"Galicia non adaptou os seus sistemas de solidariedade e servizos á situación de avellentamento"

Galicia está entre as rexións europeas cunha poboación máis envellecida CC-BY-NC-ND Xosé Castro Roig

Lugo acollerá este sábado a xornada de debate Fagamos Contas, organizada pola Fundación Galiza Sempre, que busca analizar a evolución da sociedade galega nos 35 anos de autonomía. Na xornada dez expertos e expertas afondarán en distintas cuestións, dende a demografía á economía, pasando pola lingua e cultura, o benestar o a aplicación do autogoberno político. A primeira sesión estará dedicada a territorio e demografía, un aspecto (o avellentamento, as migracións...) fulcral para entender outros ámbitos. 

Intervirán neste bloque Rubén Lois, Catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC, e tamén Mª Dolores Puga, científica titular do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Sociais e Científicas (CSIC), que centra a súa investigación no avellentamento da poboación e as estratexias políticas e sociais idóneas para adaptarse a esta situación.

O avellentamento da poboación é a cuestión central que marca a historia de Galicia nas últimas décadas e o momento presente?

O avellentamento é o resultado da modernización demográfica da poboación galega, que tivo lugar nos últimos 35 anos. Non é un proceso particular de Galicia, senón que o sufriron, o están sufrindo ou o van sufrir todas as poboacións do mundo. O particular da poboación galega é a velocidade deste proceso. O avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social. O que pasa é que na maioría das sociedades do mundo isto produciuse pouco a pouco, pero Galicia está avellentando moito máis rapidamente por mor da intensa emigración que sufriu ao longo do século XX.

"O avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social"

Galicia perdeu poboación nova moi rapidamente, perdeu polo tanto pais e nais potenciais, provocando unha caída moi forte da natalidade. Por iso o proceso é máis rápido en Galicia que no resto de España. Por exemplo, estase falando moito nos medios de que no próximo ano en España por primeira vez o número de defuncións vai ser maior que o de nacementos. Isto pasa en Galicia dende mediados dos oitenta. Ou, por exemplo, a pirámide de poboación de Lugo do ano 1980 está tan envellecida coma a de España na actualidade.

Galicia está neste momento entre as rexións máis avellentadas de Europa, xunto coa Alemaña do Leste e o norte de Italia e en España Asturias e Castela e León. Polo tanto as adaptacións deses sistemas de solidariedade e de servizos deberían ser moito máis rápidas, e moitas delas non se fixeron. Galicia non adaptou os seus sistemas á situación de avellentamento. Deberíamos ter sido moito máis eficaces neste proceso e non ir a remolque doutros cambios que se produzan noutros ámbitos.

"As adaptacións deses sistemas de solidariedade e de servizos deberían ser moito máis rápidas, e moitas delas non se fixeron"

Este avellentamento incide con máis forzas, ademais, en certos lugares de Galicia, nomeadamente nas zonas rurais, unido ademais a procesos de despoboamento. Estes elementos deben ser analizados á marxe?

Efectivamente, hai outro aspecto preocupante, que se refire á estrutura territorial do avellentamento, que en Galicia está moi polarizada, por mor da intensa migración interna cara ao eixo atlántico. A maior parte das zonas rurais de Lugo e Ourense están moi avellentadas e aquí, máis que os índices xerais, é moi preocupante a homoxeneidade etaria: en boa parte deses territorios só viven vellos. Temos o reto de que facer accesibles os servizos nestas áreas nas que só viven vellos. Temos que revisar o noso sistema sanitario: Cantos pediatras hai e cantos xeriatras? Todo iso non cambiou nada nos últimos 35 anos e a poboación si cambiou moito, e moi rapidamente.

"Cantos pediatras hai e cantos xeriatras? Todo iso non cambiou nada nos últimos 35 anos e a poboación si cambiou moito, e moi rapidamente"

En Galicia temos ademais áreas de moi grande lonxevidade, sobre todo na dorsal central galega e nas áreas montañosas de Ourense, onde se rexistran esperanzas de vida medias que se sitúan entre as maiores do mundo. Pero se en lugar de observar ese dato, analizamos o da lonxevidade en saúde, é dicir, a esperanza de vida sen discapacidade, pasa todo o contrario. As zonas con maior lonxevidade en saúde en Galicia son as áreas metropolitanas e o eixo atlántico; áreas con accesibilidade a servizos, sanitarios e sociais. E en cambio, nas outras áreas pérdese esperanza de vida en saúde ao carecer destes servizos. Esas áreas nas que só viven vellos deberían ser áreas de especial protección social, ao igual que hai áreas de especial protección natural.

Supoño que é imposible reverter o proceso, pero hai formas de minimizalo en parte, con políticas reais de fomento da natalidade, atraendo poboación nova doutros países ou favorecendo que a mocidade galega poida vivir e traballar aquí?

O proceso non se pode reverter, é un proceso de modernización que non ten volta atrás, non sucedeu en ningún lugar do mundo. O máis importante é adaptarse a este proceso, pero pódese paliar un pouco, si. Os países nórdicos, que foron os que primeiro experimentaron esta situación demográfica e que ata os anos 60 eran os países máis avellentados do mundo, si lograron subir un pouco o seu índice de natalidade e na actualidade é superior á taxa de fecundidade que temos no sur de Europa. Deberíamos loitar por isto e aplicar medidas non para mudar substancialmente os datos, pero si para conseguir que as persoas poidan ter os fillos que queiran ter. Nos discursos dos políticos repítese unha cuestión de vontade: 'temos que ter máis fillos', pero en realidade non se poñen os medios e as medidas para facilitar que iso ocorra. Nas enquisas vese que a xente si quere ter máis fillos, polo tanto o problema non é de vontade. A xente quere ter dous fillos e pico de media e acaba tendo un.

