Lugo evoca a memoria colectiva en torno á Muralla no seu vixésimo aniversario como patrimonio da humanidade

Vista da Muralla de Lugo na contorna da Mosqueira, nunha das imaxes divulgadas polo Concello para celebrar o vixésimo aniversario da declaración como patrimonio da humanidade © Concello de Lugo

Nunha madrugada de forte temporal do 30 de novembro do ano 2000, as principais autoridades de Lugo contiñan a respiración. Agardaban noticias de moi lonxe, de Australia, onde a UNESCO celebraba a vixésimo cuarta reunión do comité que decide os bens que pasan a ter consideración de Patrimonio da Humanidade. Aquela espera final culminaba unha longa campaña que implicara a todas as Administracións públicas e que no Concello lucense concitaba unha unanimidade transversal, ao que axudaba o feito de que a iniciativa fora impulsada tanto polas forzas que sustentaban o Goberno municipal dende había ano e medio, PSdeG e BNG, como polo PP dende o anterior goberno e dende a Xunta.

As boas novas chegaron dende Australia e, entre o vento e a chuvia, o Concello deu orde de disparar foguetes para celebralo. Na casa consistorial repartíronse bicos e apertas e o lema que cubrira a cidade nos anos previos, Muralla xa, foi substituído por Conseguímolo entre todos. Pola noite, veciñanza e membros da corporación desafiaron o mal tempo para celebráreno ao son da orquestra convidada a poñer música ao evento.

Vinte anos despois e nun contexto condicionado pola pandemia, o Concello lucense evoca a memoria colectiva en torno ao monumento compartindo nas redes sociais imaxes destas dúas décadas. Dende a iniciativa Cvmvlvum, na que a artista Luz Darriba arrodeou a Muralla de libros doados pola veciñanza para apoiar a declaración como patrimonio mundial, ata as pescudas arqueolóxicas que seguen facendo agromar o pasado da cidade en torno ao recinto amurallado, mobilizacións como as posteriores á catástrofe do Prestige, o irmandamento coa Muralla chinesa ou as melloras de accesibilidade do adarve. 

A COVID limitou as celebracións do vixésimo aniversario da declaración da Muralla como patrimonio mundial, en torno á que tamén restan algunhas materias pendentes

Instalacións lumínicas en cinco das dez portas da Muralla, nas que o Concello convidou a veciñanza a tirar fotos, ou un concerto de grupos vocais da cidade formaron parte tamén dunhas conmemoracións que, admite o consistorio, foron limitadas polas restricións da COVID. A música tamén será a protagonista no último dos actos previstos para a conmemoración, o sábado 5, con dous concertos da Sociedade Filharmónica Lucense.

Alén da celebración deste 30 de novembro e da memoria colectiva arredor do monumento e da súa declaración como patrimonio mundial, daquela distinción seguen a colgar tamén materias pendentes unhas máis avanzadas ca outras. Entre elas, o prometidísimo Museo da Romanización que a Xunta non chegou a concretar, a recuperación de múltiples treitos da face interior do adarve ou a paulatina redución do tráfico rodado pola rolda que a circunda.

Imaxes da Muralla de Lugo publicadas en 1914 pola revista 'Vida gallega' Dominio Público Galiciana / Biblioteca Dixital de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.