"Un importante depósito do mundo romano" ás portas da catedral de Lugo

Intervención arqueolóxica desenvolvida no adro da catedral de Lugo. Ao fondo, a Domus do Mitreo e o acceso á Muralla © USC

A finais do século pasado, a Universidade de Santiago decidiu instalar a Vicerreitoría do Campus de Lugo no antigo pazo da familia Montenegro, fronte á Catedral de Santa María da capital lucense e ao carón da Muralla. Os imprescindibles traballos arqueolóxicos previos sacaron á luz o que actualmente coñecemos como Domus do Mitreo

As catas arqueolóxicas previas a uns traballos de accesibilidade no adro da Catedral lucense permiten profundar nos achados romanos agora musealizados na Domus do Mitreo

En apenas 600 metros cadrados, as escavacións sacaron á luz parte dunha antiga vivenda de luxo dun alto cargo romano, datada arredor do século III despois de Cristo, incluíndo un valioso espazo de culto ao deus Mitra. Aquela vivenda, hoxe musealizada, foi parcialmente destruída polas obras de construción da Muralla, da que puideron observarse ata os seus cimentos.

O arqueólogo Celso Rodríguez Cao, experto na Domus do Mitreo, xa advertira daquela de que o achado naqueles traballos é só unha pequena parte do que agocha esta privilexiada contorna. Así está a quedar ratificado nas catas arqueolóxicas que nestes días son realizadas a escasos metros da domus, previas á realización duns traballos de accesibilidade no adro da Catedral de Santa María, e que dan continuidade aos descubrimentos de principios de século.

As catas no adro da Catedral lucense dan continuidade ás escavacións realizadas na Domus do Mitreo (na imaxe) CC-BY-NC-SA Praza.gal

Estas escavacións, de apenas dous metros e medio de profundidade, amosan ás claras para Rodríguez Cao que neste espazo entre a Catedral e a Muralla está agochado "un importante depósito do mundo romano", con abondosas mostras da antiga Lucus Augusti. É posible afirmalo, mantén, porque a información atopada é "escasa, pero moi interesante" e agora o que cumpriría, advirte, é "unha actuación máis ambiciosa" que requiriría o apoio "das distintas administracións".

O arqueólogo Rodríguez Cao subliña a necesidade de que as administracións aposten por continuar esta investigación tras unhas catas que tamén amosan o trazado dunha calzada e dunha cloaca e ofrecen "información da evolución urbanística da cidade dende a época medieval"

Os achados destas catas van, ademais, alén do propio pasado romano, sinala Rodríguez Cao a través da USC. Como responsable arqueolóxico destes traballos -financiados pola Deputación lucense-, sinala que xa é posible "delimitar o trazado dunha calzada que ata o século XVIII conectaba o interior do recinto amurallado coa Porta de Santiago", pola que sae o Camiño da cidade, rumbo a Compostela.

Ao tempo, "as perforacións de terreo ao pé da fachada neoclásica" da catedral "sacaron á luz a cimentación exterior" dunha construción que comezou no século XV. Os traballos, xunto con datos previos, tamén permiten "afinar aínda máis a delimitación do trazado dunha cloaca romana" e achegan "información da evolución urbanística da cidade de Lugo dende a época medieval", así como "localizar sepulturas semellantes ás documentadas" nas escavacións da Domus do Mitreo.

É por todo isto que o investigador avoga por "dar continuidade" aos traballos que comezaron esta mesma semana. De non ser así, constata a Universidade, "poderían rematar en breve, coa reposición do material" retirado na escavación e a "colocación das pedras que forman a superficie", se maior profundidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.