Dous mil anos de Lugo termal: dos baños romanos ao spa

'Apodyterium' das termas romanas de Lugo, espazo arqueolóxico aberto á visita, e instalacións do actual balneario © Deputación de Lugo
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintinoprende2-0b45877.jpeg

Dende hai unha década, a Deputación de Lugo ten en marcha o programa Lugo Termal, que tras o freo da COVID regresou con prazas ampliadas -máis dun milleiro- para que veciñanza da provincia poida achegarse a instalacións termais a prezos axustados, nunha iniciativa a medio camiño "entre o benestar e o turismo". Lonxe de ser unha moda contemporánea, as orixes do Lugo Termal remóntanse máis de dous mil anos, aos tempos nos que o noutrora bosque sagrado de Lugh virou en Lvcvs Avgusti, a cidade fundada por Paulo Fabio Máximo uns quince anos antes de Cristo e que acabaría sendo capital da Gallaecia.

As termas da antiga Lucus Augusti, cuxos restos se conservan nas instalacións do actual Hotel Balneario, incluído no programa Lugo Termal, eran xa espazo de terapia e lecer

Ás beiras do río Miño, os conquistadores construíron as termas. Uns baños públicos que eran espazo terapéutico e de lecer e que, en esencia, tiñan os espazos que no século XXI manteñen este tipo de instalacións: o caldarium, coas augas quentes, o tepidarium, a transición tépeda para o baño frío, e mais o frigidarium. Mais, como lembran dende o Balneario de Lugo, unha das instalacións incluídas no programa Lugo Termal, tamén contaba con outras estancias como a zona de baños de vapor ou a palestra, o que sería equivalente a un ximnasio.

Piscina no Balneario de Lugo, un dos espazos para os tratamentos termais © Deputación de Lugo

As escavacións arqueolóxicas ás beiras do Miño, nas instalacións do actual Hotel Balneario de Lugo, sacaron á luz ata catorce aras. Nelas, persoeiros relevantes agradecían ás ninfas "a calidade curativa das augas". Non en van, as autoridades romanas ían alí descansar e relacionarse en espazos perfectamente definidos, un dos cales aínda pode visitarse na actualidade, o apodyterium, a zona abovedada de vestiarios aberta para a súa visita no recinto do Balneario. "Son estes restos -destaca a Deputación-  os que dan ao balneario da capital lucense o privilexio de ser o único en Galicia que conserva dentro do edificio os vestixios arqueolóxicos orixinais".

A tradición termal lucense non quedou no pasado remoto. Ben ao contrario, viviu unha etapa de gran expansión dende finais do século XIX e ata que quedou truncada polo golpe de Estado en 1936. Foron os tempos no que floreceu, por exemplo, o Balneario de Guitiriz, contorna no que o acceso ás augas termais foi -e é- mesmo máis popular grazas ás fontes termais de San Xoán, Pardiñas e Valdovín. Tamén se pode ir ás augas no Inicio, na Rogueira (O Courel), en Mouriscados (Chantada), en Frádegas (Antas de Ulla) ou na poza do Alligal (Vilalba).

Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei © Deputación de Lugo

Eses retallos de historia están especialmente presentes no Hotel Balneario de Lugo, con augas "sulfurado- sódicas, bicarbonatadas e hipertermais" das que xa gozaran aqueles lucenses da romanización e que na actualidade están indicadas para tratar afeccións como a reuma, problemas respiratorios ou enfermidades da pel. En Augas Santas (Pantón), outro dos establecementos incluídos no programa Lugo Termal, as súas augas tamén están indicadas para problemas gástricos, entre outros. No caso do Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei, as terapias están especialmente indicadas para o aparello locomotor e respiratorio. E todas elas préséntanse como espazos para recuperarse do estrés ou o cansazo.

O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, responsable do programa Lugo Termal, explica que a idea do proxecto "é aproveitar a rede de establecementos termais da provincia que empregan augas mineromedicinais con fins terapéuticos e preventivos para a saúde". Por iso "fixemos estes espazos e os seus tratamentos,accesibles á veciñanza por medio de descontos". Os detalles do programa están dispoñibles no sitio web da Deputación.

Balnearios e fontes mineromedicinais na provincia de Lugo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.