0 Gardados para despois

"O máis grave da nova lei de seguridade xa está conseguido: o medo"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Listas de prohibicións e de condutas potencialmente sancionables inundan este 1 de xullo medios de comunicación e redes sociais. A entrada en vigor da nova lei de seguridade pública, a alcumada como "Lei Mordaza", provoca reaccións que van dende a indignación de diversos movementos sociais ata o aplauso do PP, que a impulsou en solitario, ou de grupos ultraconservadores. Mentres, entre un bo número de profesionais da xudicatura cunde tamén o rexeitamento á nova regulamentación. Este é o caso, por exemplo, de Xuíces para a Democracia, cuxo coordinador en Galicia, Xermán Varela, vai alén da lectura concreta de "cada artigo" para analizar o texto de forma panorámica. O seu principal obxectivo xa está "conseguido", asegura. E non é outro que "o medo".

"O máis grave da lei é o espírito que hai por tras e como xustifica e promociona unh adeterminada visión da orde pública e do exercicio dos dereitos", explica Varela en conversa con Praza Pública. "Alén de artigos concretos", indica o maxistrado, o actual Goberno de España "impón unha visión que entende que unha parte da cidadanía ten que se tratada como inimiga", mudando "de forma completa o modelo de política criminal e a concepción do espazo da segurdade pública". Que un Executivo "considere unha parte da sociedade como inimiga, como un risco, é moi preocupante".

A lei "impón unha visión que entende que unha parte da cidadanía ten que ser tratada como inimiga"

Mesmo tendo en conta que o contido "dalgúns artigos" xa "estaba en leis anteriores", Xermán Varela ten claro que o "realmente grave" é a intención política do aprobado. "Xa conseguiron", por exemplo, "que cando alguén escribe, o faga con medo" a posibles sancións. Trátase, indica, dun "efecto desalento" encamiñado a "provocar que a xente non estea disposta a exercer os seus dereitos fundamentais". E isto, afirma, non é outra cousa que "camiñar cara a un modelo máis próximo a concepcións autoritarias que a concepcións democráticas".

O novo Código Penal 

Dende o punto de vista de Xuíces para a Democracia cómpre analizar a entrada en vigor da 'Lei Mordaza' de forma conxunta coa da reforma do Código Penal. Neste caso, Xermań Varela destaca puntos especialmente preocupante, como a conversión das faltas en delitos leves. Con este movemento, indica, o Goberno non cumpre un dos obxectivos anunciados, a "redución de carga de traballo nos xulgados" e, ao tempo, "agrava as penas" e pon máis persoas en risco de ter antecedentes penais. Isto, di Varela, é unha porta aberta a "etiquetar a cidadanía" para así crear "baremos de risco" e poder "adoptar medidas contra ela" con máis facilidade. "Isto é realmente preocupante", asegura.

O novo Código Penal contribúe "a crear un inimigo externo representante do mal absoluto"

A nova regulación dos delitos de atentado, "equiparando a seguridade privada coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado", ou a extensión dos delitos que poden ser tipificados como terrorismo son, para este colectivo progresista de profesionais da xudicatura, un xeito de crear "un inimigo externo e paradigmático", un "representante do mal absoluto" que "non merece ningún tipo de respecto" e cuxa "mera mención desfai a posibilidade dun debate racional". Etiquetas xenéricas, como "terrorista" ou "delincuente" contribúen a "situar fóra da sociedade" a unha parte da mesma, "negan a condicón de cidadanía" a quen se lles aplican, porque "pasan a ser inimigos".

Chamada á reflexión nas posicións progresistas

Aínda que tanto o novo Código Penal, con medidas como a cadea perpetua revisable, como a nova lei de seguridade son impulsadas polo PP en solitario, Xermán Varela advirte de que "esta utilización de significantes agresivos que impiden debates racionais sobre os problemas delincuenciais" non son, nin de lonxe, "monopolio da dereita autoritaria". Ben ao contrario, "esténdense en moitos discursos". "Mesmo organizacións e persoas progresistas, das que se espera que comprendan as esixencias democráticas do dereito penal e da seguridade pública", di, asumen o "virus de concepcións autoritaristas".

"Mesmo organizacións e persoas progresistas asumen o virus de concepcións autoritaristas" sobre, por exemplo, "a liberdade de expresión"

"Eu -di- chamaría a unha crítica profunda destas reformas pero, sobre todo, a unha reflexión entre as persoas demócratas sobre como concibimos o dereito penal e a seguridade pública". Así, por exemplo, dende unha "posición democrática" non debería caber que "haxa unha reacción social" cando se "persegue, sancionan ou denuncian" declaracións ou afirmacións "de personaxes públicos como Albert Pla ou o cantante de Def con Dos", e que ao tempo "se reclamen sancións contra outras persoas por dicir outras cousas". "Hai que asumir a liberdade de expresión de forma completa, en todo o seu contido", reflexiona. "Quizais -conclúe- deixar de utilizar o dereito penal como arma no propio discurso sen unha reflexión previa permitiríanos enfrontarnos no futuro con este tipo de normas" porque "como dicía Tomás Vives, estar en contra do terrorismo ou doutro actos abxectos é doado e esperable, o máis complicado é ser demócrata".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os sete dereitos fundamentais que limita a 'Lei Mordaza'

Por Raquel Pérez Ejerique

A Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza, entra en vigor este mércores. Non hai xuízo nin xuíces. Son infraccións administrativas con multa asociada, pero non son delitos. Máis aló das sancións estipuladas (podes consultalas aquí), a lei "afecta gravemente a dereitos fundamentais" e a algúns principios xurídicos, segundo expertos consultados. Estas son o cinco puntos máis perigosos, que afectan a sete dereitos fundamentais.

