Unha "resolución contraria a dereito". É a consideración que o xulgado do contencioso administrativo número dous da Coruña outorga á multa de 800 euros imposta ao abeiro da lei mordaza a unha muller que, en xuño de 2017, participou nunha das manifestacións contra o desaloxo do 'Centro Social Ocupado Escárnio e Maldizer', en Santiago. Foi, concretamente, na mobilización do día 10 daquel mes, cando unha marcha de protesta acabou derivando nun intento de ocupación simbólica do antigo colexio Peleteiro, no Ensanche da cidade, e nunha sentada reivindicativa ante este edificio. A multa tivo a súa orixe nesa sentada e agora foi anulada.
Segundo a sentenza -contra a que só cabe recurso de casación-, que vén de ser notificada e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o 1 de setembro do pasado ano a Subdelegación do Goberno na Coruña formalizou a proposta de sanción contra a manifestante baseándose na información transmitida pola Policía, que naquela xornada realizou un amplo despregamento de unidades antidisturbios na capital galega. A acusación policial fundamentábase nunha suposta negativa a atender a orde de identificarse, así como a desaloxar a rúa, o que encaixaría no artigo 36.6 da devandita lei.
O xuíz conclúe que non se produciu desobediencia e negativa nin identificarse na sentada ante o vello colexio Peleteiro, como afirmou a Policía, e anula a multa por considerala contraria a dereito
No entanto, o xuíz considera que tras examinar "os feitos relatados" e mais a documentación relativa ao sucedido, "a orde non foi individualizada en modo ningún", senón xenérica, e aínda así "foi cumprida no que atinxe ao abandono da vía". Non houbo, daquela, desobediencia nin negativa a identificarse, resalta.
Efectivamente, ratifica a sentenza, "produciuse a ocupación dun ben privado, o edificio do antigo colexio Peleteiro", pero "esa acción, no seu caso, poderá ser susceptible dunha tipificación distinta", así como "os restantes feitos" que a Policía "describe", tales como "berros e insultos ás forzas de seguridade" ou "material atopado" polos axentes. Esas circunstancias poden ser avaliadas noutro procedemento no que, salienta a sentenza, "deberían ponderarse" ademais elementos como a "preferencia do exercicio de dereitos e liberdades fronte a un concepto amplo e expansivo da orde pública". Pero, en calquera caso, "ningún destes feitos é, dende logo, punible en sede administrativa" ao abeiro do artigo 36 da lei de seguridade cidadá, a lei mordaza, que é o invocado neste proceso.
Deste xeito, e dado que o xulgado non pode mudar "a cualificación e tipificación dos feitos" nos que se baseou a sanción, o xuíz coida que o recurso interposto polo avogado Pablo No no nome da muller sancionada debe ser estimado de maneira "íntegra", toda vez que a resolución na que se apoiou a multa foi "contraria a dereito". Por todo isto a multa é anulada e a Subdelegación do Goberno na Coruña, condenada a asumir as costas do proceso por un importe de ata 400 euros, o equivalente ao pagamento efectivo da sanción por pronto pagamento.