0 Gardados para despois

O envellecemento da poboación sitúa as caídas como a principal causa externa de morte en Galicia

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Unha idade media de 46.51 anos (fronte aos 35.78 de 1980), unha porcentaxe de poboación maior de 64 anos do 24,31% (fronte ao 13.34% de 1980). Galicia está cada vez máis envellecida e os seus e as súas habitantes son cada vez máis lonxevas; se en 1980 a esperanza de vida ao nacer roldaba os 75 anos, hoxe supera amplamente os 82. De feito, a esperanza de vida ao chegar aos 65 é xa de 21,17 anos (datos de 2015). Esta realidade reflíctese tamén nas causas de mortalidade predominante, entre as que gañan cada vez máis importancia os tumores ou as enfermidades respiratorias, mentres que se reduce o peso das causas externas, segundo revelan os datos publicados polo INE este xoves.

Os accidentes de tráfico son a principal causa externa de morte entre os mozos e mozas entre 15 e 29 anos. O suicidio é a causa predominante entre os 30 e os 69 anos. Por riba dos 70 o motivo máis importante son claramente as caídas

Pero tamén nas causas externas atópanse grandes variacións nos últimos anos. En 2016 faleceron por estes motivos 1.272 persoas en Galicia, sendo as "caídas accidentais" a principal causa externa de morte (414), por riba do suicidio (338) e os accidentes de tráfico (160). Ademais do feito de que un ano máis as mortes por suicidio duplican ás producidas en accidentes de circulación, chama a atención o forte incremento na última década das mortes por caídas, que case se triplicaron dende o ano 2010. Cómpre ter en conta que as cifras de mortes por suicidio do INE difiren un chisco das ofrecidas polo Instituto de Medicina Legal (Imelga).

Por grupos de idade, os accidentes de tráfico son a principal causa externa de morte entre os mozos e mozas entre 15 e 29 anos (29 falecementos), por diante do suicidio (21), que é a causa predominante entre os 30 e os 69 anos. Porén, por riba desa idade, son de forma clara as caídas o primeiro motivo externo de defunción.

En termos xerais, as enfermidades do sistema circulatorio (9.971) e os tumores (8.705) son as principais causas de morte en Galicia, moi por riba das enfermidades do sistema respiratorio (3.448), dos trastornos mentais e do comportamento (2.336), das enfermidades do sistema nervioso (1.655), das enfermidades do sistema dixestivo (1.463) e das causas externas de mortalidade (1.272).

Nestas estatísticas chama a atención o sostido incremento dos falecementos provocados por tumores, que case duplican ás que se producían por este motivo en 1980. Porén, este incremento das mortes por cancro está ligado ao incremento xeral da esperanza de vida: dispáranse entre a poboación maior de 80 anos mentres se manteñen ou descenden entre persoas mozas: nos anos 90, por exemplo, falecían cada ano máis de 100 persoas de entre 30 e 39 anos a causa de tumores e agora son unhas 60, e no grupo de 15 a 29 anos reduciuse de arredor de medio cento a 16. Tamén se veñen incrementando en gran medida as defuncións por enfermidades do sistema nervioso, que se duplicaron nos últimos 15 anos. Pola contra, cómpre celebrar que por cuarto ano consecutivo non se produciron falecementos relacionados co parto. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.