Galicia rexistra máis de 2.000 denuncias por "falta de respecto" á Policía ao abeiro da 'lei mordaza'

Axentes antidisturbios nunha manifestación do sector naval nas proximidades do Parlamento CC-BY-SA Merixo

Un ano despois dende o inicio real da lexislatura estatal a práctica totalidade das leis que foron emblemas do Goberno do PP con maioría absoluta seguen intactas. Unha delas é a lei de seguridade cidadá, a alcumada como 'lei mordaza', lanzada polo gabinete de Mariano Rajoy en plena vaga de protestas polos recortes e na que movementos sociais e oposición política viron un mecanismo para reprimir a mobilización cidadá. Para meter medo. Malia aos movementos parlamentarios que apostaron pola súa derrogación o certo é que a norma segue en marcha e con ela, un dos seus artigos máis controvertidos, o que sanciona as "faltas de respecto" á Policía á marxe dos procedementos penais. Nos primeiros dous anos da lei só en Galicia foron ditadas máis de 2.000 denuncias por este motivo

Segundo a resposta a unha pregunta escrita formulada no Senado por Jon Iñarritu (EH-Bildu), dende o inicio da aplicación desta lei en xullo de 2015 e ata finais do pasado agosto os corpos policiais dependentes do Ministerio do Interior formularon en todo o Estado un total de 45.122 denuncias por "faltas de respecto e consideración cuxo destinatario sexa un membro das Forzas e Corpos de Seguirdade no exercicio das súas funcións de protección da seguridade". Delas, un total de 2.174 foron emitidas en Galicia; máis de 500 entre xullo e decembro de 2015, máis de 900 durante 2016 e practicamente 700 nos primeiros oito meses deste ano.

Entre 2015 e 2016 as multas por estas "faltas de respecto" ás forzas de seguridade sumaron en Galicia máis de 350.000 euros

Como avanzaran os partidos e colectivos opostos á lei, que o PP segue a defender, é que este tipo de sancións policiais obrigan a cidadanía que as recibe a internarse en recursos e litixios para tentar evitalas. Así, despois de todos estes procedementos resultou que no ano 2015 de todas as denuncias interpostas en Galicia por supostas faltas de respecto á Policía chegaron a convertérense en sancións efectivas algo menos da metade, 280, cun montante total de algo máis de 50.100 euros en multas. Algúns destes procedementos continuaron durante 2016 e sumáronse aos dese novo ano. Deste xeito, no que ata agora é o único exercicio completo de vixencia da norma a poboación galega sufriu un total de 1.194 sancións por este motivo ao abeiro da lei mordaza que sumaron case 300.000 euros en multas. En total, nos dous anos o Estado recadou uns 350.000 euros, segundo os balances públicos do Ministerio.

Alén das devanditas "faltas de respecto ou consideración" á Policía, as denuncias e sancións ligadas a esta lei esténdense tamén por outros moitos ámbitos. No caso galego o maior número de denuncias están ligadas ao consumo ou ao tráfico de drogas, con algo máis de 15.700 sancións en 2015 e 2017 que supuxeron, atendendo aos datos do Ministerio, 7,8 millóns de euros en multas en territorio galego. O manexo ilegal de armas ou explosivos motivou 332 sancións polas que se impuxeron 115.000 euros en multas, mentres que os procedementos sancionadores ligados á seguridade -entre eles, os dsa "faltas de respecto- foron máis de 3.300 e as multas, de case un millón e medio de euros entre 2015 e 2016.

Un axente de Policía saúda a Rajoy, no Congreso © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.