Arquivada unha sanción "grave" imposta ao abeiro da lei mordaza por tratar de "ti" a un policía

Captura de imaxe do vídeo no que se ven os feitos acontecidos na rúa Raíña de Lugo en agosto de 2021 CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Desobediencia ou resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións (...), así como a negativa a identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes ou a alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación". 

Este artigo da lei 4/2015 de seguridade cidadá, coñecida como lei mordaza, foi o argüído por varios axentes da Policía Nacional para sancionar un veciño de Lugo con 601 euros por unha infracción "grave". Segundo a notificación remitida pola Subdelegación do Goberno o pasado mes de febreiro, a persoa sancionada teríase negado a identificarse e a abandonar o lugar dos feitos "en actitude desafiante", motivo polo cal lle foi imposta a multa. 

Vehículo da Policía Nacional nunha estrada galega © Delegación do Goberno en Galicia

A Delegación do Goberno arquiva unha sanción por infracción grave derivada dunha denuncia de varios axentes contra un veciño de Lugo

O afectado, que asegura que a motivación real da sanción -"camuflada baixo outro pretexto"- foi tratar de ti no canto de vostede a un axente, recorreu pola vía administrativa unha multa que vén de ser arquivada pola Delegación do Goberno: "Os feitos denunciados pola forza actuante non aparecen suficientemente probados no expediente". 

Eses feitos aconteceron hai case un ano, en agosto de 2021 na rúa Raíña de Lugo, cando o afectado accedeu a varios axentes que identificaban un malabarista coñecido seu para interesarse pola súa situación. Segundo o afectado, e polas imaxes do vídeo que achegou nas alegacións como proba, un dos axentes recoñece que o vai sancionar "por falta de respecto a axente da autoridade". 

O afectado e o vídeo que achega indican que o motivo da denuncia foi tratar de "ti" e non de "vostede" a un axente e non desobediencia ou negativa a identificarse

"Por que? Por tratalo de ti en vez de de vostede? Cal é o motivo da denuncia", pregunta o veciño, como se pode apreciar no vídeo. "Falta de respecto porque vostede tenme que tratar de vostede", responde o axente.  

Segundo denuncia este home, na denuncia que asinan tres axentes de policía asegúrase que se nega a identificarse "en reiteradas veces", algo que, tal e como argumenta, non ocorre en momento ningún. E fai referencia ao vídeo, que tamén é tido en conta pola propia Delegación do Goberno no estudo das alegacións. 

Protesta contra a aprobación da lei mordaza CC-BY-NC-SA Adolfo Lujan

Malia o arquivo da denuncia -ao que tivo acceso Praza.gal-, este veciño de Lugo decidiu daquela interpoñer tamén unha denuncia contra os tres axentes da Policía Nacional ao considerar que "deberían ser sancionados por actuar con mala fe e mentindo". A demanda foi arquivada en primeira instancia por non estar "debidamente xustificada" a comisión dun delito, aínda que o afectado decidiu interpoñer un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial do que está á espera

O home lembra que xa en 2019 fora sancionado pola Garda Civil durante unha concentración contra as touradas en Sarria por suposta "desobediencia e negativa á identificación". Tamén naquel caso, a multa foi recorrida e unha sentenza ordenara a devolución dos cartos ao sancionado. "Como ocorre agora, aquel axente non sufriu ningún tipo de prexuízo, apercibimento ou sanción, actuando con total impunidade", denuncia. 

"O da lei mordaza é tremendo, máis aínda que as sancións sexan tan altas e que teñas que recorrelas ante o mesmo órgano que te sanciona", explica en Praza.gal o afectado, que prefire manter o anonimato e explica que é "difícil que sexan arquivadas estas multas a non ser que teñas unha proba moi obvia e evidente, como neste caso o vídeo ou o testemuño de varias persoas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.