Catro mortes na última semana alertan sobre o incremento de anciáns que viven sós, 129 mil en Galicia

Case 129 mil persoas maiores de 65 anos viven soas en Galicia © Xunta

Nos últimos días foron descubertas en Compostela, Viveiro, Ferrol e Ourense as mortes de catro persoas maiores que vivían soas. Este tipo de casos reprodúcense ao longo do ano, pero a coincidencia no tempo destes tres falecementos pon o foco sobre o gran número de anciáns e anciás que viven soas no noso país. En concreto, segundo a Enquisa Continua de Fogares poblicada polo INE hai uns meses, correspondente ao ano 2018, son xa case 129 mil persoas de máis de 65 anos as que se atopan nesta situación. E, ademais, os datos amosan que a cifra crece con rapidez, cun incremento do 16% en cinco anos, dende as 111 mil do ano 2013.

Nos últimos días foron descubertas en Compostela, Viveiro, Ferrol e Ourense as mortes de catro persoas maiores que vivían soas

En Ferrol tratouse dunha anciá de 107 anos, a persoa de máis idade residente na cidade, que vivía soa no seu domicilio a rúa Alcalde Usero, onde segundo os servizos de emerxencia podía levar morta varios días. Un familiar deu a voz de alarma despois de non ser capaz de contactar con ela. En Compostela o pasado 21 de xullo un incendio acabou coa vida dunha muller de 90 anos que vivía soa; as chamas, orixinada por unha pota que quedara no lume sen vixilancia, foron descubertas por unha sobriña da muller, que pasara a visitala e que xa a atopou sen vida.

O número de persoas de máis de 65 anos que viven soas creceu un 16% nos últimos cinco anos

En Ourense, en cambio, o ancián que apareceu morto na rúa Marquesa o pasado 25 de xullo levaba falecido ao redor de dous meses e unicamente foi o cheiro o que alertou aos veciños do seu pasamento. Semellante foi o desenlace dun home que residía en Viveiro nunha vivenda de alugueiro; unicamente a chegada dos propietarios da vivenda (que habitualmente residen en Inglaterra) permitiu descubrir o cadáver do ancián, que levaba morto dende febreiro.

En Galicia viven 672.866 persoas de 65 anos ou máis, polo que a porcentaxe das que viven soas supera o 19%, un de cada cinco. Entre esas case 129 mil persoas de máis de 65 anos que viven soas en Galicia hai máis mulleres (86 mil) que homes (43 mil). A porcentaxe de mulleres maiores que viven soas é do 23%, polo 15% dos homes.

A situación máis común para as persoas maiores é vivir coa súa parella. 

A pesar do progresivo envellecemento da poboación, a estatística amosa que o número de fogares galegos nos que conviven tres xeracións familiares leva anos en descenso. No ano 2007 eran 87.153 e no 2018 a cifra diminuíra ata os 68.489. Iso si, cun leve aumento dende os datos do 2017.

A situación máis común para as persoas maiores é vivir coa súa parella; así o fan 275 mil persoas en Galicia. Outras 100 mil viven co seu ou a súa cónxuxe e, ademais, con algún fillo ou filla. E unhas 61 mil viven unicamente con algún fillo ou filla, sen parella. Ademais, outras 85 mil viven con algún ou algunha familiar distinta das súas parellas ou fillos/as.

A pesar do progresivo envellecemento da poboación, o número de fogares galegos nos que conviven tres xeracións familiares leva anos en descenso

Nesta entrevista Mª Dolores Puga, científica titular do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, pedía que Galicia adaptase os seus sistemas de solidariedade e servizos á situación de avellentamento. Puga alertaba especialmente sobre a situación que se vive en áreas rurais, con peores servizos públicos e de atención ás persoas de máis idade. "As zonas con maior lonxevidade en saúde en Galicia son as áreas metropolitanas e o eixo atlántico; áreas con accesibilidade a servizos, sanitarios e sociais. E en cambio, nas outras áreas pérdese esperanza de vida en saúde ao carecer destes servizos", dicía, engadindo que "esas áreas nas que só viven vellos deberían ser áreas de especial protección social, ao igual que hai áreas de especial protección natural".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.