A poboación galega envellece e mingua dende hai tres décadas. A baixada sostida da natalidade e a redución da inmigración uniuse a un incremento sostido da esperanza de vida que, malia ralentizarse levemente nos últimos anos, encamíñase xa cara aos 90. Non en van, segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Galego de Estatística, as persoas que en 2016 chegaran xa aos 80 anos tiñan, de media, uns dez anos máis de esperanza de vida. O horizonte son, daquela, practicamente nove décadas de existencia ante as que emerxen, non obstante, incertezas sociais e económicas.
A esperanza de vida ao nacer aumentou practicamente tres anos de media dende comezos de século
Segundo os devanditos datos, en Galicia a esperanza de vida ao nacer aumentou practicamente tres anos de media dende comezos de século; pasou de 75 a 70 anos nos homes e de 83 a 86 nas mulleres. Así e todo, este dato compleméntase con outra variable que adoita ser menos empregada, a da esperanza de vida sen limitación. Este estudo, cuxa actualización máis recente data de 2014, indica que a poboación galega precisa axuda para realizar algún tipo de actividade da súa vida cotiá dende os 61 anos e que o limiar dos 79 anos de idade é, como promedio, á porta de entrada á vida con "limitacións graves". Daquela, cabe concluír que no futuro un sector cada vez máis amplo da poboación do país precisará axuda en diferentes graos durante entre a última e as dúas últimas décadas da vida.
Ambas variables, esperanza de vida e esperanza de vida sen limitación, conectan directamente con varias problemáticas en primeira liña do debate público nos últimos tempos: as pensións e a atención ás persoas en situación de dependencia, así como a conciliación da vida laboral e persoal e a propia natalidade. Así, mentres as protestas en defensa das pensións públicas enchen as rúas, no caso galego sete de cada dez persoas xubiladas non chegan nin a mileuristas e máis da metade dos concellos xa teñen máis pensionistas que persoas a cotizar na Seguridade Social.
As residencias de maiores, cunha preponderancia esmagadora do sector privado no caso galego, supoñen de media uns 1.500 euros mensuais
A escasa contía das pensións contrasta cos elevados prezos dun dos servizos cada vez máis demandados, as residencias para maiores, que no caso galego supoñen de media uns 1.500 euros mensuais nun contexto de clara preponderancia das prazas en residencias privadas fronte ás públicas -case o 70%, o que segundo o IMSERSO supón a maior proporción do Estado-. Neste sentido, os datos de xestión da lei de dependencia amosan que, aínda que o número de persoas atendidas aumentou notablemente en cifras totais nos últimos anos -mesmo malia ao freo de tres anos imposto dende o Goberno central-, con 55.593 a recibir algunha prestación e case 11.000 máis en lista de espera, a cobertura pública aínda non é dabondo.
Mentres todo isto sucede outros indicadores amosan ás claras as mudanzas que provoca no país o envellecemento e a necesidade de máis e mellor atención sociosanitaria. No ano 2016 -últimos datos dispoñibles- as caídas accidentas tornaron xa na primeira causa externa de morte en Galicia, superando por primeira vez os suicidios con 414 falecementos e situándose xa moi por diante das mortes en accidente de tráfico, que naquel mesmo ano quedaran en 160.