O presidente do Goberno de España en funcións, Pedro Sánchez, fixo este luns unha visita dunhas poucas horas a Barcelona para expresar de primeira man o apoio do seu Executivo aos axentes da Policía Nacional que actuaron durante a semana de altercados. Sánchez acudiu primeiro á comisaría de Vía Laietana e, posteriormente, a dous hospitais onde hai policías feridos para os visitar. Antes do mediodía, o líder do PSOE abandonou a capital catalá e a viaxe deuse por finalizada sen reunirse con ningunha autoridade política catalá de institucións diferentes ao seu propio Goberno.
A primeira parada de Sánchez foi o edificio da Xefatura da Policía Nacional, na Vía Laietana, un dos principais obxectivos das protestas e tamén un dos albos dos grupos que, alleos ás grandes plataformas independentistas, protagonizaron disturbios nos últimos días. O venres foi a xornada máis dura nas inmediacións do edificio, con fortes incidentes durante varias horas durante os cales se produciron a maioría de axentes do corpo feridos, incluíndo un Policía Nacional de orixe galega que continúa na UCI cun traumatismo cranioencefálico grave.
Nun dos hospitais a dirección optou por non recibir a Sánchez ao considerar "privada" a súa visita por interesarse polo estado dos axentes feridos pero non polo de persoas tamén ingresadas con feridas por mor da acción policial
Durante a visita á comisaría xunto ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, Pedro Sánchez reuniuse con varios mandos da Policía Nacional para transmitirlles "o seu apoio e o orgullo de contar con eles", e eloxiou "o seu traballo e o seu esforzo por manter a seguridade e a convivencia, e reiteroulles que non están sós", segundo a nota de prensa distribuída desde a Presidencia do Goberno.
De aí Sánchez desprazouse a dous hospitais, o Sant Pau e Sagrat Cor, co obxectivo de visitar a algúns dos policías feridos. Sánchez non tivo problemas para levar a cabo a súa axenda prevista no Sagrat Cor, de titularidade privada, onde se puido ver coa dirección do centro. Pero si no Sant Pau, onde a dirección preferiu non recibilo ao considerar que facía unha "visita privada". Así o consideraron porque Sánchez foi ver unicamente a un axente da Policía Nacional lesionado nas protestas, e non ao outras persoas feridas nas protestas -entre elas, persoas afectadas polas cargas policiais- que tamén están ingresadas no mesmo centro.
Persoal dun dos hospitais protestou contra a visita de Sánchez
Ademais, ao abandonar ese centro hospitalario, un grupo de traballadores apuparon e gritaron consignas a Sánchez e a súa comitiva, cando este abandonaba o hospital por unha porta traseira, para evitar ao groso dos manifestantes que se atopaban ante o edificio. Sanitarios e outras persoas corearon "liberdade presos políticos" e "pouca vergoña" ao paso de Sánchez e o seu dispositivo de seguridade.
O presidente do Goberno central en funcións abandonou Barcelona sen reunirse con ningunha autoridade política catalá allea ao Executivo central. Evitou así ter contacto directo co presidente da Generalitat, Joaquim Torra, a quen remitira horas antes unha carta respondendo ás súas peticións dunha xuntanza rexeitando ese encontro. Non o fará mentres o líder catalán non "condene a violencia de forma rotunda" e exerza a obriga de "amparar as forzas de seguridade que a combaten", algo que para o líder do PSOE, Torra non está a facer.
O presidente do Goberno central en funcións abandonou Barcelona sen manter contacto con ningunha autoridade catalá, mentres Torra respondía á súa carta pedíndolle falar e lembrándolle que o chamou "dúas veces e non non quixo contestar"
O presidente catalán respondeu, á súa vez, con outra misiva. Nela lémbralle a Pedro Sánchez que durante a fin de semana o chamou por teléfono "dúas veces e non quixo contestar". "Paréceme que non é un bo signo de vontade de diálogo", lamenta Torra, que convida a Sánchez a falar "sen condicións" e a reflexionar sobre as "obrigas dun bo gobernante", tales como "respectar os dereitos humanos, civís e políticos", favorecer "a expresión democrática dos cidadáns" e procurar "saídas democráticas e pacíficas" a conflitos políticos como o catalán. No mesmo escrito Torra emprazaba a Sánchez a un encontro presencial "aproveitando que soubemos a través dos medios de comunicación da súa visita a Catalunya".
Esa xuntanza non se produciu e tampouco houbo contacto oficial ningún co máximo responsable da Generalitat. O Goberno de España si admite, non obstante, que o pasado venres Pedro Sánchez conversou telefonicamente coa alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, e mais coa presidenta da Deputación de Barcelona, a socialista Núria Marín. Segundo informaba este luns TV3, tamén hai outra canle de diálogo aberta entre a vicepresidenta do Goberno de España en funcións, Carmen Calvo, e o vicepresidente da Generalitat, Pere Aragonés, a quen continúa considerando como interlocutor válido, sinala a canle pública catalá.