A resposta á sentenza do Supremo que condenou a entre 9 e 13 anos de cadea aos líderes independentistas cataláns provocou dez horas de bloqueo, mobilizacións e enfrontamentos no aeroporto de El Prat. Foi o epicentro das manifestacións deste pasado luns, impulsadas polo colectivo Tsunami Democràtic, que anunciou xa novas accións, e acabou con máis de 130 persoas atendidas polos servizos sanitarios.
Houbo duras cargas por parte dos Mossos e da Policía Nacional que provocaron que 24 persoas foran trasladadas a centros hospitalarios. Un deles sufriu unha lesión ocular que lle provocou que perdese un ollo tras unha ferida que, segundo o hospital onde foi atendido, é "compatible" co impacto dunha bala de goma, aínda que non se confirmou se este instrumento antidisturbios foi a causa. Outro dos feridos sufriu unha afectación nun testículo que, a falta de confirmación oficial, púidolle custar tamén a súa perda.
As cargas policiais no aeroporto de El Prat provocaron que máis de 130 persoas fosen atendidas por sanitarios; un dos manifestantes perdeu un ollo
As mobilizacións non se detiveron este martes e, aínda que menos multitudinarias, mantiveron cortadas varias estradas durante horas en distintos puntos de Catalunya, así como a Gran Via de Barcelona. Houbo cortes puntuais na A-7 en Tarragaona, na AP-7 en Girona ou na C-25 á altura de Gurb.
Para a tarde, a ANC e Òmnium convocaron a unha sentada fronte á Delegación do Goberno, blindada polas forzas de seguridade, ás 19 horas e os CDR chaman a acudir a este punto en columna desde Passeig de Gràcia. Tamén se promove que a cidadanía queu participou nas mobilizacións do 20-S ou do 1-0 de 2017 se "autoinculpen" nos xulgados.
Ademais das protestas que se prevén durante toda esta semana, os sindicatos Intersindical-CSC eIntersindical Alternativa de Catalunya (IAC) ratificaron a convocatoria dunha folga xeral para o venres baixo o lema Polos dereitos e as liberdades e que irá acompañada dunha gran manifestación á tarde desde Gràcia.
Mentres as mobilizacións continúan, o Govern catalán mantense nunha difícil postura: a de alentar as protestas e enviar os Mossos para evitar altercados e defender as cargas. Así, a Generalitat apoiou este martes o bloqueo dos accesos ao aeroporto e dixo "comprender a rabia da xente", tal e como afirmou a consellera de Presidència, Meritxell Budó.
O Govern defende as mobilizacións pero tamén as cargas dos Mossos, que xustifica para impedir que a xente fose acusada de sedición
A consellera asegura que o Govern non sabía que a intención era ocupar o aeroporto e defende as cargas dos Mossos contra os manifestantes para evitar que fosen acusados de sedición no caso de ocupar as pistas do aeródromo.
Ademais, o Departamento de Interior da Generalitat anunciou tamén que investigará os mossos que arrastraron un manifestante enriba dun furgón policial durante as mobilizacións no aeroporto.
Esas mobilizacións en El Prat foron convocadas por Tsunami Democràtic, unha entidade que está a ser investigada polo Goberno central, segundo asegurou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. "Por suposto que hai investigacións, temos uns servizos de intelixencia eficaces e terminaremos sabendo quen está detrás destes movementos do Tsunami Democràtic", dixo.
Os antidisturbios da Garda Civil permanecerán en Catalunya ata o vindeiro 1 de novembro
Por outra banda, e ante a previsión de novas e diferentes mobilizacións nos vindeiros días, a Dirección Xeral da Garda Civil ordenou a suspensión das vacacións e permisos dos axentes do instituto armado destinados en Catalunya desde este luns e ata o vindeiro 31 de outubro.
A presenza destes antidisturbios ata novembro débese á necesidade de "aumentar a capacidade operativa e de resposta das unidades de reserva" e pretende "garantir a seguridade cidadá e o libre exercicio dos dereitos e liberdades", segundo explica o director xeral da Garda Civil, Félix Azón, na circular difundida.