30 comarcas terán tres veces máis maiores de 65 anos que menores de 20 no 2031

Dominio Público Praza Pública

As proxeccións poboacionais para os vindeiros anos publicadas polo INE e o IGE nas últimas semanas confirman as tendencias que veñen a marcando a demografía galega nas últimas décadas: o devalo no número de habitantes e o crecente envellecemento da poboación. Segundo estas previsións, as persoas maiores de 55 anos serán a metade da poboación galega en 2031, un avellentamento provocado pola baixa natalidade que só un importante incremento da chegada de poboación inmigrante moza pode solucionar, pero que tampouco se albisca no horizonte.

O envellecemento e a perda poboacional afectará a toda Galicia, pero máis aínda ás comarcas que xa están a sufrir esa circunstancia na actualidade

O envellecemento e a perda poboacional afectará a toda Galicia, pero máis aínda ás comarcas que xa están a sufrir esa circunstancia na actualidade. En 2015 había xa cinco comarcas (Terra de Caldelas, Baixa Limia, A Fonsagrada, Os Ancares e Quiroga) nas que o índice de envellecemento (a proporción entre poboación maior de 65 e menor de 20) era superior a 500. É dicir, nestas comarcas hai xa 5 veces máis habitantes de máis de 65 anos que menores de 20. E noutras 11 comarcas hai entre 3 e 5 veces máis maiores de 65. Atendendo ás proxeccións, no 2031 30 das 53 comarcas galegas rexistrarán cando menos esa proporción de máis do triplo de maiores de 65 que menores de 20.

16 comarcas perderán -segundo esta proxección- máis do 20% dos seus habitantes, encabezadas por Terra de Celanova, A Fonsagrada, Baixa Limia e Terra de Caldelas

En paralelo, segundo as proxeccións de INE e IGE, descenderá a poboación de practicamente todas as comarcas. A poboación total de Galicia caería por debaixo dos dous millóns e medio, cunha redución de 244 mil (un 9% do total) e só dúas comarcas (Santiago e A Coruña) verían incrementada lixeiramente a súa poboación. O resto sufriría descensos, que nalgúns casos serán moi salientables: 16 comarcas perderán -segundo esta proxección- máis do 20% dos seus habitantes, encabezadas por Terra de Celanova, A Fonsagrada, Baixa Limia e Terra de Caldelas. INE e IGE prevén caídas notables mesmo para comarcas urbanas como Ferrol (-14%) ou para territorios da importancia de O Ribeiro (-25%), Terra de Melide (-20%), Noia (-16%), Deza (-16%), Bergantiños (-15%) ou Terra de Lemos (-14%).

No 2031 haberá seis comarcas nas que a poboación entre 15 e 65 anos non chegará á metade do total

De igual xeito, outro dos indicadores demográficos aos que se adoita atender (o índice de dependencia global, que amosa a relación entre poboación en idade activa -de 16 a 64- e poboación en idade inactiva -menores de 15 e maiores de 65-) tamén se disparará en todo o territorio. Na actualidade hai seis comarcas nas que chega a 80 (8 persoas en idade inactiva por cada 10 en idade activa), pero tamén 23 nas que aínda baixa de 60. No 2031 haberá seis comarcas nas que a poboación entre 15 e 65 anos non chegará á metade do total. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.