Disturbios tras as manifestacións contra a sentenza do procés levan o Goberno central a falar de "violencia xeneralizada"

Intervención policial durante os incidentes en Barcelona na noite do 15 de outubro de 2019 CC-BY-SA Sònia Calvó / eldiario.es

Miles de persoas encheron por segundo día as rúas de vilas e cidades catalás para mostrar o seu rexeitamento á sentenza do Tribunal Supremo que condenou os líderes independentistas a entre 9 e 13 anos de cárcere. Tras as marchas, o serán desembocou en fortes incidentes graves nas proximidades da Delegación do Goberno central de Barcelona. Mossos d'Esquadra e Policía Nacional cargaron contra encapuchados que montaran barricadas e incendiaran colectores para tentar pasar as barreiras policiais que mantiñan blindado o edificio.

Os incidentes desencadeáronse tras unha protesta pacífica de Òmnium e ANC contra a sentenza, secundada por milleiros de persoas

Os incidentes desencadeáronse despois dunha protesta pacífica de Òmnium Cultural e a ANC. Miles de persoas clamaron portando candeas pola  "liberdade dos presos políticos" e berraron "fóra as forzas de ocupación". Voluntarios de Òmnium Cultural, entidade convocante da protesta xunto coa ANC, recomendaban aos concentrados abandonar o Passeig de Gràcia e trasladarse a outros puntos para evitar as cargas policiais cando estas comezaban.

Protesta da ANC e Òmnium, antes dos incidentes, este 15 de outubro CC-BY-SA ANC

No entanto, a parte alta do Eixample de Barcelona foi tornando contra o serán en batalla entre algúns manifestantes e axentes dos Mossos d'Esquadra. Grupos de persoas prenderon lume a barricadas e intensificaron os lanzamentos de obxectos contra os axentes, mentres que estes pasaron das cargas ao disparo de salvas.Varias columnas de furgóns do dispositivo conxunto das policías desprazáronse até a zona dos altercados. Alí tentaron dispersar os disturbios mediante a técnica do carrusel, consistente en avanzar cos vehículos a gran velocidade a cara ás persoas para que estas corran. 

Reacción do Goberno central e dos líderes encarcerados

Contra a media noite, cando diversos medios de comunicación amosaban imaxes de fogueiras en varios puntos de Barcelona, o Goberno central emitía un comunicado no que elevaba á categoría de "violencia xeneralizada" as protestas en Catalunya. No texto condena os disturbios e  advirte de que actuará con "firmeza" e "proporcionalidade" para garantir "a seguridade e a convivencia".

Contra a media noite, cando se repetían as imaxes das fogueiras e disturbios en Barcelona, Moncloa emitiu un comunicado no que falaba de "violencia xeneralizada", pero matizando que a "coordinación" cos Mossos é "moi positiva"

"Unha minoría está a querer impoñer a violencia nas rúas das cidades catalás, especialmente Barcelona, Tarragona, Girona e Lleida. A violencia desta noite está a ser xeneralizada en todas as protestas", sinala a nota difundida por Moncloa pasadas as 23 horas, na que considera "evidente" que "non estamos ante un movemento cidadán pacifico, senón coordinado por grupos que utilizan a violencia na rúa para romper a convivencia en Catalunya", mediante "ataques" a instalacións gobernamentais.

O gabinte de Pedro Sánchez avisa de que garantirá "a seguridade e a convivencia en Catalunya" co "compromiso de firmeza, proporcionalidade e unidade" pero introduce un matiz. Mentres as forzas da dereita o instan a intervir o control dos Mossos d'Escuadra mediante a Lei de Seguridade Nacional, o comunicado "recoñece" abertamente "o labor das forzas e corpos de seguridade de Estado, algúns de cuxos axentes resultaron feridos os disturbios, e valora de maneira moi positiva a coordinación e traballo conxunto entre Mossos, Policía Nacional e Garda Civil".

A primeiras horas deste mércores, e mentres diversos ministros ofrecían entrevistas en medios de comunicación reclamando unha "condena da violencia" explícita por parte da Generalitat, Moncloa anunciaba encontros bilaterais de Pedro Sánchez cos líderes do PP, Ciudadanos e Unidas Podemos. Ao tempo, as contas nas redes sociais dos líderes encarcerados difundían unha mensaxe: "Todo o apoio ás mobilizacións e ás marchas masivas e pacíficas. Ningunha violencia nos representa", afirman.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.