Entra en vigor a 'Lei Mordaza'. Que cambia nas nosas vidas?

Axentes da Policía, ante un grupo de manifestantes CC-BY-SA Merixo

A partir das doce horas desta noite entra en vigor a nova Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza. A norma foi aprobada hai meses no Congreso cos únicos votos favorables do PP e o rexeitamento xeral dos movementos sociais e das forzas da oposición, que se comprometeron a retirala na vindeira lexislatura e que presentaron un recurso de inconstitucionalidade. A pesar de que o Goberno suavizou algunhas das súas disposicións, a lei traerá maiores restricións para as protestas cidadáns e suporá aplicar penas máis graves para quen vulnere as -agora máis estritas- disposicións de uso do espazo público, agora máis estritas.

Ademais, a norma legaliza as devolucións en quente das persoas inmigrantes que crucen a fronteira española de xeito non legal, o que leva meses sendo denunciado polas entidades de axuda ás persoas migrantes.

A Lei Mordaza inclúese dentro da reforma do Código Penal que, tamén entra en vigor este 1 de xullo, con importantes modificacións, coma a inclusión da chamada cadea perpetua revisable, unha normativa máis estrita e con maiores penas para o maltrato animal, así como outros cambios, coma o que reduce a dous anos a condena máxima pola realización de piquetes en folga.

Pero que pode cambiar nas vidas de todos e todas a partir desta medianoite? Que cousas que facíamos antes xa non poderemos facer? Que comportamentos pasarán a estar máis perseguidos e castigados?

As xuntanza ou manifestacións non comunicadas e as que teñan lugar en instalacións nas que se empresten servizos básicos para a comunidade ou nas súas inmediacións serán consideradas como infraccións moi graves

  • Manifestacións non comunicadas: As xuntanza ou manifestacións non comunicadas e as que teñan lugar en instalacións nas que se empresten servizos básicos para a comunidade ou nas súas inmediacións serán consideradas como infraccións moi graves "cando se xerase un risco para as persoas ou un prexuízo no seu funcionamento". A pena, de 30.001 a 600.000 euros, pode ser imposta aos promotores do acto ou aos responsables da súa organización.
  • Protestas que perturben a seguridade cidadá: A perturbación da seguridade cidadá en "actos públicos, espectáculos deportivos ou culturais, solemnidades e oficios relixiosos ou outras reunións ás que asistan numerosas persoas", así coma as perturbacións produto de concentracións ou manifestacións fronte ás sedes do Congreso, o Senado e os parlamentos autonómicos "aínda que non estiveses reunidos", pode ser castigada con entre 601 e 30.000 euros.

A desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes, e tamén a negativa a identificarse cando eles o requiran será igualmente considerado unha infracción grave

  • Negarse a identificarse ante un axente de policía:desobediencia ou a resistencia á autoridade ou aos seus axentes, e tamén a negativa a identificarse cando eles o requiran será igualmente considerado unha infracción grave e polo tanto castigado con entre 601 e 30.000 euros.
  • Obstaculizar a vía pública con obxectos: Tamén terá a consideración de infracción grave (multa entre 601 e 30.000 euros) a obstaculización da vía pública con mobiliario urbano, vehículos, contedores, pneumáticos ou outros obxectos "que ocasionen unha perturbación grave da seguridade cidadá.
  • Paralizar ou obstaculizar un desaloxo. A paralización dun desafiuzamento será considerada infracción grave, supoñendo multas entre os 601 e os 30.000 euros a cada un dos participantes por “impedir que os funcionarios públicos exerzan a súa función”.
  • Negativa a disolver reunións ou manifestacións: A negativa a disolver reunións, manifestacións e sentadas cando o ordene a autoridade será tamén considerado unha infracción grave

A negativa a disolver reunións, manifestacións e sentadas cando o ordene a autoridade será tamén considerado unha infracción grave

  • Uso non autorizado de imaxes dos axentes de policía: Tamén pode ser multado con entre 601 e 30.000 euros o "uso non autorizado de imaxes ou datos" dos axentes de policía "que poida poñer en perigo a súa seguridade persoal ou profesional".
  • Faltas de respecto cara aos axentes de policía: Serán consideradas como unha infracción leve (multa de 100 a 600 euros) "as faltas de respecto e consideración cara aos axentes das forzas de seguridade no exercicio das súas funcións".
  • A ocupación do espazo público: A ocupación "de calquera espazo común, público ou privado", coma o realizado polos colectivos okupas ou polas acampadas de protesta (multa de 100 a 600 euros)
  • Pintadas: Os danos leves a mobiliario urbano, e a realización de pintadas e grafitis son tamén infraccións leves (de 100 a 600 euros de multa)
  • Retirar as vallas da Policía: Retirar as vallas da Policía que delimitan perímetros de seguridade será considerado como infracción leve.
  • Botellón en espazos públicos: O consumo de bebidas alcohólicas en espazos e transportes públicos "cando perturbe gravemente a tranquilidade cidadá será cualificado igualmente como falta leve.

