A Dirección Xeral da Policía, dependente do Ministerio do Interior, confirmou este martes a destitución de Estíbaliz Palma como comisaria provincial de Pontevedra. Fíxoo pouco despois de que o xornal elDiario.es publicase en exclusiva unha gravación na que Palma, durante unha homenaxe a un axente gravemente lesionado durante unha manifestación en Catalunya, que a "algunhas" mulleres lles "gustaría que as violase" un policía antidisturbios.
"Impulsar a igualdade, apoderar á muller é un dos nosos obxectivos", afirmou a comisaria agora destituída en vésperas do 8M do pasado ano
As palabras da comisaria agora destituída producíronse o pasado 11 de marzo deste 2022. Segundo a información de elDiario.es, pronunciounas no restaurante de Vigo onde foi organizada unha homenaxe ao devandito axente, que se viu obrigado a xubilarse polas secuelas das feridas que sufriu hai tres anos. Palma, que dende que asumiu o cargo se comprometeu a impulsar a igualdade dende o corpo policial e combater o machismo no seu seo, deu en glosar a impresión que, ao seu xuízo, tivo a opinión pública sobre a actuación dos antidisturbios fronte ao proceso independentista catalán.
"Houbo 48 horas en que parecía que a Policía Nacional se transformara e, de súpeto, violaba, maltrataba e non sei cantas cousas máis, que xa lles gustaría a algunhas que as violase un UIP", un antidisturbios, sinalou entre risos da concorrencia. Na gravación escóitase unha advertencia dun dos presentes para que quen gravaba deixase de facelo.
No mesmo discurso revelado por elDiario.es, a comisaria explica que o seu anterior destino foi o municipio madrileño de Pozuelo de Alarcón, "unha praza nacional, non republicana"
Previamente referírase á parella do axente ferido para eloxiala. Sobre ela dixo que "hai un dito que di que por tras dun gran home hai unha boa muller", se ben "dentro de pouco será por tras dunha boa muller hai un bo home" ou "ben outra muller, ou un fluído", chanceou. "Elles, elles", respondeu alguén dende a concorrencia.
Estíbaliz Palma chegou a Pontevedra como comisaria xefa en 2019. Procedía da localidade madrileña de Pozuelo de Alarcón, onde tamén exercía como comisaria. A ese concello madrileño, coñecido pola súa alta renda per cápita e un electorado maioritariamente de dereitas, tamén se referiu no controvertido discurso. Pozuelo é "unha praza nacional, non republicana", ilustrou, en referencia ao bando fascista autor do golpe de Estado en 1936, e por iso era "un ámbito estupendo cando dabas unha charla".
Dende a súa chegada ao posto en Pontevedra -recentemente aprobou o ascenso a comisaria principal, segundo a mesma información de elDiario.es- foi sinalada dende diversas institucións como un exemplo do avance en materia de igualdade de xénero, da que ela mesma fixo bandeira como responsable da área de muller nun sindicato policial e tamén xa dende o seu cargo en Pontevedra. Así, por exemplo, en declaracións á Cadena COPE en vésperas do 8M de 2021, tras unha xuntanza coa presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a existencia de "condutas individuais machistas na Policía" como "en todas as contornas profesionais". "Pero, como institución, impulsar a igualdade e apoderar á muller é un dos nosos obxectivos", remarcou daquela.
Unha vez feito público o cesamento, o delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, considerou en declaracións aos medios que "non hai escusas nin xustificación" para estas declaracións "intolerables". "Só hai unha linguaxe válidade, a da igualdade", remarcou, antes de considerar que "actuar con celeridade" como neste caso "é o que temos que facer".