Unha concentración de apoio ao persoal da CRTVG pide a "fin da manipulación e da represión" nos medios públicos galegos. Ante a sede da Xunta en San Caetano, a plataforma Por unha CRTVG ao servizo do pobo únese ás protestas dos profesionais nunha mobilización na que estiveron presentes representantes de BNG e PSdeG.
Fálase
Este venres abre o prazo de solicitude de praza nas escolas infantís da Xunta. No DOG deste xoves publícanse os procedementos para os centros dependentes tanto da Axencia Galega de Servizos Sociais como do Consorcio no que tamén participan os concellos.
O comité intercentros da CRTVG denuncia a "grave vulneración do dereito fundamental á liberdade de expresión" dunha xornalista da TVG que foi trasladada esta semana á Radio Galega "sen ningunha xustificación". Mayte Cabezas, presentadora do programa Vivir Aquí da televisión pública, que foi "suprimido" da programación, recibiu o luns a comunicación desta "mudanza forzosa" do seu posto de traballo "que se produce após ter publicado nas súas redes sociais unha crítica persoal sobre o trato dispensado ás vítimas do terrorismo por Núñez Feijóo durante o seu mandato como presidente da Xunta".
Desde o comité consideran "da maior gravidade" que a dirección do ente público "reitere gravísimas condutas de vulneración de dereitos fundamentais de traballadoras e traballadores que non son afíns aos intereses do Partido Popular". Os representantes do persoal da Corporación esixen "o cesamento inmediato do cadro directivo da CRTVG, comezando polo director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo". [Na imaxe, a sede da Radio Galega en San Marcos © CRTVG]
- 🔊PODCAST | Fálase - Se Gary Lineker saíse na TVG
- Á CRTVG non lle "preocupa" a folga nin vai "mudar o rumbo" mentres o persoal convoca dous novos paros
- A CRTVG prohibe a celebración de asembleas do persoal nas súas instalacións dous días despois da folga
- O comité da CRTVG denuncia que a dirección impediu informar de que a inflación supera en Galicia a media estatal
O Sergas incorpora no seu calendario a vacina fronte ao virus respiratorio sincitial, que comezará a aplicarse a nenos e nenas a partir de outono. O presidente Rueda anunciouno tras o Consello da Xunta deste xoves “para evitar o 80% das asistencias médicas e hospitalizacións por bronquiolite ou pneumonía” provocadas por ese virus. Posteriormente a Xunta emitiu unha nota de prensa en inglés gabando que o sistema sanitario galego é o “primeiro no mundo” que a asume.
O Arde Lucus, declarado Festa de Interese Turístico Internacional. O Concello de Lugo vén de recibir a confirmación oficial da distinción para esta festa de recreación histórica, con dúas décadas de traxectoria e que celebrará a súa vindeira edición do 22 ao 25 de xuño. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comparece esta tarde ante a prensa para valorar a declaración.
Decae no Congreso a reforma da lei mordaza ao ser rexeitado en comisión o texto pactado polo PSOE, Unidas Podemos e PNV por 18 votos fronte a 19. ERC e EH-Bildu consideran "insuficientes" os cambios introducidos en aspectos como as devolucións en quente de persoas migrantes ou a regulación do material antidisturbios. Deste xeito, a controvertida lei de seguridade aprobada en solitario polo PP de Rajoy en 2015 continúa vixente sen cambios. Na imaxe, antidisturbios nunha manifestación ante o Parlamento en 2014 [CC BY-SA Praza.gal]
- HEMEROTECA | Arquivada unha sanción "grave" imposta ao abeiro da lei mordaza por tratar de "ti" a un policía
- HEMEROTECA | Un policía multa un home coa 'lei mordaza' na Coruña porque os seus fillos de 2 e 4 anos xogaban na oficina do DNI
- HEMEROTECA (2015) | Entra en vigor a 'Lei Mordaza'. Que cambia nas nosas vidas?
O Colexio Profesional de Xornalistas amosa a súa "inquedanza e preocupación" polo clima laboral na CRTVG e di que o director xeral negoulle explicacións polos "traslados forzosos" de persoal. Nun comunicado, a representación legal do periodismo galego pide á Corporación "reabra con urxencia as canles de diálogo co cadro de persoal para recuperar un clima laboral saudable".
CRISE DE PREZOS | A inflación mantívose estancada en Galicia durante o mes de febreiro, un incremento dos prezos do 6,4% a respecto do mesmo mes do ano anterior, catro décimas máis que no conxunto do Estado (6%). Mentres, o prezo dos alimentos está actualmente un 16,6% por riba do de doce meses antes, a mesma taxa interanual en Galicia que na media estatal.
Un contratista da Garda Civil mediou para eliminar de internet noticias críticas con Arsenio Fernández de Mesa. Segundo unha investigación do xornal El País e o consorcio xornalístico Forbidden Stories, a través da empresa Eliminalia trataron de suprimir informacións nunha decena de medios relativas a asuntos como a remuneración de Fernández de Mesa como conselleiro de Red Eléctrica, o seu controvertido retrato tras deixar de ser director xeral da Garda Civil ou o seu pasado ultradereitista en Ferrol. Sempre segundo o publicado por El País, o que fora delegado do Goberno de España en Galicia nega que contratase os servizos desta empresa. Na imaxe, De Mesa na súa etapa á fronte do Instituto Armado, durante o Goberno do PP de Mariano Rajoy.
A segunda moción de censura de Vox contra Pedro Sánchez, agora co ex-membro do PCE e do CDS Ramón Tamames como candidato, comezará a debaterse o día 21 e votarase na xornada seguinte. Así o confirmou este luns a presidenta do Congreso, Meritxell Batet. A primeira moción de censura de Vox, con Santiago Abascal como aspirante, acabou sendo en 2020 a que acumulou máis rexeitamentos de todas as formuladas dende a Constitución de 1978: 298 votos en contra e só 52 a prol, os da propia formación de extrema dereita. Previsiblemente, esta terá menos votos en contra porque o PP de Alberto Núñez Feijóo, ao contrario do sucedido con Pablo Casado, prevé absterse e non votar en contra. Na imaxe, Tamames durante unha entrevista recente en RTVE.