As tradicionais casetas do polbo no San Froilán teñen tarifas fixadas polo Concello de Lugo para os que son os seus produtos básicos: polbo, pan, cachelos e viño. Instálanse no espazo público do primeiro bancal do parque Rosalía de Castro durante todo o mes de outubro, no que se celebran as festas patronais da cidade (do 4 ao 12) tras o correspondente proceso de contratación.
O goberno local lucense confirma que as casetas do polbo volven ás festas tras a pandemia e, coma sempre, as racións de polbo e cachelos, o pan e o viño cóbranse segundo o marcado polo Concello
A ausencia das casetas durante a pandemia provocou que o seu retorno neste 2022 provocase máis expectación da habitual. Máis aínda porque nunha primeira volta, o concurso quedou deserto ata que o Concello decidiu rebaixar o canon de instalación. E os titulares sobre os límites ao prezo do polbo mesturáronse co debate xeral da inflación e a posibilidade de poñer topes ao prezo de determinados alimentos. Malia non existir relación ningunha e ser a lucense unha limitación que se remonta a hai décadas.
Este 8 de setembro a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciaba que tras a primeira xuntanza da mesa de contratación "podemos confirmar que neste San Froilán volverán colocarse as casetas". Tras o período de alegacións de 5 días "poderemos confirmar que negocios de hostalería" se instalarán no recinto feiral para ofrecer o polbo, que como vén sucedendo dende 2016, ten un prezo fixado de 12 euros por ración de 250 gramos. A ración de pan e de cachelos (200 gramos) custa 1,50 e a botella de tres cuartos de viño, 6 euros.
Primeiras confirmacións musicais
Treixadura, Ariel Roth e Kiko Veneno, Zahara e Muchachito Bombo Infierno actuarán nunhas festas pregoadas pola xornalista Esther Eirós e nas que Olga Novo realizará a tradicional homenaxe a Rosalía de Castro
Á espera de coñecerse o programa completo, a Comisión de Festas do San Froilán xa ratificou catro concertos para as patronais lucenses. Este xoves Ferreiro anunciaba que o 5 de outubro, día de San Froilán, actuará nas festas a cantante Zahara (22:00, praza da Horta do Seminario) e que o día 7 será a quenda de Muchachito Bombo Infierno (na mesma hora e lugar).
En días pasados o Concello lucense avanzou tamén que Treixadura pechará as festas o 12 de outubro (22 horas, Horta do Seminario), no marco da xira polo trixésimo aniversario da formación. Na véspera, o 11 de outubro (22:00 horas, Horta do Seminario) actuarán Ariel Rot e Kiko Veneno co seu espectáculo Un país para escucharlo.
A Comisión de Festas deu tamén o seu visto e prace aos nomes da pregoeira e da responsable de realizar a homenaxe a Rosalía de Castro no Domingo das Mozas. O pregón será pronunciado pola xornalista Esther Eirós, responsable do programa de turismo de Onda Cero. A homenaxe a Rosalía correrá a cargo da filóloga, poeta e ensaísta Olga Novo, que xa a realizara no ano 2013.