As marchas contra a sentenza do procés conflúen nunha mobilización masiva en Barcelona

Unha das manifestacións en apoio aos líderes independentistas encarcerados este 18 de outubro CC-BY-SA Sònia Calvó / eldiario.es

A folga contra as condenas aos líderes do procés mobilizou este venres a miles de persoas por toda Catalunya. Desde primeira hora da mañá, piquetes e CDR cortaron decenas de estradas, mentres unha multitude avanzaba cara á capital catalá desde as cinco columnas das Marchas pola Liberdade, as mobilizacións convocadas por ANC e Òmnium que rematan nesta xornada de folga, convocada polos sindicatos independentistas.

O seguimento do paro laboral convocado polos sindicatos Intersindical CSC, IAC e Ustec-stes é desigual, segundo os datos da Generalitat. Entre o funcionariado acadou o 30%, elevouse ao 43% na educación pública e quedou no 25% na sanidade pública. Entre os colectivos laborais  máis mobilizados destacou durante a mañá o dos estibadores do Porto de Barcelona, que xa o martes anunciaran que se sumarían en pleno a este paro

Na xornada de folga, con seguimento desigual en función dos sectores, a imaxe máis rechamante é a das masivas 'Marchas pola liberdade' chegando a Barcelona

En Mercabarna, a gran central de mercadorías que adoita ser un dos termómetros das folgas, a actividade quedou afectada. O mercado do peixe, o que adoita manter sempre a actividade, contou cun 90% de almacenistas pero só un 15% de retallistas -os compradores-. No matadoiro, sacrificouse un 40% do habitual, e fontes de Mercabarna informaron que a venda de froita, que empeza ás 9 horas, tiña só un 20% de paradas abertas.

Chegan as 'Marchas pola liberdade'

Alén dos paros laborais e a súa incidencia por sectores, unha das imaxes máis impactantes da xornada é xa a de ducias de milleiros de persoas a chegar a Barcelona despois de tres días andando nas Marchas pola Liberdade, convocadas pola ANC e Òmnium. De feito, estas multitudinarias manifestacións foron as responsables de boa parte dos cortes de estradas estes días, como a AP-7 en Girona ou a A-7 en Tarragona.

As marchas chegan á capital catalá despois de tres días avanzando dende cinco puntos diferentes da xeografía catalá. Segundo a Garda Urbana barcelonesa, na manifestación congregáronse "arredor de 525.00 persoas"

Mentres uns 13.000 estudantes se manifestaban por segunda xornada consecutiva contra a sentenza, as masivas columnas anegaban avenidas da capital catalá compostas por persoas de idades, profesións e condicións moi diferentes. Tamén participan familias enteiras. É o caso de Fàtima, veciña de 47 anos de Parets do Vallès, a mesma poboación do ex-conseller encarcerado Jordi Turull, que participou en treitos da marcha de tres días co seu marido e os seus dous fillos. "Teño a pel de galiña", confesa mentres entra pola avenida Meridiana de Barcelona. "O ambiente é xenial, a xente é moi amable e colaborativa", destaca Fàtima.

Nun ambiente reivindicativo e festivo, os manifestantes da columna que entrou pola Avenida Meridiana gritaban pola liberdade dos presos, cantaban cancións reivindicativas e planeaban que farán até as 17h. Apenas hora e media despois do inicio da mobilización a Garda Urbana barcelonesa ofrecía os primeiros datos de participación e cifraba a asistencia en "arredor de 525.000 persoas".

Incidentes en rúas alleos á masiva marcha

Xa sexa polas marchas ou polos piquetes da folga, en total ao mediodía había en Catalunya unhas 25 vías rodadas afectadas. En Barcelona, a pesar de que o transporte público funcionou con relativa normalidade sobre a base dos servizos mínimos, os piquetes dos CDR cortaron varias rúas. Nesas horas si se produciron incidentes e cargas policiais en puntos como as inmediacións dunha comisaría na Vía Laietana. 

Nesa contorna os disturbios continuaron durante a tarde, mentres se desenvolve sen incidentes a masiva marcha da ANC e Òmnium. Cando os disturbios recruaron, volveron as cargas policiais.

Cordón policial durante os incidentes na Vía Laietana de Barcelona, este 18 de outubro CC-BY-SA Sònia Calvó / eldiario.es

Tamén durante a entrada das Marchas en Barcelona, miles de persoas secundaban unha manifestación independentista ante a catedral da Sagrada Familia. Persoas de todas as idades respondían á convocatoria PicnicxRepublica, pediron a liberdade dos presos políticos e berraban consignas como "1 de outubro, nin esquecemento nin perdón". Prevese que todos estes colectivos conflúan na gran manifestación da tarde, cuxa asistencia é xa equiparable ás Diadas máis concorridas. 

Investigación da Audiencia a Tsunàmi Democrátic

Puigdemont quedou en liberdade en Bélxica, aínda que con prohibición de abandonar ese país

Mentres as mobilizacións se desenvolven continúan os movementos xudiciais a respecto de Catalunya en dúas frontes. En Bélxica o ex-presidente da Generalitat Carles Puigdemont ficaba en liberdade, aínda que con prohibición de abandonar ese país, tras comparecer ante a xustiza en resposta á euroorde que volveu emitir o xuíz Llarena contra el, agora por sedición e malversación e non por rebelión, como tentara anteriormente.

Ao tempo, dende a Audiencia Nacional outro xuíz, Manuel García Castellón, daba orde de pechar o sitio web da plataforma Tsunami Democràtic como parte dunha investigación deste colectivo, orde que cando menos inicialmente deu esquivado mediante o emprego de novos dominios.  Segundo fontes xudiciais, o maxistrado procura indicios para acusar a plataforma de "terrorismo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.