Descubrín a Zahara no verán de 2019, na carballeira de Caldas. Daquela, a pesar de que a súa música non me chamara especialmente a atención, cautivoume un directo de moitísima calidade e unha muller sen medo a expresar as súas opinións sobre o escenario. Quedou no meu radar.
Calquera persoa que coñeza algo sobre ela saberá que a publicación de Merichane supuxo un antes e un despois na súa carreira artística e na súa vida, porque se atreveu a cuspir todos os traumas que a atravesaron, que son realmente os traumas que atravesan a vida de moitísimas mulleres (tamén os meus). Escoiteina chorar en entrevistas, falar dende a absoluta sinceridade e compartir a súa alma a través da súa música e dos medios. Pero no festival Noroeste, pasoume algo que vai máis alá.
O concerto que vin na praia de Riazor fíxome chorar como nunca antes chorei coa música, porque non puiden evitar comparalo co de 2019. Agora vin a unha muller completamente transformada, tan potente, tan libre, tan feliz; unha muller que con esta xira está culminando un proceso psicolóxico co que rachou coa careta da artista, para mostrar todo o seu ser enriba dun escenario no que transmitiu pura forza. E por isto só podo darlle as grazas, e sentirme orgullosa de alguén a que non coñezo, pero que me resulta tan familiar.
Hoxe estou mal, porque coma todos os días da miña vida previos ao concerto, teño a dúbida no fondo da mente de se eu serei capaz algún día de culminar o meu propio proceso psicolóxico, de se poderei algún día sentirme así de forte, así de liberada. Pero hoxe tamén estou ben, porque Zahara fíxome velo posible. Quero sentirme coma ela, e comezo a crer de verdade que podo conseguilo.
Os meus gustos musicais seguen levándome cara outros lugares. Este verán os meus concertos favoritos foron de Royal Blood, Parcels, Stromae, Jungle, Florence + The Machine (unha muller!!)… e estou emocionadísima por volver desfrutar de Muse o mes que vén. Pero hai unha cousa que teño clarísima: nunca, ningún home ou banda masculina en directo, me vai facer sentir unha mínima parte do que me fan sentir mulleres como Zahara, Hayley Williams, Tanxugueiras ou Carmen Boza, por dar varios exemplos de distintos estilos musicais.
Nunca esquecerei que foi Simmer a canción pola que me decatei de que o que levaba anos sentindo era pura raiba, e que grazas á publicación dese tema de Hayley tardei menos en buscar axuda psicolóxica. Os meus traumas son menos traumáticos grazas a mulleres bravas, co valor de abrirse en canal diante de todas nós, mostrándonos sen pretendelo as nosas propias posibilidades.