1. A lista negra de infractores

No artigo 43.1, a lei prevé que se cree un Rexistro Central de Infraccións contra a Seguridade Cidadá "a efectos exclusivamente de apreciar a reincidencia". Así como as persoas condenadas por un delito -e condenadas polo xuíz- teñen antecedentes penais, as que cometan unha infracción administrativa -moito máis leve e sancionada por un funcionario, non pola xustiza- tamén quedarán rexistradas. O perigo reside en que se estigmatice a estas persoas "co obxectivo de criminalizalos ou mesmo detelos máis tarde", explica a avogada Isabel Elbal. Esta lista vaina ter o Ministerio de Interior. Iso si, ten caducidade: os datos persoais do infractor cancelaranse entre o ano e os tres anos, dependendo da gravidade do acto cometido.

-Pode vulnerar o dereito fundamental á non discriminación por ideoloxía política, xa que quedan sinalados e listaxes unha serie de cidadáns pola súa disidencia, no caso das manifestacións.

2. O que diga o policía vai á misa

O artigo 25 regula "o valor probatorio das declaracións dos axentes da autoridade". E é moi alto. O que digan os axentes que presenciasen os feitos constitúe "base suficiente" para a multa, di a lei. É dicir, que pesa máis a palabra do policía que do afectado, algo que rompe o principio de igualdade procesual. En procesos penais a equidade si está garantida porque hai un xuíz independente que decide sobre as probas.

-Afecta ao dereito de defensa e a presunción de inocencia.

3. Pero, de que se me acusa?

A redacción da lei está chea de "conceptos xurídicos indeterminados", confirma a experta Elbal. A consecuencia é que o cidadán non ten a seguridade de que é punible e que non. Entón ábrese unha ampla marxe de manobra para as forzas e corpos de seguridade do Estado. Nesta lei "hai un poder policial desmedido de vixilancia e control", expón a avogada. Por exemplo, cando dá marxe á Policía para actuar cando os actos "non constitúen delito" -se fosen delito abriríase un proceso xudicial-. Di Elbal que iso non ten sentido: "Ou algo é delito ou non é nada".

"Hai un poder desmedido de vixilancia e control; ou algo é delito ou non é nada"

Entre as ambigüidades, por exemplo, o artigo 36.2: será infracción moi grave -até 600.000 euros- "a perturbación da seguridade cidadá" no Congreso, o Senado e as cámaras autonómicas aínda que os edificios estean baleiros. Que é perturbar a seguridade cidadá? Interromper un pleno, protestar á porta, cortar a rúa, berrar? A lei non o define. Outra actitude punible é a "falta de respecto e consideración" a un policía. É iso un insulto, un mal xesto, ou só unha agresión? Non se determina. Tamén prevé multa para organizadores e promotores de manifestacións non autorizadas. Inclúe ese concepto ao que tuitee a convocatoria? Estar na cabeceira da protesta? A lei engade de remate que se pode considerar promotor por "calquera outros feitos".

-Afecta ao principio de seguridade xurídica

4. Identificación e cacheos 'preventivos'

A Policía poderá pedir a identificación ante "indicios" ou para "previr a comisión dunha infracción", segundo o artigo 16. Entre as funcións policiais está a de prevención do delito. "A que non está contemplada é a prevención de sancións administrativas, pois estariamos a entrar directamente no ámbito do dereito preventivo para vixiar a grupo de persoas consideradas perigosas pola súa disidencia", interpreta Isabel Elbal.

Os axentes poderán levar a comisaría por 6 horas ao cidadán no caso de que se negue a dar o seu DNI

Os axentes poderán levar a comisaría por 6 horas ao cidadán no caso de que se negue a dar o seu DNI. O texto justifica que o obxectivo é identificar á persoa na comisaría se non se pode facer por outros medios. Ademais, permite realizar cacheos tamén cando existan "indicios" de que a persoa porte algo perigoso. A propia Defensora do Pobo critica esta parte da norma e recomenda "para impedir calquera extralimitación policial e garantir o dereito fundamental á intimidade, reforzar o inmediato control xudicial e da fiscalía sobre os rexistros corporais externos".

-Afecta ao dereito fundamental á intimidade e á liberdade persoal

5. Os policías pódente gravar; ti a eles non

O artigo 36.23 establece multas por difundir imaxes ou datos persoais ou profesionais dos axentes de Policía se poden "pór en perigo a seguridade persoal ou familiar do axente". Quen decide se hai perigo ou non? Como se combina isto coa gravación se algún policía se extralimitase? As precaucións cos cidadáns son menores. Os axentes si poderán gravar ás persoas "de acordo coa lexislación vixente na materia". Sen ningún pero nin condicionante nin xustificación para facelo.

-Afecta ao dereito á información porque o dereito a informar non é matizable nunha lei administrativa senón no Código Penal. Tamén afecta ao dereito de defensa e utilizar os medios de proba pertinentes.