O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste xoves unha declaración institucional sobre o conflito catalán, que foi lida posteriormente polo propio presidente Feijóo, na que o Goberno galego asume como postura oficial propia varios dos argumentos que nos últimos días está a empregar o PP, desde pedir ao Goberno central que non descarte “ningunha medida” ata criticar que os socialistas “gobernen” cos independentistas.
Non é a primeira vez que o Goberno de Feijóo emite unha declaración institucional sobre a situación en Catalunya. Xa o fixo dous anos antes dos feitos do outono de 2017 que vén de xulgar o Supremo, cando en outubro de 2015 o Parlament catalán aprobou unha declaración a favor da independencia e a Xunta respondeu cunha declaración institucional “en defensa do Estado das Autonomías” que publicitou a través de anuncios en prensa.
Como hai catro anos, a Xunta volve emitir unha declaración institucional sobre a situación en Catalunya e nela asume como postura do Goberno galego varios dos argumentos da dirección do PP, entre elas as críticas ao PSOE
Desta volta, a nova declaración institucional da Xunta emítese, segundo sinalou o propio Feijóo, non pola sentenza do Supremo senón “con motivo dos disturbios” posteriores que se están a rexistrar en Catalunya. O propio texto céntrase en presentar a Galicia, e o Goberno da Xunta, como antítese do que está a ocorrer alí, asegurando que “Galicia é unha comunidade estable, unha comunidade centrada”, facendo así unha identificación entre as supostas virtudes que Feijóo se atribúe a si mesmo e o seu partido con toda Galicia.
A declaración do Goberno galego proclama que "non parece compatible pedir aos independentistas que condenen a violencia e ao mesmo tempo gobernar con eles", en referencia velada a acordos do PSC en institucións locais catalás
No texto que leu o presidente sinálase que “España vén de superar unha nova proba” e que a sentenza do Supremo “culmina unha resposta medida” ao "desafío" independentista. E a continuación asume diversos argumentos que vén empregando o PP nos últimos días para criticar a actuación do Goberno central e o PSOE en Catalunya.
A declaración di, por exemplo, na liña do manifestado este mércores polo presidente do PP, Pablo Casado, tras reunirse co presidente Pedro Sánchez, que “ningunha medida prevista na legalidade democrática debe ser descartada”. Igualmente, a declaración institucional critica abertamente que “non parece compatible pedir aos independentistas que se condene a violencia e ao mesmo tempo gobernar con eles”, en suposta velada referencia ao acordo de PSC e JxCat na Deputación de Barcelona.
A declaración chega a referirse, para condenalos, a feitos concretos rexistrados en Barcelona como "a imaxe dun neno escapando das lapas nos brazos do seu pai", amosada este mércores por varios medios de comunicación.