Este 9 de xuño, contra as oito e media do serán, agardábase que as lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio cruzasenn a ponte sobre o río Miño que conducía á antiga Lucus Augusti. Así sucedeu. Xusto despois, os augures bendicirán os seus estandartes. A continuación, no templo das Vestais da parte baixa da Praza Maior prendeuse o lume sagrado da deusa.
O groso das arredor de 400 actividades do Arde Lucus 2022 concéntranse no recinto amurallado e a súa contorna, con especial protagonismo para as asociacións que recrean o pasado romano e castrexo da cidade
Foron os primeiros actos dun Arde Lucus, o deste 2022, que volve ao grande tras dous anos de limitacións pola pandemia. Faino ata o domingo, día 12, con arredor de 400 actividades. Un amplo programa de actos para que Lugo regrese ao seu pasado romano e galaico e no que é clave o traballo de máis dunha ducia de asociacións da cidade. Elas son as responsables, en boa medida, de que boa parte da veciñanza vista como hai dous mil anos mentres o Concello contribúe a transformar rúas e prazas en fortificacións, mercados, templos ou mesmo no circo romano.
A veciñanza é protagonista, pero non son menos os milleiros de visitantes que se agardan no Arde Lucus -os hoteis da capital lucense están practicamente sen prazas-. Para quen chegue de fóra será ben útil ter en conta que o groso das actividades se concentran no recinto amurallado e a súa contorna, como se pode observar no mapa baixo estas liñas.
Por toda esta contorna están salpicados ata once campamentos doutras tantas agrupacións. A Castra de Lucus Augusti no parque de Rosalía de Castro, Mercenarios Galaicos, Lucus Equites e Trebas Galaicas nos arredores do seminario, Pax Romana e o Senatus Lucus Augusti na Praza da Constitución. Nos arredores da Casa do Concello están a Cohors II Lucesium e as Vestais de Lucus Augusti, tamén as agrupacións Ara Roma e Lucus Icenas Miliatore.
Para atopar aos Kertix hai que acudir ao adro da Catedral, as Asemblearias de Lucus Augusti quedan no xadrín do Museo Provincial; na praza de San Marcos, xunto á Deputación, é o lugar da Garda Pretoriana e Caetra Lucensium paran na rúa de San Froilán. Todas estas agrupacións desenvolven as súas propias actividades: dende fabricación de moedas do imperio romano a mostras de artesanía, armaduras e armas da época. Faladoiros, teatro, exposicións, invocacións aos deuses ou diversas escenificacións da loita ou da vida cotiá están tamén presentes nestes campamentos nos tres días de festa.
A Praza Maior é, ademais, o espazo no que se instala o mercado (Macellum). Moi preto, na Praza de Santa María, instálase o escenario para os dous concertos deste Arde Lucus: os escoceses Saor Patrol (na noite do sábado ao domingo, ás 00:30) e as Tanxugueiras, o domingo ás 21h30.
Quen queira observar de primeira man o ardor guerreiro do imperio ten que acudir ao Circo Romano, o sábado ás 18h30 na explanada ao carón do Pavillón Municipal dos Deportes (previa retirada de entrada e con recomendación de acudir coas vestimentas axeitadas para a época). Se, pola contra, o visitante prefire un plan más acougado pode acudir aos espazos das vodas e bautismos celtas, na Porta Miñá, ou regresar á Praza Maior, para as vodas romanas.
O espazo de artesáns (Artifex) na Praza da Constitución é tamén unha boa opción para mergullarse nun pasado de Lugo que desta volta regresa tamén pola vía tecnolóxica. Na Mosqueira, espazo cuxa peonalización está a rematar, estará dispoñible durante os tres días o espectáculo de realidade aumentada Tempvs de Lvcvs Avgvsti, que reproducirá a Muralla na súa altura orixinal e amosará cidadáns romanos paseando polo adarve, entre outros elementos.