Fixéronse longas en Catalunya as 96 horas que transcorreron desde que o luns o Tribunal Supremo ditou a sentenza do xuízo contra os dirixentes independentistas, condenados a entre 9 e 13 anos de cárcere. Catro días nos que as mobilizacións foron masivas, tanto nas concentracións puntuais como nas marchas que saíron de diferentes puntos do territorio en dirección a Barcelona. Pero a semana tamén deixou, noite tras noite, disturbios no centro das principais cidades catalás, cos focos especialmente situados nas rúas barcelonesas.
Este venres é o punto clave de toda a semana. Cunha folga convocada polos sindicatos independentistas, as 'Marchas pola Liberdade' da ANC e Òmnium confluíndo en Barcelona e unha manifestación que se espera que teña a concorrencia das Diadas máis importantes, a xornada é a máis relevante para todas as partes. Para os movementos sociais, para os partidos independentistas e tamén para as forzas de seguridade catalás e do Estado.
As marchas da ANC e Òmnium conflúen en Barcelona nesta xornada de folga xeral e participarán nunha manifestación que se espera que teña a concorrencia das Diadas máis importantes
A diferenza do que ocorreu nalgúns dos paros convocados unicamente por sindicatos independentistas, e por tanto sen CCOO nin UGT, este 18 de outubro si se espera que haxa afectación á actividade económica. Non tanto pola forza do Intersindical-CSC e a Intersindical Alternativa de Catalunya (IAC), os convocantes oficiais, senón porque algunhas empresas decidiron paralizar a súa actividade para evitar problemas. É o caso da SEAT, unha planta que ten 15.000 traballadores, e que decidiu pechar a súa liña de produción en Martorell para garantir "a seguridade dos seus traballadores".
Unha das marchas de ANC e Òmnium, que veñen transcorrendo nos últimos días de xeito pacífico e sen incidente ningún, pasan polas inmediacións da súa instalación, provocando cortes de estradas que implicarían dificultades na mobilidade para os empregados e a loxística da empresa. Outras empresas seguirán o camiño de SEAT, ao que hai que sumarlle o peche do sector público e as universidades.
As últimas folgas independentistas conseguiron colapsar estradas pero non os centros de traballo, fóra da que derivou en "paro de país" o 3 de outubro, en protesta polas cargas da policía na xornada do referendo. Se aquela folga funcionou foi pola adhesión á convocatoria da CGT e foi vista con certa simpatía por CCOO e UGT. Un dato relevante, xa que na folga deste venres é máis que probable que se somen sectores da CGT pola súa conta a pesar de que a súa central non convoca oficialmente. Os estibadores do porto de Barcelona tamén pararán.
Máis complicado que ordenar a actividade económica e os servizos está a resultar garantir a orde pública tras as manifestacións. Despois dos incidentes da noite do mércores, os máis graves até a data, o xoves o Govern consolidou un gabinete de seguimento que xa se reuniu o día anterior, coa presenza de Torra, o vicepresidente Aragonès, a consellera portavoz, o do Interior e outros.
O Goberno catalán consolidou un gabinete de seguimento das mobilizacións e dos posibles incidentes. O clima de disturbios nalgúns puntos de Barcelona contrasta co ambiente reivindicativo e tamén festivo das 'Marxes per la llibertat'
Dende esta estrutura séguese cada unha das manifestacións e concentracións, moitas delas espontáneas ou autoconvocadas mediantes redes sociais, con especial coidado das que se celebran entrada a noite. Na noite do xoves, precisamente, alén das mobilizacións independentistas, o foco estivo especialmente posto na confluencia en apenas uns centos de metros de reivindicacións soberanistas e dunha concentración ultradereitista. Os ultras agrediron a varias persoas, segundo testemuñas presenciais, e os Mossos d'Esquadra aseguraron carecer de medios para poder facer fronte con garantías a incidentes violentos coma estes.
Mentres, nun clima ben distinto, as Marxes per la llibertat seguen o seu rumbo. Estas mobilizacións arrincaron desde cinco puntos distintos de Catalunya avanzando polas estradas. Nelas participan miles de camiñantes que o deixaron todo uns días para protestar contra a condena aos políticos independentistas e veñen desenvolvéndose sen incidentes reseñables e nun ambiente tan reivindicativo como festivo.