Milleiros contra a 'lei mordaza' en varias cidades galegas

Manifestación contra a 'lei mordaza' en Ferrol Dominio Público @bngferrol

Convocadas pola Alianza Social Galega, milleiros de persoas saíron hoxe ás rúas nas cidades galegas e en varias vilas contra a Lei de Seguridade Cidadá que, segundo denuncian os convocantes, "é un paso máis nos dereitos máis básicos, criminaliza a protesta social, as liberdades úblicas e as vías de participación democrática, retrotaéndonos ao franquismo". As sete urbes do país e algunha outra localidade -como Monforte, Cangas ou Vilagarcía- acolleron estas marchas baixo unha chuvia que non impediu que se berrase contra a denominada lei mordaza, que aínda non foi aprobada definitivamente.

As sete urbes e algunha outra vila acolleron as manifestacións da Alianza Social Galega contra a 'lei mordaza'

"Non pode ser, o pobo encadeado e os corruptos no poder", berrouse en varias das localidades onde se levaron a cabo unhas manifestacións apoiadas polos principais sindicatos e os partidos da oposición. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, asegurou en Compostela que coa reforma da Lei de Seguridade Cidadá "non hai presunción de inocencia", xa que é a propia Administración a que "sanciona" a partir de informes policiais que teñen "presunción de veracidade". CCOO e UGT coincidiron en denunciar as intencións dun PP que desde o Goberno pretende "tapar a boca" a sindicalistas e a cidadanía e atacar "as manifestacións e o dereito á folga".

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, participou na convocatoria de Santiago e criticou o empeño de PP de “criminalizar e reprimir” calquera tipo de protesta social contra as súas "políticas de recortes de servizos e de dereitos e liberdades individuais". “A lexítima contestación social da cidadanía contra as políticas do PP que os empobrece non se pode responder con represión policial, como están padecendo centos de persoas por protestar pacífica e democraticamente na rúa”, alegou.

Xavier Vence censura as intencións do PP de "criminalizar e reprimir" calquera tipo de protesta social contra as súas politicas

O dirixente nacionalista citou a modo de exemplo de colectivos represariados os estafados polas preferentes, aos que loitan contra os desafiuzamentos, contra os recortes de servizos públicos ou mesmo por portar simboloxía galega en eventos deportivos, “centos de galegos e galegas que sofren a estratexia represiva, sistemática e insidiosa do PP e dos seus órganos gobernativos e policiais”.

A Alianza Social Galega, pola súa banda, que une varios colectivos e entre eles UGT, CCOO e CIG, cre que a lei mordaza “é un paso atrás nos dereitos máis básicos” e considera que “o PP e o Goberno de Rajoy actúan con dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do Estado, pero mantén una actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro”.

Para a Alianza Social do que se trata, con esta reforma, é de "reprimir a contestación social fronte ás actuacións inxustas do goberno do PP, entre as que salienta as reformas laborais e sociais, as súas políticas económicas, os constantes recortes de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo alén da privatización e redución dos servizos e prestacións públicas e a imposición dunha fiscalidade regresiva".

Os convocantes lembran que pasarán a tipificarse como delitos accións sociais "que até o de agora non tiñan esa consideración"

Os diversos colectivos que forman parte desta plataforma lembran de que con esta Lei de Seguridade Cidadá pasan a tipificarse como delitos toda unha serie de acción sociais "que até o de agora non tiñan esa consideración atacando frontalmente dereitos fundamentais como o de reunión, manifestación e folga".

Ademais, a reforma recorta o dereito á tutela xudicial ao que só se poderá acudir una vez se teña imposto a sanción, gravándose ao ter que afrontar os gastos de ir ao xulgado. Substitúese a infracción penal pola administrativa, á marxe das garantías xurisdicionais, eliminando a da presunción de inocencia e permítese a discrecionalidade e arbitrariedade dándolle presunción de veracidade á actuación policial.

Tamén aumentan as infraccións, pasando de 30 a 57, e as contías das sancións, que se fixarán sen considerar o patrimonio das persoas afectadas, desde 1.000 euros polas leves até os 600.000 polas moi graves, pasando polos 30.000 das consideradas graves. Sancións que serán inmediatamente executivas, advirten os que tamén denuncian a "censura informativa previa" contraria á Constitución, limitándose a captación, difusión de sons e imaxes dos axentes da policía nas súas actuacións públicas, socavando o dereito a recibir una información veraz e plural co que se “imposibilita e amedrenta o traballo xornalístico, promove a impunidade no abuso policial ao impedir posíbeis probas gráficas de intervención desproporcionada das forzas de seguridade”.

Manifestación contra a 'lei mordaza' na Coruña © UGTGalicia
Manifestación contra a 'lei mordaza' en Compostela © UGTGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.