Galicia é a segunda comunidade con menos emancipados entre os 30 e os 35 anos

A "renda máxima tolerable" sitúase nos 492 euros mensuais para unha parella, e os 297 para unha persoa que viva soa CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares

Coma na casa, en ningún sitio. Cando menos que este mantra sirva de consolo para os milleiros de mozos e mozas galegas, cada vez máis, que non poden emanciparse, e que se ven obrigados a seguir vivindo na casa familiar até os 30 anos, os 35, e mesmo máis aló. O Consejo de la Juventud de España presenta o seu Observatorio de Emancipación, que ofrece unha serie de datos moi reveladores neste senso.

Son as mulleres as primeiras en marchar da casa, acandando elas unha porcentaxe de emancipadas do 25,7% fronte ao 17,7% dos homes

No ano 2009 case cen mil galegos de menos de 30 anos vivían fóra da casa de pais e nais; hoxe esa cifra é de menos de 79 mil, vinte mil menos, o que deixa a taxa de emancipación no 21,6%, fronte ao 39,7% anterior á crise. Entre os que contan entre 30 e 35 anos, a taxa de emancipación está no 66,1%. Galicia está por debaixo da media española, tanto nos menores de 30 anos (22,2%) coma sobre todo na franxa de idade seguinte (72,9%). Son as mulleres as primeiras en marchar, acandando elas unha porcentaxe de emancipadas do 25,7% fronte ao 17,7% dos homes.

Galicia é a segunda comunidade con menos mozos emancipados entre os 30 e os 35 anos (66,1%)

Galicia é a novena comunidade autónoma no que respecta á proporción de menores de 30 anos emancipados, situándose máis ou menos na media (está apenas a seis décimas). Porén, Galicia é a segunda comunidade con menos mozos emancipados entre os 30 e os 35 anos (66,1%), superando só a Canarias (61%), e moi lonxe do 82,6% de Balears, do 76,7 de Catalunya, do 71,9% de Euskadi ou do 73,4% de Madrid.

Tan só o 55,7% dos galegos menores de 30 anos están activos, por debaixo da media española (59,3%). O estudo tamén fai fincapé no problema da sobrecualificación, que afecta ao 53,1% do total, e sobre todo ás mulleres máis novas. Igualmente destácase que o 51% das persoas novas que si traballan, o fan cun contrato temporal, na meirande parte dos casos inferior ao ano de duración. O 94% dos contratos de persoas de menos de 30 anos rexistrados no segundo trimestre do 2013 foron temporais.

A renda máxima tolerable (sexa en aluguer ou no pago dunha hipoteca), é dicir, que non supere o 30% do salario medio, sitúase nos 492 euros mensuais para unha parella, e os 297 para unha persoa que viva soa

O salario medio dos menores de 30 anos en Galicia é o terceiro máis baixo de toda España e queda nos 11.892 euros, fronte aos 13.660 de media no conxunto do Estado. Entre os 30 e os 35 anos o salario medio en Galicia chega aos 14.753 euros, lonxe tamén dos 16.814 da media española. A renda media dunha vivenda en Galicia sitúase nos 435 euros mensuais, polo que os menores de 30 anos deben destinar o 26,6% do seu salario a pagalo, no caso de vivir en parella, ou o 43,9% no caso de vivir sós. En España a renda media sitúase nos 525 euros, polo que un mozo o ou moza debe destinar o 34,2% do seu soldo a pagalo (se vive en parella) ou o 46,1% (se vive só).

A renda máxima tolerable (sexa en aluguer ou no pago dunha hipoteca), é dicir, que non supere o 30% do salario medio, sitúase nos 492 euros mensuais para unha parella, e os 297 para unha persoa que viva soa.

A "renda máxima tolerable" sitúase nos 492 euros mensuais para unha parella, e os 297 para unha persoa que viva soa CC-BY-NC-ND Inmobiliaria Lares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.