Treixadura celebra os seus 30 anos co libro-disco 'Camiño Longo'

Treixadura, en concerto © Treixadura

O traballo inclúe 17 cancións e máis de 100 páxinas da historia do grupo, un percorrido artístico, visual e histórico da súa dilatada carreira musical

Treixadura é unha das referencias da música tradicional en Galicia. No ano 2020 celebrou os seus 30 anos de traxectoria, aínda que a pandemia obrigou a adiar un chisco as conmemoracións. Agora a banda vén de publicar un libro-disco, Camiño longo, que recolle os 30 anos de historia e carreira musical da formación. 

O traballo inclúe 17 cancións e máis de 100 páxinas da historia do grupo, un percorrido artístico, visual e histórico da súa dilatada carreira musical que recolle a tradición e pon en valor a súa riqueza cultural. Nestas algo máis de tres décadas, Treixadura vendeu preto de 50.000 discos, unha cifra importante se temos en conta que falamo dun xénero non maioritario coma é a música tradicional.

Concerto de Treixadura © Treixadura

O single de lanzamento de Camiño longo é unha das cancións máis recoñecidas de Treixadura, 'Fisterra', que nesta ocasión é interpretada en colaboración coa Banda Municipal de Música da Coruña

Camiño longo é o oitavo disco de Treixadura e como é habitual, conta coa colaboración do Coro da Agrupación Folklórica Cantigas e Agarimos. Neste novo traballo, Treixadura recupera as melodías dos seus inicios para descubrir como lles acae a madurez e a experiencia aos temas máis emblemáticos. “Camiño longo son 30 anos de carreira, e toda unha vida compatida co noso público. 30 anos de emocións que embotellamos coa esperanza de que vos leven, coma a nós, a revivir momentos entrañables”, destacan.
 

"Fieis ao compromiso co público, rescataron algunhas melodías aínda agochadas no substrato da cultura popular e crearon outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continuase viva", destacan

O single de lanzamento de Camiño longo é unha das cancións máis recoñecidas de Treixadura, 'Fisterra', que nesta ocasión é interpretada en colaboración coa Banda Municipal de Música da Coruña. Pódese descargar na seguinte ligazón para a súa escoita e reprodución: Fisterra - Treixadura . A publicación deste novo traballo de Treixadura virá acompañada dunha xira de concertos que percorrerá toda Galicia, que polo momento xa ten confirmados máis de vinte actuacións.

Treixadura ofrece desde 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.

É un grupo recoñecido pola súa recuperación do patrimonio cultural galego e "cun reto definido", destacan: "achegar a música tradicional a un maior público, difundindo composicións propias e antigas que respectan a tradición". "Fieis ao compromiso co público, rescataron algunhas melodías aínda agochadas no substrato da cultura popular e crearon outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continuase viva", sinalan, buscando pór en valor a música tradicional galega e aderezala cun son característico propio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.