Abraham Cupeiro e a Filharmónica de Braga inaugurarán o programa de Lugo como capital cultural do Eixo Atlántico

Abraham Cupeiro, nunha imaxe promocional, e concerto da Filharmónica de Braga © Abraham Cupeiro | Orquestra Filharmónica de Braga

Feiras gastronómicas, eventos musicais na contorna dos ríos Miño e Rato ou encontros en clave histórica xúntanse na programación da capitalidade cultural con citas consolidadas como o Arde Lucus, o San Froilán ou o Caudal Fest

En abril do pasado ano o Eixo Atlántico de Galicia e o Norte de Portugal, a entidade que xunta máis de medio cento de concellos das dúas beiras da raia, escolleu Lugo como a súa Capital Cultural para este 2023. Por segunda vez, unha cidade galega -Ourense fora a elixida en 2014- concentra a actividade do Eixo para "potenciar a cultura en todas as súas expresións" e, a partir da actividade cultural do concello elixido, "contar coa presenza dos países historicamente conectados a Portugal e Galicia".

Tras varios meses de preparación, o Concello lucense vén de presentar o programa íntegro da súa capitalidade cultural. Un concerto de Abraham Cupeiro e da Orquestra Filharmónica de Braga abrirá, o vindeiro 23 de febreiro (19h30, Auditorio Gustavo Freire) unha programación que inclúe citas culturais e festivas consolidadas da cidade da Muralla, como o Arde Lucus, o San Froilán ou o Caudal Fest, e outros eventos programados para a ocasi´n.

Ana González Abelleira, edil de Desenvolvemento Local, e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, presentando o programa de Lugo como capital cultural do Eixo © Concello de Lugo

A feira gastronómica Sabores do Eixo, do 25 ao 26 de febreiro na Praza de Abastos lucense, será a seguinte cita dunha capitalidade cultural que xa no mes de marzo terá a súa seguinte aprada no festival de arte urbana Urban Cores Atlánticas e o ciclo de cinema Mulleres Atlánticas - Unha mirada en feminino, no Vello Cárcere. O concerto clásico de Semana Santa, coa Paixón segundo San Xoán (Bach), dará paso xa en abril á Feira do libro infantil e xuvenil ou ao espectáculo de ilusionismo A Maxia do Eixo.

A gala Lucus Moda Atlántica (28 de abril), unha exposición de banda deseñada no Museo Interactivo da Historia de Lugo, ou un ciclo de conferencias sobre a antiga Gallaecia inclúense tamén nun programa que, xa en maio, se achega ao río cos "encontros pola igualdade, diversidade e inclusión" De perdidos, ao Miño, ou cun mercado artesán galego-portugués na contorna da ponte romana, que tamén no mes de maio acollerá unha mostra de xogos tradicionais de Galicia e Portugal.

O paseo fluvial do Miño preto da ponte romana -na imaxe, un mercado organizado polo Concello de Lugo- acollerá varias das actividades da capitalidade cultural do Eixo Atlántico neste 2023 © Concello de Lugo

O Arde Lucus, do 22 ao 25 de xuño, será un dos puntos fortes dunha programación que no verán volve ao río Miño con diversas actividades de música, maxia ou danza, e que tamén se achega ao río Rato co novo programa Concertos na Chanca, ao carón do emblemático viaduto do ferrocarril construído hai 150 anos. Monicreques e circo en agosto ou o Caudal Fest en setembro centrarán a programación ata que, do 4 ao 12 de outubro, cheguen as festas do San Froilán. Xa en novembro, Lugo acollerá o I Encontro de Cidades Patrimonio da Humanidade do Eixo Atlántico e o tradicional concurso de tapas, que desta volta incorporará unha nova categoría para distinguir a mellor tapa con produtos portugueses.

Na presentación da programación a concelleira de Desenvolvemento Local do concello lucense, Ana Abelleira, considerou que esta "ampla oferta" será "de interese para toda a sociedade" e con ela o goberno local, di, espera "fortalecer as sinerxías e a cooperación dos axentes culturais e sociais de Lugo cos distintos municipios galegos e portugueses que pertencen ao Eixo Atlántico". Pola banda do Eixo o seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, advirte de que xa trasladou os parabéns á alcaldesa, Lara Méndez, por un programa que tamén permite facer ver que "o diñeiro que se dedica á cultura non é un gasto, senón un investimento".

Programa de Lugo como Capital Cultural do Eixo Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.