Unha semana de actos culturais arrodeados de restricións pola pandemia, en 2020, e unhas festas semellantes ás habituais pero aínda con limitacións no groso de recintos e eventos, en 2021, termaron do San Froilán de Lugo nos dous últimos anos. Neste 2022, xa sen restricións, as festas patronais volverán encher as rúas lucenses durante nove días, coma sempre do 4 ao 12 de outubro, coas máis de 200 actividades do programa preparado polo Concello, mais tamén con encontros e celebracións que van alén da programación oficial e que a COVID obrigou a frear.
Aínda que as festas comezan na véspera do día do patrón, o recinto feiral -as barracas, como son popularmente coñecidas na cidade- quedou aberto dende o 1 de outubro e na súa primeira fin de semana acolleu multitudes. Este 4 de outubro o pregón da xornalista Esther Eirós (20h, Casa do Concello) é o inicio oficial, ao que seguirá a chegada do popular Pelúdez (personaxe creado por Xosé Trapero Prado para representar os festeiros que se achegan o San Froilán) coa súa familia.
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, con Margarida Mariño e mais a agrupación lucense Cantigas e Frores (praza de Santa María, 22h) abren este 4 de outubro un programa musical que continúa na renovada praza da Mosqueira coa música electrónica do Electronic Lucus Fest (22h30). En paralelo, a primeira verbena na praza maior e, pasada a media noite, a que xa é unha das citas clásicas das festas, as músicas da discoteca móbil Duendeneta (00:30, Praza da Soidade e ao día seguinte, 13:30 na Praza Ángel Fernández Gómez).
Tras as dúas edicións de restricións pola pandemia, as patronais lucenses contan neste 2022 cunhas duascentas actividades do 4 ao 12 de outubro. Xabier Díaz, Zahara, Joe Crepúsculo ou Treixadura destacan na parte musical do programa, que recupera todas as súas citas clásicas
O primeiro dos días grandes, o Día de San Froilán (mércores 5) tamén chegará inzado de músicas dende o mediodía. Músicas de agora e tamén de antes, coa Verbena galega d'antes ao redor do templete da Praza Maior (18h) Pasarrúas polos barrios, monicreques ou a maxia do mago Antón darán paso, xa pola noite, ao concerto de Zahara (22h, Horta do Seminario, que terá como teloneiros aos Galician Army.
Muchachito Bombo Infierno (venres 7, 22h, Horta do Seminario), Dakidarría (venres 7, 23h, praza de Santa María), o XX Festival de Cultural Tradicional (sábado 8, 17h, praza de Santa María), o Sanfroidance (sábado 8, 19h, praza da Mosqueira), Anni B Sweet (sábado, 21h, Santa María) ou Joe Crepúsculo (sábado, 23h, Santa María) darán paso ao segundo día grande, o Domingo das Mozas, que é tamén a xornada dedicada ao traxe tradicional, coa quincuaxésima edición do desfile do traxe galego.
O Domingo das Mozas é tamén o día da homenaxe a Rosalía (12h, Parque Rosalía de Castro) ou da XXIV mostra de música tradicional, (de 11h30 a 13h30 e de 17h a 18h30, recinto histórico). Pecharán a xornada os concertos de Sondeseu (21h, Santa María) e Amparanoia (22h, Horta do Seminario) e mais a verbena na Praza Maior.
Tras o Día dos Maiores, o luns 10, o martes 11 o San Frolán encarará a recta final con espectáculos coma os concertos de Rocío Márquez e Bronquio (21h, Praza de Santa María), Ariel Rot e Kiko Veneno (22h, Horta do Seminario) e No Reply (23h, Santa María), nunha noite á que regresa a Duendeneta (00:30h, Praza da Soidade). Xa na xornada festiva do día 12, o adro da Catedral acolle a Volta ao medievo que organiza antigo alumnado da escola de Arte e superior de Deseño Ramón Falcón e tamén será o día dos cantares de cego pola zona histórica. Joan Miquel Oliver (21h, Santa María) e Treixadura (22h, Horta do Seminario) pecharán o programa musical.
O San Froilán Miúdo para a rapazada e as súas familias, outras actividades artísticas, culturais ou deportivas e citas gastronómicas como a volta das casetas do polbo están tamén de volta nun programa que "en total conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes e animación nos barrios", destacan dende a Concellaría de Cultura. Todo, na que presentan como a edición "máis social" das festas, con servizos como o punto lila para abordar posibles agresións machistas ou un servizo de mochilas vibratorias para persoas con discapacidade auditiva que acudan aos concertos da praza Horta do Seminario.