Dous terzos dos concellos consultados en Galicia afirman ter sufrido peches de oficinas bancarias na súa localidade neste ano. Esa é unha das principais conclusións do estudo que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) encargou ante o "problema da falla de servizos bancarios e a súa repercusión nos concellos galegos, especialmente grave no eido rural".
A Fegamp elaborou un informe sobre a "magnitude" do problema da exclusión financeira en Galicia cunha enquisa aos concellos sobre a supresión de sucursais
A través dunha enquisa ás administracións locais, a Fegamp respondeu á petición para coñecer a "magnitude" do problema en Galicia dos rexedores de Zas, A Baña ou Vimianzo, tres dos municipios afectados pola última vaga de peches de sucursais de Abanca e dos máis activos nas mobilizacións contra a exclusión financeira á que se viron abocados moitos municipios galegos.
A metade dos concellos consultados (157 dos 313) responderon ao inquérito da Fegamp, que deu como resultado que foran xa 99 as sucursais pechadas ou en previsión de pechar en 2021 en Galicia, unha afectación en case dous terzos dos municipios que participaron.
Dous terzos dos concellos consultados, a maioría en zonas rurais, aseguran ter sufrido o peche dalgunha oficina bancaria neste ano
Con só a resposta do 50% das administracións locais, son practicamente un cento os peches confirmados pero moitos máis os efectivos, uns datos que coinciden cos que facilitou hai pouco o Banco de España, que cifraba en 104 o número de sucursais cerradas no primeiro semestre do ano en Galicia.
A maioría dos feches certificados co inquérito -o 75%- produciuse no rural e en localidades de menos de 10.000 habitantes, mentres que case a metade tiveron lugar en municipios de menos de 5.000. De feito, ningún dos consistorios de máis de 50.000 habitantes (as sete urbes) respondeu á consulta da Federación. "As características sociodemográficas da poboación agravan o problema (idade, renda, estudos)", explica a Fegamp neste informe sobre a exclusión financeira en Galicia, ao que tivo acceso Praza.gal.
A Fegamp optou por debullar a situación a través deste estudo ao "constatar un aumento de inquedanza entre os alcaldes e alcaldesas pola dificultade da súa veciñanza para acceder a un servizo esencial, a desprotección que iso leva para as persoas sen habilidades tecnolóxicas ou capacidade de transporte e as consecuencias para o propio futuro das localidades".
A Fegamp cre "preocupante" que o 51% dos concellos teñan unha ou ningunha sucursal coas "características sociodemográficas e de dispersión" de Galicia
O obxectivo foi realizar un mapa actual da exclusión financeira, así como "unha retrospectiva" do acontecido no último ano en canto ao peche de oficinas ante a súa "intensificación", ademais, "de forma súbita e sen ningún tipo de consenso cos consistorios". A Fegamp busca "radiografar" a situación e "instar as demais administracións a atopar unha solución acorde á realidade social", tal e como aclarou ao anunciar o inicio do estudo hai algo máis dun mes.
No informe, a Fegamp destaca que "o 51 % dos concellos galegos ou ben carecen de oficina bancaria ou ben contan só cunha oficina" -un dato xa superior tras os últimos peches-, algo que considera "preocupante sobre todo de termos en conta as características sociodemográficas e de dispersión da poboación". Desde 2008, o país quedou sen a metade de sucursais e xa son máis de 50 os municipios sen este servizo financeiro.
"Son precisamente os concellos rurais de menos de 5.000 habitantes os que padecen con maior intensidade o fenómeno de abandono das entidades bancarias no seu territorio", insiste a entidade, que amosa a súa preocupación por unha vaga de peches que non se detén e que nas últimas semanas sinalaron especialmente a Abanca.
Ao pechar o seu primeiro exercicio, o banco herdeiro da frustrada fusión tiña 548 oficinas en Galicia, derivadas da estrutura das antigas caixas. Seis anos e medio despois, en xuño de 2021, reducíranse a 456. 92 sucursais menos e máis dunha vintena pechadas no primeiro semestre deste ano. No segundo, a previsión é tamén de máis dunha ducia a clausurar. No que vai de 2021, Campo Lameiro, Portas, Vimianzo, Zas, A Baña, Fene, Cerdido, Cerdedo-Cotobade, Padrenda ou Quintela de Leirado foron algúns dos municipios afectados.
As numerosas protestas, lideradas por veciñanza pero tamén por gobernos locais e mesmo relevantes cargos do PP, fixeron recuar a Abanca nalgún concello. De momento, só en dous gobernados con maioría absoluta polos populares, Campo Lameiro e Portas, onde ofreceu oficina móbil ou atención varios días á semana como alternativa ao peche das sucursais.
Subvención a Abanca para colocar caixeiros
Antes, e como medida para paliar a situación, a Xunta acordou establecer unha subvención para a colocación de caixeiros --ademais de formación financeira se fose requirida-- naqueles concellos que quedaran sen sucursal. Abanca resultou a gañadora do proceso, logo de que o banco xa anunciara en agosto ao seu persoal que sería a beneficiaria da axuda, como adiantou Praza.gal. Está dotada con ata 2,8 millóns de euros, 16.000 euros por máquina instalada, para os vindeiros catro anos. e foi duramente criticada pola oposición e os gobernos locais dos municipios afectados polos peches. Algúns deles decidiron retirar os cartos da entidade que preside Juan Carlos Escotet ou mesmo impoñer unha nova taxa aos caixeiros sen oficina vinculada, como en Cee.
Precisamente, foi a Fegamp quen asinou coa Xunta o Protocolo de universalización de servizos financeiros ao que deben adherirse os concellos interesados na instalación de caixeiros. A Federación actualiza no informe o número de municipios que se uniron á iniciativa, un total de 38 na actualidade, a metade deles optando tamén pola asistencia financeira e a maioría -agás Cabanas, Dodro, Lousame e Paderne- de menos de 2.000 habitantes.