O Arde Lucus xa é Festa de Interese Turístico Internacional: "Exporta a imaxe máis positiva de Lugo"

Chegada das tropas romanas pola ponte sobre o Miño no inicio do Arde Lucus 2022 © Concello de Lugo

O Arde Lucus xa é Festa de Interese Turístico Internacional. O Ministerio de Industria e Turismo comunicou oficialmente ao Concello lucense o outorgamento dunha distinción que procuraba dende finais do pasado ano e coa que procuraba culminar a senda iniciada en 2011, coa declaración como Festa de Interese Turístico Galego, e continuada en 2017 coa súa distinción como Festa de Interese Turístico Nacional, distinción que avalou o seu impacto no Estado.

A alcaldesa lucense celebra unha distinción que atribúe "á implicación do tecido asociativo que converteu esta celebración nunha cita única" para a recreación do pasado romano e castrexo da cidade

Acompañada por membros da vintena de asociacións que cada ano se encargan de recrear o pasado romano e castrexo da cidade, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradecía este martes unha declaración que "en primeira instancia", di, é froito "do labor e implicación do tecido asociativo que converteu esta celebración local nunha cita única" en todo o Estado. É á veciñanza "que durante todo ano traballa para recrear con fidelidade as nosas orixes", di, "á que cómpre atribuír a distinción" a unha festa que, di, serve para "exportar a imaxe máis positiva do noso municipio e dos e das lucenses".

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, amosando a certificación que acredita o Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional, este martes xunto a asociacións de recreación histórica que impulsan a celebración © Concello de Lugo

Xunto ao monumento aos fundadores da antiga Lvcvs Avgvsti, Lara Méndez evocou as orixes da festa, que a principios de século naceu para "incentivar o sector da hostalería" no centro histórico ao inicio do verán, lonxe da gran cita festiva anual do San Froilán, "e que só duraba unha noite". Foi en 2003 cando o Concello ampliou a súa duración a unha fin de semana e, dende aquela, cando comezou a "incrementar o seu éxito" como "aposta para recuperar o noso pasado" de forma "participativa e lúdica", lembra.

O Concello de Lugo comezou a celebrar o Arde Lucus hai dúas décadas e inicialmente duraba unha soa xornada coa fin de impulsar o sector hostaleiro

A recreación histórica, xunto co "compoñente identitario, patrimonial, cultural, lúdica e de dinamización económica", destaca a rexedora, fan do Arde Lucus unha festa "absolutamente singular" que tamén, lembra, resistiu a pandemia a través das súas actividades culturais paralelas e a través de internet. A presenza dixital, acrecenta, serve tamén para unha repercusión internacional que agora se amplía con esta nova declaración. A ese eco tamén contribuíron, lembra, outras iniciativas coma o gran mural no que o artista urbano Diego As representou a Caio Xulio César, distinguido en 2021 como o mellor graffiti do mundo. 

Desfile na contorna da Mosqueira no Arde Lucus 2019, o previo á pandemia © Concello de Lugo

A declaración do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional súmase a outra quincena de festas galegas con esta distinción e chega a apenas tres meses da súa edición de 2023. Como xa sucedera noutra ocasión, este ano o Arde Lucus cadrará co San Xoán, xa que principia o 22 de xuño e se estende ata o día 25. No sitio web da celebración o Concello de Lugo irá incorporando os diferentes elementos do programa festivo.

Novo cartel por ter o inicialmente elixido "moitas similitudes" cun das Fallas

A noticia era confirmada escasas horas despois de que o Concello lucense decidise anular o cartel inicialmente elixido esta mesm mesma semana polo xurado para anunciar a edición 2023 do Arde Lucus. Fíxoo "tras detectar que o gañador presentaba moitas similitudes con outro traballo que fora utilizado para anunciar outra festa", concretamente unha pasada edición das Fallas de València

"Tras analizar as semellanzas, o xurado optou por anular o cartel" elaborado por Borja Mirón e elixiu outro dos traballos que chegaran á preselección. Concretamente,  o presentado por Andrea Freire baixo o título Fera Muliers, que representa unha muller castrexa e outra romana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.