Xa pasaron 15 anos dende que, nunha madrugada de forte temporal, na casa do Concello de Lugo goberno e oposición brindaban e se daban apertas mentres a veciñanza entraba para preguntar que estaba a pasar. Estaban a celebrar unha nova que chegaba dende Cairns (Australia), onde a UNESCO viña de ratificar a inscrición da Muralla como Patrimonio da Humanidade tras unha intensa campaña de apoio cidadán e institucional. Década e media despois, medio milleiro de farois alzáronse ao ceo lucense dende o adarve do monumento para celebrar o aniversario.
Familias enteiras responderon no serán deste domingo á chamada do Concello para recolleren cadanseus farois nos accesos ao recinto amurallado e, contra as oito da tarde, prenderon e fixeron voar os farois. Unhas 3.000 persoas, entre elas a alcaldesa, Lara Méndez, e varios edís, participaron nun evento que, grazas á claridade da noite, puido ser observado dende varios quilómetros á redonda, como testemuñan ás múltiplas fotos difundidas a través das redes sociais.
O reparto dunha torta xigante con fins solidarios e mais un concerto continúan este luns un programa de actos que continuará durante a vindeira ponte festiva, cun concurso de fotografía sobre a Muralla cuxos resultados serán expostos no Centro de Interpretación do monumento bimilenario na primavera de 2016. Asemade, durante a fin de semana as actividades festivas incluíron menús especiais en varios establecementos, espectáculos musicais e unha montaxe de realidade aumentada especialmente celebrada polas persoas asistentes, na que foi posible observar a etapa de construción da Muralla e a súa configuración orixinal.
Cadrando co aniversario abriuse o ascensor que permite acceder ao adarve ás persoas con discapacidade
Este luns, cadrando co aniversario, a Muralla estreou tamén un dos equipamentos máis demandados polos colectivos de persoas con discapacidade, un ascensor, toda vez que ata o momento para acceder ao adarve cunha cadeira de rodas ou un andador cumpría facelo pola rampla cercana á Catedral, cuxa pendente dificultaba notablemente o acenso. A rexedora e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez -a Xunta ten competencias exclusivas sobre o mantemento da Muralla- acudiron xunto a un representante do colectivo Auxilia á apertura do equipamento, ao carón do Pazo de San Marcos. Para Méndez esta é unha mostra de "colaboración institucional", xa que o ascensor foi financiado polo Goberno galego sobre uns terreos da Deputación e o mantemento será sufragado polo Concello.