellos doutras formacións, así como dos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña, ademais da deputada autonómica popular Lupe Murillo. Fronte a unha pancarta "contra a exclusión financeira" e o "abandono do rural". 

Todos os grupos da Deputación de Pontevedra aproban unha declaración contra a "desertización bancaria"

Todo na mesma xornada na que a Deputación provincial aprobaba unha declaración institucional, consensuada por todos os grupos (PSdeG, PP e BNG) na que se posiciona contra a "desertización bancaria" e "na defensa do interese xeral da provincia" e en especial dos concellos rurais ao entender que as oficinas bancarias "prestan un servizo presencial básico imprescindible" en lugares onde "abonda poboación de avanzada idade sen as competencias dixitais necesarias para operar desde os portais de banca electrónica". 

Porque as diferentes mobilizacións en Galicia contra os peches acaban virando sempre na reivindicación e defensa do rural e na denuncia da continua perda de servizos, agora financeiros. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera "inadmisible" que un municipio "quede da noite para a mañá sen caixeiro nin oficina", pero apelou ao Goberno central para buscar unha solución. O que si evitou foi pronunciarse sobre a intención do alcalde popular de Campo Lameiro --onde se organizou un velorio multitudinario-- de que o Concello declare persoa non grata o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, a quen a corporación municipal de Portas enviou unha carta acusándoo de "desleal" coa poboación rural de Galicia. 

A vaga de mobilizacións recrúa cando a Xunta vén de confirmar que Abanca foi a entidade gañadora da subvención do Executivo galego para a instalación de caixeiros en concellos onde xa non hai ou haxa sucursais bancarias. Dous días despois de coñecerse, tal e como adiantou Praza.gal, que o banco xa comunicara ao seu persoal que ía ser a elixida pola Administración autonómica, e só unhas horas despois de que Feijóo remitise á entidade financeira para explicar por que dá por feito que recibiría a axuda pública.

Desde Portas, no manifesto final da marcha, lido polo rexedor, advertiuse de que o "atropelo" sufrido neste municipio "por desgraza non será o último". Ademais, alertouse do "rexeitamento total" do municipio á "decisión unilateral e inxusta" de Abanca que provoca "un grave dano no tecido económico e social no mundo rural afondando na perda de servizos e no despoboamento da Galicia e da España rural”.

Sucursal de Abanca clausurada, nunha localidade do rural galego © Concello de Zas

“Os novos directivos de Abanca queren esquecer o tradicional compromiso social que historicamente supuxeron as caixas de aforros na construción de Galicia"

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, lembrou que as mobilizacións son a defensa e solidariedade "cos maiores", epro tamén "coas persoas que terán que desprazarse a outros concellos a oficinas que están xa de por si saturadas de xente e onde hai que agardar longas colas para sacar diñeiro”, ademais de cos l"emprendedores e pequenos comercios que verán moi mermada a súa operativa diaria coa perda da única oficina bancaria do municipio". 

Ademais, o manifesto tamén fixo alusión á "achega social" das antigas caixas. “Os novos directivos de Abanca parecen querer esquecer o tradicional compromiso social que historicamente supuxeron as caixas de aforros na construción de Galicia. Agora, transformadas en bancos, as súas lexítimas aspiracións de facer negocio non poden supoñer a perda de servizos básicos e fundamentais para a poboación como a atención bancaria”, di. “Non estamos dispostos a ser cómplices co noso silencio do desmantelamento do rural. Portas non vai calar e imos loitar ata o final", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.