No amencer do 30 de novembro de 2000 lanzáronse dez bombas de palenque ao ceo de Lugo, azoutado por un forte temporal, e as campás repenicaron. A casa do Concello estaba aberta dende a madrugada, cando chegara dende Australia a confirmación de que a Unesco viña de declarar a Muralla como Patrimonio da Humanidade. Na era anterior aos smartphones á internet omnipresente algúns veciños e veciñas foron confirmar a nova ao propio consistorio, onde o alcalde, Xosé López Orozco (PSdeG) e a número dous do goberno local, Branca Rodríguez Pazos (BNG), encabezaban unha celebración que tamén secundaban os membros do PP local. Catorce anos despois daquela festa o organismo dependente da ONU vén de facer revisar o monumento lucense, cuxa conservación aplaude e ao que lle pon unha tarefa: contar con máis persoal para a súa xestión.
A través dunha revisión datada no pasado 13 de outubro a Unesco eloxia o "bo estado de conservación" da Muralla lucense que, salienta, conserva "integramente" o seu trazado orixinal e conta con probas arqueolóxicas e históricas da súa "autenticidade". O adarve da fortificación, subliña, está dispoñible para camiñar sobre el de maneira completa e é "utilizado pola veciñanza e visitantes como un espazo de lecer". Todo isto, indica, sucede malia aos impactos negativos da climatoloxía e do tráfico de vehículos que a arrodean cada día agás nun pequeno treito peonil.
Ao contrario do que poida semellar polos periódicos cruzamentos de declaracións ou mesmo polos enfrontamentos políticos do presente e do pasado, a Unesco considera que a "coordinación" entre as Administracións encargadas de xestionar e protexer a Muralla, esencialmente a Xunta e o Concello de Lugo, é "excelente". Así, detalla, aínda que non existe "un plan de xestión en sentido estrito para a Muralla", a súa conservación está "baseada" no plan director aprobado en 1992 e no plan especial da zona amurallada vixente na cidade de 1997. No entanto, obxecta, segue sen haber unha unidade técnica específica que se ocupe da "conservación e restauración" da Muralla e segue pendente a idea de constituír unha fundación na que administracións, institucións académicas e sector privado colaboren na potenciación do conxunto monumental.
A Unesco eloxia a conservación do monumento e a coordinación entre Xunta e Concello, pero cre que os "recursos humanos" están "por baixo do óptimo"
Neste contexto é no que chega un dos escasos 'peros' deste informe da Unesco. Aínda que existen certos "recursos humanos" para xestionar o día a día da Muralla, estes están "por baixo do óptimo". Asemade, indica, alén de certas actividades puntuais e do labor que realiza o centro de interpretación do monumento, "non hai un programa de educación e concienciación" sobre a construción romana "aínda que é unha necesidade identificada. Do mesmo xeito, a declaración como Patrimonio da Humanidade vén "influíndo" nestas actividades de "educación, información e concienciación", aínda que aínda hai marxe de "mellora".
O bo resultado do exame da Unesco, que noutrora advertira certos riscos para a declaración de Patrimonio da Humanidade como a reforma dun antigo cuartel que non se chegou a realizar, foi recibido con satisfacción no Concello lucense, que este domingo celebra o aniversario cun programa de actos que ten un concerto como parte central. O acto celebrarase no lucense Círculo das Artes e alí, informa nun comunicado, "escoitarase por primeira vez o himno da muralla, titulado Anel de pedra e composto polo músico Abraham Cupeiro" e proxectarase unha peza audiovisual titulada Onte e hoxe da Muralla de Lugo, elaborado no marco do proxecto europeo Muralla Dixital.