A Galicia do final da década: máis persoas maiores vivindo soas, máis mocidade que non pode marchar da casa familiar

Rúa do Príncipe, en Vigo CC-BY-SA Kirsi L-M

Antes da crise, o 59% dos mozos e mozas entre 18 e 35 anos vivía cos seus pais e nais. Agora faino o 65%

O IGE publicou este venres os datos correspondentes a 2018 da súa Enquisa Estrutural a Fogares, que ofrece información sobre a composición das familias galegas e as súas condicións materiais de vida. A enquisa é unha foto fixa da sociedade galega e reflicte a evolución que nos últimos vén experimentando, con fenómenos moi marcados, como o progresivo envellecemento da poboación e o empobrecemento das xeracións máis novas, con peores condicións de vida que a xeración anterior.

Na enquisa pode verse, por exemplo, como cada vez son máis os mozos e mozas entre 18 e 35 anos que aínda viven na casa familiar, cos seus pais e nais, ao non contar con ingresos económicos suficientes para emanciparse. Se antes da crise económica a porcentaxe roldaba o 59%, na actualidade achégase xa ao 65%, cunha tendencia ascendente que aínda non se detivo.

O 51% dos mozos e mozas con traballo segue a vivir na casa familiar

O 88% dos mozos e mozas entre 18 e 35 que non teñen traballo viven cos seus pais e nais. Pero tamén o fai máis da metade (51,25%) dos mozos e mozas que si traballan, a tempo completo ou parcial.

A estatística amosa que mesmo se da un número importante de casos nos que unha parella de mozos ou mozas viven xuntos ou xuntas pero na casa dos pais dun deles. Na actualidade esta é a situación do 8% das parellas entre 25 e 35 anos.

 

Familias monoparentais

En Galicia hai máis de 100.000 fogares monoparentais, que rexistran taxas de pobreza moi elevadas

Entre as distintas tipoloxías de familia, aquelas que se atopan nunha situación económica máis desfavorable son as familias monoparentais, tamén chamadas monomarentais, ao depender de forma maioritaria dunha nai soa, que ten que sacar adiante aos seus fillos e fillas. Máis de cen mil fogares en Galicia (105.635) teñen esta característica, un 10% do total.

A taxa de pobreza das familias monoparentais supera o 25% (25,41%), dez puntos por riba da media galega (15,51%). E a taxa de risco de pobreza ou exclusión social sitúase no 34,53%, case o dobre que a media global (18,95%).

130 mil maiores viven sós ou soas

A outra gran realidade social que a enquisa reflicte con claridade é a do crecente envellecemento da poboación, co fenómeno engadido do crecente número de persoas maiores de 65 anos que viven soas. No 2018 a cifra achegábase xa ás 130 mil (129.241), contabilizando todas aquelas vivendas habitadas só por unha persoa e, ademais, maior de 65 anos. 

A taxa de pobreza das mulleres maiores de 65 ano que viven soas supera o 20%

En total, son xa 383.601 os e as maiores de 65 anos as que viven en fogares ocupados unicamente por persoas por riba desa idade. Iso supón un de cada catro fogares galegos (o 24%). A porcentaxe é moi superior nas localidades de menos de 10.000 habitantes, onde a porcentaxe supera o 30%.

A taxa de risco de pobreza destes fogares formados só por persoas maiores sitúase no 14,12%, algo por debaixo da media galega (15,51%). Porén, a situación é máis preocupante no caso das persoas maiores que viven soas. A  taxa de risco de pobreza nestes fogares elévase ao 15,88% no caso dos homes anciáns que viven sós e ao 20,42% nas mulleres anciás que viven soas, e que dispoñen, de media, de pensións de xubilación moi inferiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.