Os presidentes de Galicia e Asturias reclaman a Madrid e Bruxelas maior financiamento da dispersión poboacional e o impulso do Corredor Atlántico ferroviario. Alfonso Rueda e Adrián Barbón reúnense en Taramundi e emiten unha declaración institucional na que apostan por colaborar en cuestións de interese común. Pola contra, manteñen a discrepancia a respecto da denominación da Ría de Ribadeo, que Asturias quere chamar tamén Ría do Eo.
Fálase
A xustiza expide unha orde de detención nacional e internacional para o salesiano condenado a 32 anos e medio de cárcere por abusar de seis menores no Colexio María Auxiliadora Salesianos de Vigo. A Audiencia Provincial de Pontevedra solicita a súa detención e ingreso en prisión tras constatar no informe da Garda Civil de Cambados que "fuxiu coa única intención de subtraerse á acción da xustiza e evitar o cumprimento das penas privativas de liberdade ás que foi condenado". Segundo C.V., sacerdote e profesor de relixión, non se presentou voluntario no centro penitenciario o 23 de febreiro e non foi localizado pola Garda Civil.
O tribunal requiriu á Comunidade Colexio María Auxiliadora Salesianos, que prestou o día 30 de abril de 2020 unha fianza de 12.000 euros para garantir a liberdade provisional do sacerdote, que, na súa condición de entidade fiadora, presente no prazo de dez días ao condenado ante a xustiza.
O CIS mantén o PSOE como primeira forza en estimación de voto en eleccións xerais co 32,7% dos sufraxios, 4,7 puntos por diante do PP. Na terceira posición sitúa en empate técnico a VOX e Unidas Podemos, con arredor do 10% nun inquérito no que o BNG obtén o 0,7% dos votos sobre o total estatal, dúas décimas máis que en 2019.
Adif adxudica a obra para soterrar peóns e vehículos en lugar do tren a Marín ao seu paso pola praza dos Praceres, en Pontevedra. O BOE publica a adxudicación, por 7,6 millóns de euros e ano e medio de duración.
O Consello de Ministros aproba a reforma das pensións, que de 2027 a 2043 implicará calcular a xubilación a cos últimos 25 anos cotizados ou cos 27 máis favorables dos últimos 29, modelo que será o único dende 2047. A reforma, pactada entre os socios do Goberno do PSOE e UP coa Comisión Europea e cos sindicatos CC.OO. e UGT, é aprobada vía Real Decreto e emprende agora camiño ao Congreso para ser convalidada. Na imaxe, o ministro da Seguridade Social, José Luis Escrivá, e a ministra voceira, Isabel Rodríguez, tras o Consello extraordinario que aprobou a reforma [© Pool Moncloa/Borja Puig de la Bellacasa]
Os murais de Lugrís situados nun baixo da Rúa Olmos da Coruña están "en mal estado de conservación, mais son recuperables", sinala o Concello, que lle reclama aos propietarios do inmoble que "actúen de xeito inmediato" para asegurar a súa protección debido á "deterioración que sofren e as condicións nas que se atopan". Técnicos municipais vivistaron hai un mes o baixo e elaboraron un informe.
O Banco Central Europeo decide aumentar os tipos de xuro en 50 puntos básicos, como esperaban os mercados, a pesar da convulsión provocada nos últimos días polo colapso de Credit Suisse e a caída do Silicon Valley Bank. O prezo do diñeiro sitúase no 3,5%. Con todo, a diferenza de anteriores intervencións, o BCE non anuncia novas subas de forma inmediata.
Unha concentración de apoio ao persoal da CRTVG pide a "fin da manipulación e da represión" nos medios públicos galegos. Ante a sede da Xunta en San Caetano, a plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo únese ás protestas dos profesionais nunha mobilización na que estiveron presentes representantes de BNG e PSdeG.
Este venres abre o prazo de solicitude de praza nas escolas infantís da Xunta. No DOG deste xoves publícanse os procedementos para os centros dependentes tanto da Axencia Galega de Servizos Sociais como do Consorcio no que tamén participan os concellos.
O comité intercentros da CRTVG denuncia a "grave vulneración do dereito fundamental á liberdade de expresión" dunha xornalista da TVG que foi trasladada esta semana á Radio Galega "sen ningunha xustificación". Mayte Cabezas, presentadora do programa Vivir Aquí da televisión pública, que foi "suprimido" da programación, recibiu o luns a comunicación desta "mudanza forzosa" do seu posto de traballo "que se produce após ter publicado nas súas redes sociais unha crítica persoal sobre o trato dispensado ás vítimas do terrorismo por Núñez Feijóo durante o seu mandato como presidente da Xunta".
Desde o comité consideran "da maior gravidade" que a dirección do ente público "reitere gravísimas condutas de vulneración de dereitos fundamentais de traballadoras e traballadores que non son afíns aos intereses do Partido Popular". Os representantes do persoal da Corporación esixen "o cesamento inmediato do cadro directivo da CRTVG, comezando polo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo". [Na imaxe, a sede da Radio Galega en San Marcos © CRTVG]
- 🔊PODCAST | Fálase - Se Gary Lineker saíse na TVG
- Á CRTVG non lle "preocupa" a folga nin vai "mudar o rumbo" mentres o persoal convoca dous novos paros
- A CRTVG prohibe a celebración de asembleas do persoal nas súas instalacións dous días despois da folga
- O comité da CRTVG denuncia que a dirección impediu informar de que a inflación supera en Galicia a media estatal