 

Maiores restricións en Internet

A norma legaliza as devolucións en quente das persoas inmigrantes que crucen a fronteira española de xeito non legal

Tanto a Lei Mordaza coma as modificacións que se introducen no Código Penal inclúen novas restricións no uso que se pode facer de Internet e das redes sociais, unhas limitacións e maiores condenas que foron cualificadas dende diversos ámbitos, por expertos e entidades de internautas, como un ataque á liberdade de expresión.

Organizar protestas online e en redes sociais pasará a estar perseguido, se as protestas son constitutivas de delito

Organizar protestas online e en redes sociais pasará a estar perseguido, se as protestas son constitutivas de delito, segundo denuncia a Plataforma en Defensa da Liberdade de Información. Os artigos 578 e 579 castigan con penas de terrorismo a difusión de mensaxes por Internet que poidan ser considerados “enaltecemento ou a xustificación públicos” dos novos delitos ou “a difusión de consignas” que poidan incitar a outros a cometelos. Ademais, o artigo 30 da Lei de Seguridade Cidadá tamén afirma que se considerarán “organizadores ou promotores [das protestas] quen por publicacións ou declaracións de convocatoria das mesmas, polas manifestacións orais ou escritas que nelas se difundan [...], poida determinarse razoablemente que son directores daquelas”

“Acceder de maneira habitual” a páxinas web que realicen divulgación ou apoloxía do terrorismo suporá un delito

Ademais, “acceder de maneira habitual” a páxinas web que realicen divulgación ou apoloxía do terrorismo suporá un delito segundo o artigo 575.2 do novo código penal. O castigo podería ascender a entre 1 e 5 anos de cadea.

Tamén se perseguirán as filtracións de información confidencial

Segundo o artigo 573, cando os delitos informáticos teñan como obxectivo "subverter a orde constitucional, ou suprimir ou desestabilizar gravemente o funcionamento das institucións políticas, alterar gravemente a paz pública", serán considerados tamén "actos de terrorismo". Tamén se perseguirán as filtracións de información confidencial. Segundo o artigo 197 bis, quen "por calquera medio ou procedemento e vulnerando as medidas de seguridade establecidas para impedilo, acceda sen autorización a datos ou programas informáticos contidos nun sistema informático", estará a cometer un delito informático e, por tanto, un acto de terrorismo.

 

Concentracións en Galicia, este martes

Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra acollen concentracións este martes, horas antes da entrada en vigor da nova lei. Na Coruña, ás 20 horas no Obelisco, Stop Desafiuzamentos convoca un acto de protesta, no que participarán outras entidades e colectivos. En Ourense, Stop Desafiuzamentos convoca unha manifestación ás 20.30 horas, con saída da Subdelegación do Goberno, que seguirá pola rúa do Paseo, Lamas Carvajal e rematará na Praza Maior.

En Pontevedra, a protesta terá lugar xusto ás doce da noite, no momento en que a nova norma entrará en vigor. Marea Pontevedra convoca un acto de “despedida do estado de dereito” ás 23.30 horas na noite diante da Subdelegación do Goberno, ao que anima a achegarse con velas e mordazas. Tamén insta aos asistentes a traer "as tradicionais 12 uvas" pois ás doce horas "producirase o cambio de ano, pasando do actual 2015 ao 1975, que é onde nos queren levar os actuais gobernantes".

Ademais, a CIG convoca concentracións este mércores en mediodía nas sete cidades galegas: A Coruña (11:30 horas diante da Delegación do Goberno), Ferrol (11:30 horas diante do edificio da Xunta), Lugo (12 horas diante da Subdelegación do Goberno), Vigo (11 horas diante do edificio da Xunta), Compostela (12 horas diante da sede do PP, rúa Alfredo Brañas), Ourense (11 horas diante da Subdelegación do Goberno), Pontevedra (11:30 horas diante da Subdelegación do Goberno).

Axentes de policía, solicitando a identificacións de cidadáns e cidadás © Xulio Abonjo
Detención dun manifestante que traspasou un cordón policial CC-BY-NC-SA BNG Santiago
Axentes da Policía, ante un grupo de manifestantes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.