"Eu poría o acento nas migracións. Por moito que suba algo algo o número de fillos por muller, se non temos mulleres novas isto non vai ter efectos. Necesitamos xente nova"

Pero se queremos modificar a situación de verdade, eu poría o acento nas migracións. En realidade, a emigración galega nunca se detivo. Por moito que suba algo algo o número de fillos por muller, se non temos mulleres novas isto non vai ter efectos. Necesitamos xente nova. O principal problema é que non somos quen de reter a poboación nova, hai que poñer sobre a mesa medidas económicas e laborais capaces de xerar postos de traballo, e políticas de vivenda e políticas sociais que fagan atractivo vivir en Galicia, tanto para a poboación nova galega coma para a poboación nova doutros países. Nestas décadas, ademais, o que pasou moitas veces é que a pouca inmigración que Galicia era capaz de atraer, era inmigración que usaba Galicia como aterraxe en Europa pero que acabou marchando e polo tanto non se estabilizou aquí e non xerou nacementos. O principal é dinamizar o mercado de traballo para conseguir que a xente nova quede aquí.

"Suecia está moito menos densamente poboada que Galicia e ten moita máis poboación illada que Galicia. Pero Suecia puxo en marcha servizos moito menos presenciais e moito máis baseados na tecnoloxía"

Hai exemplos noutros países de fórmulas exitosas para reter e atraer poboación a zonas que sofren avellentamento e despoboación?

Á hora de sinalar a imposibilidade de aplicar as políticas sociais para a poboación maior en todas esas áreas illadas, avellentadas e con escasa densidade de poboación, póñense moitas escusas, relacionadas con ese illamento e coa baixas densidades de poboación. Pero se observamos o que pasa en Suecia, vemos como Suecia está moito menos densamente poboada que Galicia e ten moita máis poboación illada que Galicia. Pero Suecia puxo en marcha servizos moito menos presenciais e moito máis baseados na tecnoloxía. Que conseguiu con isto? Conseguiu ter os maiores conectados aos servizos e non illados e conseguiu ademais xerar postos de traballo para a xente nova en empregos tecnolóxicos en áreas rurais, ademais, onde non había moito traballo para esa xente nova. Temos que buscar estratexias dese tipo.

Que fixo Alemaña do Leste, por exemplo? Como tamén tivo un gran proceso de emigración interna, ten zonas moi avellentadas. Polo tanto, nos últimos anos o que fixo foi instalar a maior parte dos seus novos institutos de investigación nestas áreas pouco desenvolvidas do leste. Con iso conseguiron atraer xente nova de toda Alemaña e de toda Europa, para crear un entorno máis atractivo e dinámico. Hai exemplos, pero hai que facer algo máis que discursos poñendo a carga sobre a vontade da poboación. Porque non é unha cuestión de vontade, senón de posibilidade.

"Hai que facer algo máis que discursos poñendo a carga sobre a vontade da poboación. Porque non é unha cuestión de vontade, senón de posibilidade"

Máis aló dos discursos e a retórica de moitos políticos, que apelan a ter fillos, que medidas reais se poden poñer en marcha para facilitar que as persoas que o desexen poidan ter fillos?

A maior parte da xente quere ter máis nenos dos que finalmente pode ter. A falta de emprego, as políticas de vivenda..., están atrasando moito a idade media de maternidade, que xa se sitúa entre os 30 e os 35 anos, e así é complicado ter dous ou tres fillos. Non imos volver ás cifras de hai décadas, pero certas medidas si poden favorecer que a xente teña o seu primeiro fillo nas idades nas que queren telo, xusto antes de chegar aos 30. E despois pódese poñer o acento na fecundidade tardía; en Galicia creceu a fecundidade entre os 35 e os 39 anos e mesmo entre os 40 e os 44. Algunha axuda nas políticas de fertilidade podería axudar ao paso do primeiro ao segundo fillo, onde está habendo unha barreira clara.

"Case todas as familias galegas, aínda que sexa tarde, fan o esforzo de ter un fillo, pero non conseguen pasar do primeiro ao segundo. Ese é o gran problema que temos: pasar do primeiro ao segundo"

A xente quere ter máis dun fillo, pero normalmente queda no primeiro. Iso diferéncianos doutras sociedades, coma o Reino Unido ou Alemaña. Alí as taxas de natalidade son semellantes á nosa, algo maiores pero moi pouco, mais isto é porque hai un grupo grande da poboación que xa decide non ter fillos, e outro grupo que ten dous ou tres. Isto non pasa en Galicia: aquí o número baixo de fillos por muller é consecuencia de que as familias teñen un só fillo, non de que haxa un grupo grande de persoas que non quere ter fillos. Case todas as familias galegas, aínda que sexa tarde, fan o esforzo de ter un fillo, pero non conseguen pasar do primeiro ao segundo. Ese é o gran problema que temos: pasar do primeiro ao segundo. Á vista das enquisas, a poboación si quere ter máis fillos, a cuestión é facilitarllo.

Mocidade nun acto da Xunta sobre emprego xuvenil © Xunta
Galicia está entre as rexións europeas cunha poboación máis envellecida CC-BY-NC-ND Xosé Castro Roig

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.