Outra marcha contra o desaloxo dun centro social remata con cargas policiais en Compostela

Antidisturbios durante a protesta en Compostela CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Cargas policiais, tensión, dous detidos e varios identificados. Ese foi o balance tras a marcha na que máis de medio milleiro de persoas protestaron este sábado en Compostela de novo polo desaloxo dun centro social ocupado -o Escárnio e Maldizer da zona vella- hai tan só uns días. A entrada de varios dos manifestantes na antiga sede do colexio Peleteiro, agora abandonado, aumentou a tensión dunha protesta que discorrera sen incidentes. Os axentes antidisturbios cargaron contra as persoas que protexían a entrada e logo contra os que se mantiñan no interior e que denuncian que foron acurralados. 

A policía cargou para desaloxar as persoas que entraran no antigo colexio Peleteiro e as que se mantiñan concentradas ás portas

A marcha non fora notificada e os axentes policiais impediron aos arredor de 700 manifestantes acceder á zona vella, á que se dirixían tras saír da Alameda compostelá. A manifestación transcorreu sen problemas polo Ensanche, vixiada constantemente por un cento de antidisturbios e un helicóptero que sobrevoaba a zona. 

Sobre as dez da noite, unhas cen persoas aproveitaron o paso pola rúa República Arxentina para entrar nas antigas instalacións do colexio Peleteiro, abandonado desde hai unha década, ao berro de "un desaloxo, outra ocupación". Logo dunha asemblea no interior, a metade dos presentes saíron pero o resto quedou dentro e varios centos de manifestantes permanecían concentrados fóra. 

Foi daquela cando se disparou a tensión. Varios furgóns policiais e mesmo axentes non uniformados desprazáronse á zona para levar a cargo unha primeira carga e dispersar os que se concentraban ás portas do Peleteiro. Parte dos manifestantes marcharon cara a outras rúas do Ensanche, onde se produciu outra carga e mesmo se dispararon bólas de goma, e outra permaneceu sentada ás portas do antigo recinto educativo. 

Axentes antidisturbios lanzaron botes de fume para entrar no colexio Peleteiro

A policía desaloxou un a un aos que estaban sentados -tamén golpeando coa súa porra se había resistencia- para logo lanzar botes de fume ao interior e acceder dentro coa axuda dos furgóns policiais ou escaleiras. Os que permanecían dentro foron desaloxados e identificados -segundo algún implicado mediante cargas- e parte deles foron trasladados a dependencias policiais, das que varios saíron mentres 200 persoas permanecían concentradas fóra. Foron, finalmente, máis dun cento os identificados en total. Pasada a unha da madrugada, o helicóptero policial continuaba sobrevoando a cidade

Antes da carga no interior do Peleteiro, axentes da policía -tamén algún de paisano- apartou a prensa, mesmo con empurróns, esixindo insistentemente aos xornalistas algún carné que os acreditara como traballadores de medios de comunicación. Finalmente, os dous detidos foron postos en liberdade con cargos e os altercados non provocaron ningún dano no mobiliario urbano. 

A manifestación celebrada este sábado é a terceira convocada polo colectivo okupa logo do desaloxo e tapiado do centro social Escarnio e Maldizer levado a cabo o pasado 30 de maio por orde xudicial. Xa naquel mesmo día, unha protesta rematara con cargas policiais e algunha detención. 

Marcha de protesta polas rúas de Compostela CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Marcha contra o desaloxo en Compostela CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.