O INE publicou este martes a súa Enquisa Continua de Fogares correspondente ao ano 2018, que amosa que o número de persoas maiores que viven soas continúa a aumentar en Galicia. Son xa case 129 mil, fronte ás 125 mil do ano 2017 e as 119 mil do 2016. Entre elas hai máis mulleres (86 mil) que homes (43 mil).
A porcentaxe de persoas maiores que viven soas supera o 19%, o 23% no caso das mulleres
En Galicia viven 672.866 persoas de 65 anos ou máis, polo que a porcentaxe das que viven soas supera o 19%, un de cada cinco. A porcentaxe de mulleres maiores que viven soas é do 23%, polo 15% dos homes
A situación máis común para as persoas maiores é vivir coa súa parella; así o fan 275 mil persoas en Galicia. Outras 100 mil viven co seu ou a súa cónxuxe e, ademais, con algún fillo ou filla. E unhas 61 mil viven unicamente con algún fillo ou filla, sen parella. Ademais, outras 85 mil viven con algún ou algunha familiar distinta das súas parellas ou fillos/as.
Chaman a atención as diferenzas existentes por sexo nestas tipoloxías de fogares. Hai máis mulleres maiores que viven soas (probablemente pola maior esperanza de vida), pero tamén hai unha porcentaxe superior de mulleres que conviven con algún fillo ou filla (14% fronte a un 3,5% dos homes) e, igualmente, e máis elevada a proporción de mulleres maiores que viven con algunha outra persoa da súa familia (17% fronte a 7% nos homes). As situacións máis habituais para os homes na súa terceira idade é vivir coa súa parella (52%) ou coa súa parella e algún fillo ou filla (20%).
O número de fogares galegos nos que conviven tres xeracións familiares leva anos en descenso
A pesar do progresivo envellecemento da poboación, a estatística amosa que o número de fogares galegos nos que conviven tres xeracións familiares leva anos en descenso. No ano 2007 eran 87.153 e no 2018 a cifra diminuíra ata os 68.489. Iso si, cun leve aumento dende os datos do 2017.
"O avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social", dicía nesta entrevista Mª Dolores Puga, científica titular do Instituto de Economía, Xeografía e Demografía do Centro de Ciencias Humanas e Sociais do Consello Superior de Investigacións Sociais e Científicas (CSIC).