A STS nº 459 da Sala 2ª, do 14 de outubro do 2019, vai camiño de acadar triste celebridade internacional. Non é esta unha sentenza calquera. Non é unha resolución xudicial que caiba analizar en puros termos técnicos e acatar, sen máis, como expresión normal de xustiza democrática. Non é posible retomar o día a día como se nada anómalo acontecese.
Pola gravidade das penas de prisión coas que se condenan aos ex-membros do Govern catalán e aos presidentes de Òmnium Cultural e da Assemblea Nacional Catalana, todos eles lexítimos representantes políticos democráticos da sociedade catalá; pola inconsistencia dos feitos declarados probados; polas intensas distorsións da tipicidade, proporcionalidade e taxatividade penal do delito de sedición, que evocan poderosamente a actividade represiva do Tribunal de Orden Público franquista; en definitiva, polas futuras consecuencias desta doutrina penal sobre o exercicio dos dereitos fundamentais en España, esta sentenza marca un antes e un despois na propia democracia española inaugurada en 1978.
Recoñecidos xuristas están xa inventariando os excesos xurídico-penais sobre os que, ao longo das súas 493 páxinas, se basean os argumentos da sentenza
Recoñecidos xuristas están xa inventariando os excesos xurídico-penais sobre os que, ao longo das súas 493 páxinas, se basean os argumentos da sentenza. Tempo teremos de ir afinando esta análise técnica. Mais, alén do anterior, é urxente reflexionarmos sobre o que esta sentenza vai significar no contexto da crise constitucional catalá.
A sentenza é un testemuño máis, sen dúbida ben senlleiro, de até que punto as estruturas e actores fundamentais do Réxime do 78 –a banca, a Monarquía, os grandes partidos estatais– están dispostos a degradar as institucións garantistas básicas dunha democracia con tal de manter intacto o statu quo “constitucional”.
Desde hai demasiados anos, a resposta perante a lexítima demanda democrática dun marco político distinto para Cataluña vén sendo a intransixencia. Unha intransixencia disfrazada con roupaxes xurídicas cínicas. Malia existir moi variadas alternativas de encauzamento desta crise dentro da propia Constitución, as elites españolas dominantes están a impor unha inasumible versión regresiva, puramente defensiva e esclerotizada do Dereito constitucional en vigor.
Nela, os instrumentos de excepción son normalizados ao servizo dunha concepción autoritaria e centralista do modelo de descentralización territorial. Velaí a doutrina das STC 89 e 90/2019 sobre a validez do uso do artigo 155 da Constitución: unha doutrina que permite un uso practicamente á carta dunha potestade excepcional, que debería estar rodeada de moitas máis cautelas e garantías nun Estado democrático que garantise a autonomía dos seus territorios.
O delito de sedición, outro residuo da nosa tradición máis autoritaria, foi aplicado expansivamente a unhas situacións que non deixan de ser expresión do exercicio dun dereito fundamental, o de reunión e manifestación
Velaí a exportación do Dereito Penal do Inimigo terrorista vasco contra o independentismo democrático catalán. Isto debe preocuparnos – e moito – a todos os demócratas dos distintos territorios do Reino. Delitos tan imaxinarios como graves – o delito de rebelión– foron impunemente invocados para suprimir o dereito fundamental dos procesados e procesadas ao xuíz ordinario predeterminado pola Lei (artigo 24.2 CE), levando a xurisdición aos estratos máis politizados da carreira xudicial. Ese mesmo delito de rebelión serviu para suprimir o dereito fundamental ao acceso aos cargos públicos electos por parte dos reos.
Pola súa parte, o delito de sedición, outro residuo da nosa tradición máis autoritaria, foi aplicado expansivamente a unhas situacións que non deixan de ser expresión do exercicio dun dereito fundamental, o de reunión e o de manifestación. A cualificación como alzamento tumultuario a efectos penais da concentración diante da sede da Consellería de Economía catalá o 20 de setembro do 2017, e da resistencia pasiva do 1 de outubro, é puro decisionismo político revestido de purpurina xurídico-penal. Quizá sexa esa a mensaxe de intolerancia fronte á disidencia democrática que se pretende acuñar. Por se non fosen suficientes a Lei de Seguridade Cidadá, a Lei de Seguridade Nacional e o artigo 155, de aquí en diante será a pura decisión subxectiva da Autoridade (sexa gobernativa, sexa o ministerio fiscal, sexa un xuíz de instrución), a que cree de seu a realidade penal a partir da simple disidencia política expresada a través das canles que toda democracia recoñece.
O Reino de España atravesa unha profunda crise política, que se superporá a unha nova fase de reconfiguración do capitalismo transnacional global
Este proceso de criminalización da discrepancia democrática catalá responde probablemente á necesidade de creación dun inimigo interior, funcional aos requirimentos de cohesión social que toda sociedade en crise demanda. O Reino de España atravesa unha profunda crise política, que se superporá a unha nova fase de reconfiguración do capitalismo transnacional global. Neste escenario, onde a correlación de forzas parlamentares dificulta a existencia dun goberno sólido e onde a promesa de recuperación económica será cada vez máis cínica, o pobo catalán independentista é a minoría perfecta escollida para focar as iras da Feliz Gobernación. A súa represión seguirá a alimentar as esencias da cultura de dominación política que Franco herdou, perfeccionou durante 37 anos, e finalmente legou a boa parte da dirixencia implicada na redacción da Constitución de 1978.
As demócratas galegas debemos ter claro que o que está en xogo no escenario catalán é tamén, en boa medida, o futuro das nosas liberdades.