"Causar desordes nas vías, espazos ou establecementos públicos ou obstaculizar a vía pública con mobiliario urbano, vehículos, contedores, pneumáticos ou outros obxectos". En calquera dos dous supostos, "cando se ocasione unha alteración grave da seguridade cidadá".
O axente invoca na súa denuncia o artigo da lei que castiga a "alteración grave da seguridade cidadá"
É o artigo da lei 4/2015 de seguridade cidadá, coñecida popularmente como lei mordaza, que segundo un axente da Policía Nacional foi infrinxida por un home que o pasado mércores, 30 de marzo, agardaba coa súa bebé de 11 meses no exterior da comisaría coruñesa da avenida do Porto, complexo no que se atopa a Xefatura Superior de Policía de Galicia e a oficina do DNI. Mentres, no interior, a súa esposa tramitaba a renovación dos carnés dos seus outros dous fillos, de 2 e 4 anos de idade.
O axente interpuxo contra o home unha denuncia ao abeiro do devandito artigo da lei mordaza por estaren os dous nenos de 2 e 4 anos "entrando, correndo e saíndo da oficina, dando tamén golpes co paraugueiro", di o formulario a cuxo contido tivo acceso Praza.gal. Segundo o relato escrito polo policía, "pídeselle que controle aos seus fillos e o home "respondeu que os controla a súa nai, que está dentro da oficina".
O home atopábase no exterior da oficina coa súa bebé de menos dun ano mentres a nai renovaba o carné dos outros dous fillos, de 2 e 4 anos. Considera que padeceu un "claro abuso de autoridade"
A denuncia foi acollida con estupor polo home, que acto seguido interpuxo unha queixa formal na propia comisaría. O axente, detalla, dirixiuse a el "solicitando que controle os meus fillos", ao que respondeu que "están coa súa nai, dentro", toda vez que el se atopaba fóra coa bebé "e non me dan as mans para atendelos e deixar só ao bebé". "Acto seguido, sen mediar palabra, solicítame o DNI para presentar denuncia", conclúe no que considera un "claro e total abuso de autoridade".
O artigo da lei invocado polo Policía para a súa denuncia implica que atribúe ao home unha infracción considerada "grave". Implica, segundo o réxime sancionador da norma, unha multa de entre 601 e 10.400 euro se é considerada como de grao mínimo, de ata 20.200 nun grao medio e ata 30.000 no grao máximo. Os socios do actual Goberno de España comprometéronse a derrogar múltiples aspectos desta lei impulsada polo Executivo do PP de Rajoy e a reforma está en marcha no Congreso, pero cun ritmo especialmente demorado.